Cervo, 11 de setembro de 2018.- O Concello de Cervo vén de reforzar o equipamento das delegacións de Medio Ambiente e Medio Rural coa adquisición dun novo tractor, con rozadora de brazo integrada, que supuxo dun investimento de 72.522 euros; o 30% deles procedentes do Fondo de Compensación Ambiental da Consellería de Vicepresidencia da Xunta de Galicia, e os restantes asumidos con fondos propios.
O alcalde, Alfonso Villares, e o edil de Medio Rural, Plácido Pérez, estiveron vendo in situ a nova ferramenta de traballo xa en activo no Polígono de Cuíña “que nos permitirá gañar en eficiencia e produtividade para ampliar o noso radio de acción, dando así cobertura ás necesidades dun municipio moi rural e extenso, e cunha superficie forestal abundante e moi dispersa” apuntou Villares.
O novo tractor, que vén sumarse a outro vehículo destas características co que xa contaba o Concello de Cervo, será destinado fundamentalmente a labores de protección do medio ambiente e do espazo natural, e de recuperación e rexeneración de zonas verdes.
Pola súa banda, Pérez apuntou que “debido, en moitos casos, ao abandono da actividade tradicional, moitos camiños de uso público posúen abundante vexetación e neles cómpre facer labores de roza tamén, para poder manter os accesos ás fincas e aos núcleos o máis acondicionados posible”.
