Burela, 29 de setembro de 2018. En outubro darán comezo unha serie de obras de asfaltado en varias rúas da localidade. Estas actuacións faranse en tramos das rúas Eijo Garay, Suafonte, Pardo Bazán e Nosa Señora do Carme, entre outras. O presuposto rolda os 30.000 euros e o concelleiro Ramiro Fernández Rey agradece á Deputación Provincial a achega para afrontar estas melloras.
O edil de Obras anunciou que “no Concello de Burela vimos de adxudicar nestes días unha obra que consideramos que é importante e que se refire a unha serie de asfaltados en varias rúas que están bastante deterioradas. Estas obras están incluídas no Plan Único da Deputación Provincial e teñen un presuposto que rolda os 30.000 euros”.
Ramiro Fernández Rey detallou que “as actuacións que se van levar a cabo van ser en Eijo Garay, nun tramo que está bastante deteriorado e tamén nos aparcamentos. No primeiro tramo da rúa Suafonte, que ten necesidade de facer un asfaltado en condicións, e tamén imos seguir traballando noutro tramo de Pardo Bazán, que como os anteriores está bastante deteriorado e queremos actuar nel. Outro dos asfaltados farase tamén en Nosa Señora do Carme”.
O concelleiro burelés dixo que “ademais disto imos aproveitar para facer outra serie de actuacións en zonas que temos tamén con problemas de asfaltado. Eu penso que estas obras van mellorar a boa imaxe do pobo en todos os aspectos e a previsión é que dean comezo no mes de outubro”.
Fernández Rey agradece “a colaboración, como sempre neste tipo de obras, da Deputación Provincial, que nos fai unha achega importante para estes temas”.
O edil indicou que “imos ir anunciando cando cheguen as máquinas dos cortes de tráfico que haxa que facer para facilitar ao máximo posible a circulación dos vehículos por Burela”.