Alfoz, 12 de Agosto de 2018. Durante a xornada deste domingo 12 de agosto celebrouse en Alfoz a terceira edición do Maratón de Pintura ao Aire Libre no que participaron pintores de todas as idades dentro de dúas categorías, unha infantil ata 16 anos e outra sénior. A técnica e as medidas dos traballos foron libres, non así a temática que obrigatoriamente tiña que ser referida ao concello de Alfoz, podendo reproducir calquera motivo, monumento ou paisaxe do termo municipal.
Na categoría sénior o vencedor foi o leonés Juán Ramón Alves Fernández, gañador tamén da edición pasada, quen representou en acuarela unha paisaxe do entorno do Castelo do Castrodouro, cun premio consistente nun bono de compra doado pola tenda O Lar do Pintor de Burela, así como un diploma acreditativo e un trofeo deseño de Alberto Geada. O segundo premio foi para Susana Fernández Pardeiro, de Barcelona, o terceiro premio foi para María Selmira Balseiro de Valadouro, e o premio ao mellor artista local foi para María Jesús Martínez García. Estes tres últimos recibiron diferentes lotes de produtos de pintura ademais do correspondente diploma acreditativo e trofeo.
Na categoría infantil o primeiro premio, consistente igualmente nun bono de compra doado pola tenda O Lar do Pintor de Burela, diploma acreditativo e trofeo, foise para a alfocense, Lidia Exposito Goás, tamén gañadora do premio á mellor artista local, e que representou a Igrexa Parroquial de San Mamede de As Oiras. O segundo premio foi para Diego Canto Carreiras, de Gijón, o terceiro para Pablo Martínez Fernández, de Barcelona, e un accésit para Alejandra Martínez Fernández, de Barcelona, recibindo igualmente diferentes lotes de produtos de pintura, diploma acreditativo e trofeo.
O xurado estivo presidido por Xosé Blanco,artista local, acompañado por Hipólito Xeada que esa mesma tarde inauguraba unha exposición no Castelo de Castrodouro, e ambos acompañados por Tamara Casabella, outra artista local. Na entrega de premios participou Xabier Pardiñas, tenente alcalde de Alfoz e responsable da área de cultura e turismo, quen indicou que ”seguirase apostando por este tipo de eventos que buscan promocionar a través da pintura os recursos turísticos de Alfoz”. Juán Ramón Alves, gañador das dúas últimas edicións da categoría sénior, agradeceu este tipo de iniciativas que dan pé a que se coñeza esta fermosa zona da Mariña interior, indicando que sen dúbida difundirá este evento para que no vindeiro ano se incremente a participación.