Viveiro 3-8-18. Coa finalidade de render homenaxe aos escritores Antón e Ramón Vilar Ponte e asemade, apoiar e difundir a literatura en lingua galega, o Concello de Viveiro convoca o I PREMIO DE NOVELA VILAR PONTE, de acordo coas seguintes
BASES
PRIMEIRA:
Poderán participar nel todas as persoas, maiores de idade e de calquera nacionalidade, que presenten obras orixinais e inéditas; escritas en lingua galega, conforme á normativa vixente; e que non foran premiadas con anterioridade (os participantes neste premio teñen o deber de comunicar ao Concello de Viveiro a concesión de calquera premio que obteña a obra presentada, no momento no que esta situación se produza, o que dará lugar á súa exclusión deste concurso).
SEGUNDA:
As obras terán unha extensión e temática libre.
TERCEIRA:
De cada orixinal presentaranse catro copias en papel, en tamaño DIN A4, impresas a dobre espazo e, cada unha delas, debidamente grampada, cosida ou encadernada.
Os orixinais presentaranse sen firma, con título, cun lema e utilizando o sistema de plica. Non poderán levar ningunha inscrición que poida suxerir o nome do autor ou autora.
Presentarase, ademais, un sobre pechado no que figure por fóra o devandito lema e o título da obra. Dentro do sobre incluirase nome completo, dirección e teléfono do autor ou autora, así como unha fotocopia do DNI e unha declaración responsable conforme a obra se axusta ás normas establecidas nestas bases. Só se abrirá o sobre dos traballos premiados.
CUARTA:
O prazo de presentación de orixinais iniciarase ao día seguinte ao da publicación das presentes bases no Taboleiro de Anuncios Dixital e finalizará o 19 de outubro de 2018, considerándose incluídas neste prazo as que, enviadas por correo, presenten selo postal de orixe con esa data ou anterior.
As obras presentaranse no seguinte enderezo: Concello de Viveiro, Praza Maior, s/n, 27850 Viveiro (Lugo), facendo constar no exterior “Para I Premio de Novela Vilar Ponte”.
QUINTA:
O xurado, que será designado mediante Resolución de Alcaldía, estará composto por tres persoas vinculadas ao ámbito literario e cultural e mais un representante do concello, con voz e sen voto, que actuará como secretario.
A composición do xurado darase a coñecer, con anterioridade á súa reunión, no Taboleiro de Anuncios Dixital, co fin de que se poidan interpoñer os recursos legais pertinentes.
O xurado terá todas as facultades para a interpretación e integración das posibles lagoas nas presentes bases en todo o relativo á concesión do premio (que poderá quedar deserto no suposto de que non se presentaran obras de calidade adecuada a xuízo do xurado); a súa decisión estará baseada en criterios de valoración literarios e lingüísticos, dando cumprimento aos principios de publicidade, transparencia, igualdade, non discriminación e obxectividade.
As deliberacións do xurado serán secretas e delas redactarase a acta correspondente. Os premios concederanse por maioría de votos.
O xurado emitirá a súa decisión na segunda quincena do mes de novembro de 2018, presentando a súa proposta á Alcaldía do Concello de Viveiro, que ditará resolución concedendo os premios aos candidatos propostos polo xurado. Esta resolución, na que deberán figurar os nomes dos gañadores, será publicada no Taboleiro de Anuncios Dixital, outorgando un prazo de 10 días hábiles aos seleccionados para a presentación dunha declaración responsable de estar ao corrente nos seus deberes tributarios e coa seguridade social, e non estar incursos en prohibición de percepción de deberes públicos, e en xeral de cumprir os requisitos do artigo 13 da Lei 38/2003, de 17 de novembro, Xeral de Subvencións.
SEXTA:
Establécense dous premios; un primeiro premio, que consta de 4.000,00 euros, placa e diploma; e un segundo premio, que consta de 1.000,00 euros, placa e diploma. O importe dos premios estarán suxeitos á lexislación fiscal vixente. Os premios están consignados na partida 3340.481, atopándose retido o crédito necesario.
A entrega dos premios terá lugar nun acto público organizado polo Excmo. Concello de Viveiro no Teatro Pastor Díaz.
SÉTIMA:
As obras gañadoras pasarán a integrar o fondo do patrimonio da Biblioteca Pública Municipal de Viveiro, podendo ser editadas por este Concello. Neste sentido, os autores renuncian a favor do Concello de Viveiro, na primeira edición, a calquera tipo de remuneración polos seus dereitos de autor. De desexar os autores facer uso dos textos premiados para a súa publicación deberán solicitar permiso ao Concello de Viveiro. De serlles concedido os autores comprométense a facer constar na publicación, expresamente, que as obras foron distinguidas no premio de novela Vilar Ponte.
OITAVA:
As obras non premiadas serán destruídas xunto as plicas, non admitíndose peticións de devolucións.
NOVENA:
A participación neste premio implica a aceptación destas bases.