Ribadeo, 31 de xullo de 2018. O portavoz do Partido Popular no Concello de Ribadeo, Jesús López Penabad, anuncia que este xoves empezarán as obras para mellorar a estrada Reme-Vilamar. Son 11,5 quilómetros nos municipios de Ribadeo e Barreiros e a obra conta cun investimento de preto de 1 millón de euros da Xunta de Galicia. Penabad tamén explica que a administración autonómica financiou as actuacións musicais que houbo nas festas do Carme ribadenses celebradas a pasada fin de semana.
O voceiro dos populares ribadenses explicou que “este xoves, día 2 de agosto, estarán as máquinas traballando na estrada Reme-Vilamar, que é titularidade da Xunta de Galicia e quedara de facer esta obra. Amañarán once quilómetros e medio aproximadamente en Barreiros e Ribadeo. Había moita necesidade de arranxar esa estrada e faise cun investimento de case 1 millón de euros”.
López Penabad sinala que “isto vai en contraposición do que di o alcalde todos os días, que a Xunta non inviste en Ribadeo. Este é un exemplo máis e é unha obra de importancia para todo o interior de Ribadeo e na que a Xunta de Galicia está investindo. O alcalde criticábanos o outro día porque falábamos por falar. Nosoutros como oposición cando falamos e porque previamente os veciños se poñen en contacto con nosoutros e nos denuncian algunha situación. Se el non o cre así é porque cada vez está más distante dos ribadenses. Non sei se será porque cando chegou das vacacións non lle gustou o que denunciamos”.
O portavoz do PP no Concello de Ribadeo sinala tamén que “no tema do mercado semanal do 25 de xullo houbo malestar porque o verán dura pouco e este ano climatoloxicamente é malo e prohibiu, porque iso foi o que fixo, que se celebrara o mercado e obrigou a pechar a todo o comercio. Saben o que teñen que facer, son autónomos, polo tanto o que pedimos é liberdade, que cada un que poida facer o que considere oportuno. A xente ten necesidade de descanso, por suposto, pero eles deben poder decidir se abren ou non, e non por unha imposición do Concello de Ribadeo”.
Jesús López Penabad engade que “no tema de saneamento e abastecemento de auga, levan quince anos gobernando, catro en bipartito e once en solitario, preguntámonos que fixeron para mellorar o alcantarillado e a traída de auga, que tan mal está e tan necesitada está de arranxar. Eu na miña casa cando teño algo que amañar terei que facelo eu. Polo tanto no tema de saneamento e alcantarillado botamos moito en falta o seu compromiso e a falta de traballo, porque non fixo absolutamente nada. Tamén fala da limpeza da estrada da Costa e cos anos que leva gobernando debería saber quen é o titular desa estrada, pero non é a Xunta de Galicia”.
O voceiro popular explica: “seguiremos facendo oposición, dando a coñecer as demandas que nos fan os veciños. Ademais teño que destacar o traballo do meu compañeiro e deputado Daniel Vega e á vez quero agradecer á comisión de festas do Carme o traballo que fixeron para poder sacalas adiante, porque a Xunta de Galicia financiou a actuación do grupo que tocou o sábado, Son do Sil, e tamén o monolito e os gaiteiros. Polo tanto aí está o compromiso da Xunta e noso con Ribadeo e coas festas. Como iso podería dicir outras moitas cousas. Por exemplo respecto aos desbroces e a Xunta apórtalle ao Concello de Ribadeo dous tractores con dúas desbrozadoras, máis outro que lle aportou antes. Eu non estou aquí para recordar o que aporta a Xunta, pero véxome na obrigación cando o alcalde critica que a Xunta non dá de poñer en valor as cousas que fai e que son palpables polos veciños”.
López Penabad dille ao alcalde que “se achegue un pouco máis aos veciños e que mire as demandas e necesidades. Ata hoxe estaba sen limpar Santa Cruz, daba pena, estamos a 31 de xullo e ter aquel miradoiro de Ribadeo na situación que estaba era lamentable. Hoxe, como está aí a Xira, por fin limpouse, pero tamén houbo moitísimas queixas. Hai infinidade de cousas que non ven e nosoutros seguiremos denunciando; e non é falar por falar, é a realidade de Ribadeo”.
O PP de Ribadeo anuncia o comezo das obras da estrada Reme-Vilamar este xoves. O investimento é de case un millón de euros aportado pola Xunta, que tamén financiou as actuacións musicais das festas do Carme ribadenses
- Anterior
Ribadeo modificará a ordenanza fiscal que regula a ocupación de espazos públicos. Estarán exentas de pagar esa taxa aquelas entidades ou asociacións sen ánimo de lucro que non busquen beneficio económico ou que a cantidade que poidan obter non sexa relevante en relación co custo da actividade organizada