Lugo. 7, agosto, 2018. O Grupo Provincial Popular tomaba parte esta mañá na reunión do consello de administración da Sociedade Urbanística Provincial (Suplusa) na procura dunha solución para o pagamento das nóminas do mes de xullo aos 29 traballadores deste ente público. Así, finalmente acordábase o nomeamento dunha interventora accidental.
A voceira popular, Elena Candia, explicou que “este Grupo traballou buscando unha solución acorde coa legalidade para que estes traballadores cobren o seus salarios” porque, segundo os populares, trátase dun asunto “urxente”.
Pola contra, “o compromiso cos dereitos dos traballadores por parte dos demais grupos provinciais xa quedou patente nas declaracións que ofreceron esta mañá”, apuntou Candia. “Os socialistas queren intervir administrativamente a entidade e os nacionalistas piden un pleno extraordinario para disolver Suplusa. Isto demostra que queren rebentar as institucións se non as controlan”, advertiu a voceira popular. Nese senso, a popular lamenta que “pretendan confundir sobre a situación de Suplusa pedindo uns a integración e outros a súa disolución”.
Candia engadiu tamén que “lles importa moi pouco o que levan por diante”. De feito cre que “os cegan as súas liortas de odio e desprezo levándoos ata a utilizar as nóminas dos traballadores”. A voceira popular lamentou esta situación á que define como “un novo capítulo deste esperpéntico mandato socialista”.
Os populares, a favor dos traballadores
Elena Candia asegura que “o noso Grupo sempre estivo do lado destes traballadores na procura dunha solución a esta situación que é froito do enfrontamento entre o Grupo Socialista e o presidente de Suplusa”.
O compromiso dos populares cos traballadores de Suplusa quedou demostrado coa presentación dunha moción de urxencia no pleno do pasado 31 de xullo na procura de solucións. Pero, como recordou Candia, “eran os 10 deputados socialistas os que votaban en contra desta proposta que, finalmente, foi aprobada cos votos a favor de 15 deputados –os populares, os nacionalistas e o deputado non adscrito-“.
Candia reitera a vontade do Partido Popular de colaborar para que os traballadores poidan cobrar as nóminas pendentes como xa ten demostrado dirixindo o pasado 2 de agosto unha solicitude ao presidente da Deputación e ao presidente de Suplusa pedindo unha solución inmediata a este asunto.
Prexuízo para os opositores a unha praza pública
Sobre o anuncio do inicio dos trámites de disolución da Sociedade Urbanística Provincial e a súa integración na Deputación Provincial, os populares amósanse cautelosos e avanzan a necesidade de estudar en profundidade a proposta que foi rexeitada na Xunta Xeral Extraordinaria celebrada o pasado 27 de xuño.
Candia considera “perigoso” integrar aos traballadores de Suplusa no ente provincial de igual xeito que está previsto facer con aqueles profesionais da Fundación TIC; en tanto que “supón un prexuízo para aquelas persoas que se están a esforzar gastando o seu tempo e diñeiro na preparación dunha oposición pública”.