O equipo de goberno de Lourenzá non vai contestar ás mentiras e manipulacións continuas da voceira popular. A realidade do que sucede nos plenos reflíctese nas actas e nas gravacións que se realizan en todas as sesións e que están a disposición dos veciños e veciñas.
A Sra. Álvarez Chao debe sentirse incapacitada para facer oposición, xa que agora acompáñase nos plenos da pseudoperiodista da Conferencia Episcopal, a Sra. Carrera, para que corrobore as súas mentiras cunha burda manipulación informativa. A ningunha das dúas lle imos contestar no futuro, o único que se merecen é o noso desprezo. O que nos sorprende é o feito de que ningún compañeiro de grupo, nin ningún membro do seu partido tome medidas e lle diga que esta non é maneira de facer oposición democrática e veraz.
O que non vai consentir este equipo de goberno é que se descualifique o traballo realizado pola secretaria municipal. Despois dunha longa traxectoria profesional pode levar con orgullo que ninguén, nin no goberno nin na oposición, puxera nunca en dúbida a súa profesionalidade e imparcialidade no desenvolvemento do seu cargo. Este ataque á secretaria municipal deixa claro cal é a catadura moral da Sra. Álvarez.
Como vemos que a voceira popular e o seu grupo están moi ociosos imos propoñerlles traballar a prol dos intereses de Lourenzá.
Se quixeran facer algo polos veciños poden empezar polo CEIP Juan Rey, o colexio público da localidade. Nunha reunión que mantivo a alcaldesa e o concelleiro de educación co Sr. Balseiro e coa voceira popular, na que estaba presente o director do colexio, expuxéronse as deficiencias que debían ser subsanadas con urxencia:
1) Substitución das ventás e portas para mellorar a eficiencia enerxética.
2) Cambio da caldeira da calefacción por outro tipo de enerxía menos contaminante e máis eficiente.
3) Reparación da instalación eléctrica, en moi mal estado.
4) Instalación dunha cuberta nas escaleiras de entrada (subvención que lle foi denegada ao Concello pola Xunta de Galicia dous anos seguidos).
5) Cuberta do areeiro no patio exterior, xa que queda inutilizado tanto os días de choiva como os posteriores.
6) Ampliación dunha praza docente para a atención do alumnado inmigrante con descoñecemento do idioma.
Para empezar, pensamos que xa teñen dabondo. Reúnanse vostedes coa dirección do Colexio e reclamen ao órgano competente, Consellería de Educación da Xunta de Galicia, a solución destes problemas, tal e como prometeu nesa xuntanza o Sr. Balseiro.
Pedímoslle á Sra. Álvarez Chao e ao seu equipo que menos prensa, menos palabrería e que arrimen o ombro, botando unha man, pensando nos intereses de Lourenzá e non no rédito electoral, que dificilmente sacaran empregando este tipo de métodos.
Como no seu día dixo a Sra. Carrera, nun momento de lucidez periodística, “os veciños non son tontos…”.