A Mariña, 9 de agosto de 2018. O Bloque Nacionalista Galego vén de reclamarlle á Deputación Provincial a realización de obras de mantemento e mellora das estradas provinciais que discorren polo concello de Muras. Segundo explicaron desde a formación nacionalista “desde o comezo deste mandato os investimentos en materia de infraestruturas da institución provincial neste concello foron practicamente inexistentes, o que supón un claro agravio comparativo con calquera outro concello da provincia.”
Para o BNG “non é de recibo que haxa investimentos comprometidos desde o ano 2015 e que aínda non se realizara ningún, polo que é de xustiza que neste momento o plan de estradas provinciais destine ao concello de Muras unha partida importante para poder acometer todas as tarefas pendentes que a Deputación acumula neste concello.”
O deputado provincial, Antonio Veiga, acompañou en días pasados ao alcalde murense, Manuel Requeixo, nun encontro que mantiveron co presidente da institución provincial co fin de trasladarlle estas demandas que “respostan a unha necesidade social clara e a unha cuestión de equidade e xustiza no reparto de fondos de todas as veciñas e veciños da provincia.”
Segundo manifestou o deputado, “estradas tan importantes como as que van ao centro de Muras ou ao Viveiró están clarisimamente necesitadas dun arranxo que xa levan anos agardando e, se se seguen deixando acumular tempo sen arranxar, ademais das importantes molestias que xeneran; suporán un custo cada vez maior.”
O BNG agarda que o goberno provincial cumpra coas veciñas e os veciños de Muras, “xa que pagan os seus impostos igual ca en calquera outro concello e non se pode seguir permitindo que estean no esquecemento dunha institución provincial que debera servir para axudar o máximo posible aos concellos e, especialmente, aos máis pequenos”, asegura Veiga.