Viveiro, 29 de novembro de 2018.- A Consellería de Economía, Emprego e Industria publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a resolución dun programa de axudas posto en marcha por primeira vez este ano para impulsar o relevo xeracional na Artesanía de Galicia, a través do cal se busca formar aprendices e posibilitar a transmisión das técnicas artesanais.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, sinalou que a Xunta colabora nesta iniciativa con dous artesáns de Viveiro, Otero Regal e Óscar Rodríguez, achegando preto de 46.000 euros para a formación de catro aprendices -dous en cada caso-.
O programa supón no conxunto da provincia de Lugo un orzamento global de 70.000 euros pola participación de catro obradoiros que formarán a seis aprendices -11.435 euros por cada persoa en formación-.
Así, ademais dos obradoiros viveirenses, resultaron beneficiarios das axudas o de Santiago Besteiro, situado en Monterroso e especializado no traballo co coiro, e mais o de Idoia Cuesta, localizada en Outeiro de Rei e dedicado á aplicación das técnicas de cestería a materiais téxtiles.
Os artesáns e os aprendices subscriben un acordo de formación para levar a cabo as prácticas non laborais, financiado pola Xunta. Os aprendices son mozos e mozas de diferentes disciplinas de Formación Profesional, Deseño Industrial e Belas Artes que están a completar a súa formación grazas a esta iniciativa, que adapta a formación dual ás características propias do sector.
Impartiranse coñecementos, tanto teóricos como prácticos, nos propios obradoiros artesanais baixo a supervisión dun titor que deberá ter a formación e experiencia necesarias. Ao remate do período formativo, a empresa terá que expedir un certificado ao bolseiro acreditativo das horas, período e contidos de dita formación.
Cada artesán, que terá que estar inscrito no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, recibirá unha contía fixa de 200 euros ao mes para sufragar os gastos de Seguridade Social e de funxibles e materiais, ademais do importe que lle corresponderá ao alumno por participar na bolsa, que será de 800 euros ao mes no caso de que o proxecto teña unha duración dun ano e sexa a xornada completa. Se a empresa conta con 6 ou máis traballadores pode solicitar ata 2 aprendices, polo que se duplica o importe da axuda.
A Artesanía de Galicia é un sector en auxe no que traballan máis de 5.000 persoas e que cada día incorpora novo talento que contribúe a potenciar o valor do feito a man, mesturando o saber facer dos oficios tradicionais galegos cunha crecente aposta polo deseño, a creatividade e a calidade das pezas.
A Xunta, dentro da súa estratexia de impulso á Artesanía de Galicia, concedeu este ano máis de 800.000 euros en axudas ao sector artesanal, centradas, ademais de na remuda xeracional, en impulsar a mellora da comercialización, a visualización e a presenza nos mercados. Ademais, desenvólvense cursos formativos dirixidos á especialización e ao perfeccionamento das técnicas dos artesáns galegos.
A resolución completa do programa de axudas para a formación de aprendices pode consultarte no DOG, no seguinte enderezo:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2018/20181129/AnuncioG0424-221118-0002_gl.html






















Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A alcaldesa Marta Rouco inaugurou a cita, que abriu coa IV Volta Ciclista á Terra Chá e cunha programación centrada na relación entre Galicia e Cuba e na memoria da emigración. Houbo unha mesa redonda sobre o Centro Galego da Habana, a exposición Galicia Imaxinada e música, ademais dunha mostra de xornais antigos. Rouco reivindicou a importancia de lembrar a emigración galega e apelou a mirar con humanidade as migracións actuais, destacando tamén o papel das asociacións culturais das parroquias na conservación das tradicións. A feira continou con desfile de época, xantar popular, xogos, animación, baile cubano, foliada, queimada e propostas musicais e artesanais ata a noite.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Ocorreu minutos antes das 11:30 horas. Unha persoa foi trasladada ao hospital tras resultar ferida na colisión entre un coche e un autobús no quilómetro 512 da A-8 en sentido A Coruña, en Vilaframil (Ribadeo). Entre os alertadores estiveron as persoas que viaxaban no coche, que puideran saír do vehículo. Por outra banda, o autobús conseguiu deterse uns metros máis adiante. Ao punto desprazáronse Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da autovía.
O próximo luns 14 de setembro comeza un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.
A programación arrancará de 13:00 a 15:00 horas cos pinchos de benvida e unha sesión vermú a cargo do DJ Peabody. A continuación, de 15:00 a 17:00 horas, terá lugar a comida na Finca San Antonio, cun menú composto por salpicón de rape e langostinos, codillo con patacas, pan, postre, café, chupito e bebida incluída. Os tickets teñen un prezo de 40 euros e poden adquirirse en O Rincón, Confitería Alianza, Comercial Anjor e Perruquería Oriola; os menores de 5 anos asistirán de balde e os de 6 a 10 anos contan cun desconto do 50 %. Xa a partires das 18.30 horas haberá sesión de música con Toxo Guayaba.



