Foz, 3 de agosto de 2018. O Concello de Foz aprobou, no pleno celebrado este xoves, a Relación de Postos de Traballo (RPT), unha modificación e certificacións das obras na rúa Álvaro Cunqueiro e a ordenanza de praias, entre outros asuntos. O alcalde, Javier Jorge Castiñeira, subliñou o bo clima de diálogo que houbo entre os grupos da Corporación, o que permitiu aprobar estes asuntos importantes.
O rexedor municipal manifestou que “a satisfacción é máxima. É certo que había varios puntos importantes a proposta do equipo de goberno, que saíron adiante. Teño que destacar o afán de sacar as cousas adiante de toda a Corporación. Eran temas moi importantes, especialmente a aprobación inicial da RPT, que é o organigrama e a estrutura de traballadores do Concello que se propón para os próximos anos, que ten un alto consenso tanto co comité de empresa como cos sindicatos e pasará directamente á exposición pública co apoio maioritario de todas as forzas. É un documento importante e hai un amplo consenso”.
Javier Castiñeira declarou ademais: “tamén estamos contentos por aprobar tanto as modificacións de obra propostas para a rúa Álvaro Cunqueiro como as dúas certificacións, que son case 118.000 euros a primeira e a segunda aproximadamente 158.000 euros. É importante que a empresa siga no ritmo que leva e para elo loxicamente hai que pagarlle; os informes foron positivos para facer ese pagamento, autorizáronse esas pequenas modificacións dos proxectos e agradezo a boa colaboración da comisión informativa de seguimento desta obra, dos portavoces e dos grupos porque están participando e aportando diferentes cousas importantes”.
O alcalde engadiu: “solicitouse a ampliación da captación do río Ouro e a regularización da captación de Cordido, tamén con amplo consenso, e aprobouse definitivamente a ordenanza de praias. É unha ordenanza nova, para a que había 26 alegacións, das cales soamente se aprobou parcialmente unha e o resto quedaron desestimadas por ser practicamente xuízos de valor particulares da oportunidade ou non de dita ordenanza”.
Castiñeira rematou comentando que o goberno municipal está contento “por ese bo clima e ese bo diálogo polo que eu avogo nesta Corporación e do que eu me sinto orgulloso, posto que ao final redunda en cousas positivas para o concello”.