Cervo, 1 de xullo de 2018.- A bandeira azul ondea desde este mediodía na praia do Torno, en San Cibrao.
A insignia foi izada nun acto no que participou o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, a edil de Medio Ambiente, Manuela Méndez, o de Seguridade Cidadá, José Ramón Soto, e outros membros do equipo de Goberno.
Ademais, dende hoxe esta praia tamén loce a bandeira Ecoplayas por terceiro ano consecutivo, sendo a única da provincia de Lugo e unha das seis de toda Galicia, que conta con este distintivo outorgado pola boa xestión ambiental; ademais da bandeira de praia sen fume.
O “Sendero Azul” do Torno tamén contará con este recoñecemento, por terceiro ano consecutivo. Un carreiro natural cun percorrido de 2,36 quilómetros, que bordea o areal que leva o mesmo nome “e que é un reclamo de primeira orde tamén para o noso Concello”.
Como novidade, recordamos que Cervo é o único concello galego que obtivo a distinción temática en información e educación ambiental, pola praia do Torno; xunto ao areal de Arona, en Tenerife e ao de Barbate, en Cádiz. Un recoñecemento que vén ligado “á aposta pola información detallada e actualizada nos múltiples paneis instalados na contorna do areal sobre a calidade da auga ou sobre o servizo de socorrismo, nos que se inclúe tamén a táboa de mareas ou unha predición meteorolóxica a curto prazo; así como recomendacións e consellos sobre reciclaxe ou indicacións para os bañistas en materia de prevención de accidentes”.
Nos últimos meses tamén se sinalizaron as dunas da Praia do Torno con paneis que destacan a súa importancia e as razóns que existen para protexelas.
Por outra banda, dende hoxe e durante dous meses e medio, sete socorristas velarán pola seguridade dos usuarios nos areais; “que financiaremos con fondos propios quince días de setembro”. Un deles estará ubicado nas Piscinas de Río Cobo, que abrirán de luns a domingo, en horario de 15:00 a 20:00 horas.
O rexedor sinalou que “aínda que O Torno é a praia que ten bandeira azul, todos os areais do Concello contan cuns servizos axeitados a disposición dos usuarios, e cunha calidade óptima para o baño”; e animou a veciños e a visitantes “a que desfruten do verán e dos recursos naturais e infraestruturas que ofrece o noso municipio”.
