Viveiro, 29 de novembro de 2018. O presidente da Mancomunidade da Mariña Lucense e alcalde de Burela, Alfredo Llano García, presentou esta mañá o programa CATUXA de sensibilización sobre a violencia de xénero e a igualdade entre mulleres e homes destinado á poboación adolescente. O acto tivo lugar no IES María Sarmiento de Viveiro e contou coa asistencia doutros alcaldes e representantes dos concellos que integran esta Mancomunidade, integrantes das comunidades educativas dos centros docentes dos municipios da Mariña Lucense, ademais de tres clases de alumnos e alumnas de educación secundaria obrigatoria.
Tras a benvida a cargo da directora do IES María Sarmiento, María Elena Pérez Inés, a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro García foi a encargada de ler a declaración CATUXA que contempla os obxectivos que se perseguen coa execución deste programa e que pasan por progresar en Igualdade, tal e como recolle o seu lema.
Modelos iguais
Para iso, CATUXA aposta por promover modelos de relación entre os e as adolescentes baseados na igualdade e a non discriminación e sensibilizar e informar á sociedade sobre a importancia da prevención da violencia de xénero para a súa erradicación.
Pola súa banda, a xefa territorial da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, María Del CarmenGueimunde González, animou a tomar conciencia social do problema da violencia de xénero e neste sentido, engadiu que “a violencia non é o futuro, o futuro sodes vós, a mocidade”.
Precisamente, o programa CATUXA responde ás necesidades de promover as relacións igualitarias baseadas en novos modelos sociais de referencia con dinámicas de traballo que fomenten as habilidades sociais, a intelixencia emocional, a tolerancia, o respecto e a afouteza do alumnado.
Segundo explicou o presidente da Mancomunidade da Mariña Lucense, o programa CATUXA naceu do premio CooperaGalicia concedido pola Xunta de Galicia a esta entidade e destacou que a igualdade é un dos eixos de actuación da Mancomunidade. Neste sentido, amosou o seu desexo de que o programa Catuxa contribúa a mudar a mentalidade e xera conciencia para frear a violencia e xénero.
Intervención educativa
Pola súa banda, a directora do programa Catuxa, Rosa Torrado, salientou que o nome responde ás siglas de coeducación, aprendizaxe transversal e unidade de xénero para a adolescencia. Deste xeito, a iniciativa desenvolverase a través dunha intervención educativa que mude as actitudes, os comportamentos e a preeminencia de estereotipos sexistas entre os adolescentes que perpetúan a desigualdade entre mulleres e homes.
Ademais, o programa inclúe a aprendizaxe transversal como unha estratexia para incidir en todos os sectores de aprendizaxe e en todos os espazos de desenvolvemento curricular que compoñen o ámbito educativo e acultura escolar. Catuxa contará tamén cunha unidade de xénero para a adolescencia que actuará como ente para avanzar en igualdade, tendo como espazo de referencia os centros educativos.
Adolescentes de entre 14 e 16 anos
O ámbito territorial no que se desenvolverá o programa será toda a Mariña Lucense e a poboación diana son os adolescentes entre 14 e 16 anos residentes nestes municipios e escolarizados nos centros educativos destes concellos.
En total, serán 1.547 mozos e mozas os que participen no CATUXA durante este curso 2018-19, todos eles estudantes dos IES Alfoz-Valadouro, EnriqueMuruais, Perdouro, Marqués deSargadelos, Foz, Plurilingüe San Rosendo, de Ribadeo Dionisio Gamallo, Vilar Ponte, Illa de Sarón e María Sarmiento. O programa tamén inclúe accións dirixidos á propia comunidade educativa, concretamente ao profesorado e ás nais e pais.
CATUXA estrutúrase en tres fases: unha inicial de coordinación, unha segunda de desenvolvemento e unha final de análise e peche. Precisamente, durante a fase de execución, contémplanse accións que contribúan á previr a violencia de xénero a través da análise de cancións, a desmontar o mito do amor romántico, a definir a violencia de xénero e a detectala. Ademais, haberá puntos de encontro entre os centros educativos e as familias para aclarar se unha filla é vítima de violencia e finalmente, haberá accións encamiñadas a detectar a violencia de xénero no contorno dixital e TIC´s.
CATUXA inclúe tamén a creación dun lipdub do alumnado participante ou a creación do premio CATUXA.





















Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A alcaldesa Marta Rouco inaugurou a cita, que abriu coa IV Volta Ciclista á Terra Chá e cunha programación centrada na relación entre Galicia e Cuba e na memoria da emigración. Houbo unha mesa redonda sobre o Centro Galego da Habana, a exposición Galicia Imaxinada e música, ademais dunha mostra de xornais antigos. Rouco reivindicou a importancia de lembrar a emigración galega e apelou a mirar con humanidade as migracións actuais, destacando tamén o papel das asociacións culturais das parroquias na conservación das tradicións. A feira continou con desfile de época, xantar popular, xogos, animación, baile cubano, foliada, queimada e propostas musicais e artesanais ata a noite.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Ocorreu minutos antes das 11:30 horas. Unha persoa foi trasladada ao hospital tras resultar ferida na colisión entre un coche e un autobús no quilómetro 512 da A-8 en sentido A Coruña, en Vilaframil (Ribadeo). Entre os alertadores estiveron as persoas que viaxaban no coche, que puideran saír do vehículo. Por outra banda, o autobús conseguiu deterse uns metros máis adiante. Ao punto desprazáronse Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da autovía.
O próximo luns 14 de setembro comeza un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.
A programación arrancará de 13:00 a 15:00 horas cos pinchos de benvida e unha sesión vermú a cargo do DJ Peabody. A continuación, de 15:00 a 17:00 horas, terá lugar a comida na Finca San Antonio, cun menú composto por salpicón de rape e langostinos, codillo con patacas, pan, postre, café, chupito e bebida incluída. Os tickets teñen un prezo de 40 euros e poden adquirirse en O Rincón, Confitería Alianza, Comercial Anjor e Perruquería Oriola; os menores de 5 anos asistirán de balde e os de 6 a 10 anos contan cun desconto do 50 %. Xa a partires das 18.30 horas haberá sesión de música con Toxo Guayaba.



