Compostela 15-11-18. Onte 14 de novembro, despois de 5 días de xuízo e de 11 anos de espera, quedaba visto para sentenza o xuízo penal por delito de prevaricación urbanística contra o Alcalde, Comisión de Goberno e Arquitecta Municipal do Concello de Barreiros (Lugo). Dende a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), que neste xuízo actuou como acusación particular, queremos expoñer os aspectos máis relevantes relacionados con toda esta causa, coa finalidade de analizar a súa repercusión para o futuro urbanístico de Galiza e de tomar conciencia sobre os graves problemas ambientais, de salubridade e de xustiza social que derivan de actuacións urbanísticas que, como a que se ten dado (e se segue dando) en Barreiros, só atende ao negocio especulativo de promotores e construtores.
Antecedentes
Un.- Normas subsidiarias (NN.SS.) do 1994, cunha delimitación de solo que inclúe como solo urbano un solo de carácter totalmente rústico no que, con excepción dos terreos colindantes á estrada Nacional, carecía dos máis elementais servizos urbanísticos (abastecemento de auga, de subministro eléctrico, de saneamento, viarios urbanos, etc.), sen falar da mínima previsión de zonas verdes e de solo para equipamentos sociais, etc. Estas NN.SS., a xaneiro do 2006, vencido o prazo de adaptación que daba a Lei do Solo, non foran adaptadas nin á Lei do 2004 nin á anterior Lei do 1997 (nin sequera houbo intento algún por parte do Concello para a súa adaptación).
Dous.- Aberración urbanística en 2006:
-Visados no Colexio de Arquitectos proxectos para máis de 6500 novas vivendas.
-Licenzas outorgadas a partir do 1/1/2006 (obrigatoriedade de cumprir a Lei do Solo en solo Urbano non consolidado): San Cosme: 713; San Pedro: 719; San Miguel: 1331; Reinante: 750. En total: 3513 novas vivendas.
Tres.- Advertencias da APLU sobre a obrigatoriedade de cumprir coas esixencias da Lei do solo de Galicia en solo non consolidado:
– Solicitude por parte da APLU ao concello para a revisión dalgunhas das licenzas outorgadas;
– Interposición de contenciosos-administrativos por parte da Xunta ante a falta de resposta e de actuacións do Concello a respecto das revisións de licenza solicitadas pola APLU;
-Traslado a Fiscalía da situación das licenzas recorridas por se a actuación do Concello puidera ser constitutiva de delito de prevaricación urbanística.
Problemas ambientais, de salubridade e sociais derivados desta especulación urbanística
Para entender os graves problemas ambientais e de salubridade desta incontrolada actuación urbanística chega con citar que se está actuando:
-Sobre a zona da rasa do litoral sen atender a ningunha das medidas de protección do Litoral;
-Sobre zonas de Rede Natura ou próximas a Rede Natura sen que se tomen medidas para a protección da biodiversidade;
-E urbanizando un solo completamente rústico sen contar cos servizos mínimos de auga, luz, saneamento e comunicación e sen previsión de espazos reservados a zonas verdes e de solo para dotacións e equipamento social (garderías, polideportivos, zonas de ocio, etc.), sen obrigar aos promotores á cesión de solo e á equidistribución das cargas urbanísticas para o imprescindible desenvolvemento dos servizos e requirimentos urbanísticos.
Conclusións do xuízo oral
Para a existencia do delito de prevaricación urbanística necesítase un incumprimento doloso (a sabendas) da legalidade urbanística. Por parte da letrada de ADEGA e do Ministerio Fiscal alegouse:
-En relación ao equipo de Goberno: que non podía aceptarse o descoñecemento dos informes desfavorables da Secretaria (especialmente o Alcalde, que ademais é xefe de persoal) que figuran nos expedientes das licenzas denunciadas, por canto foron reiteradas as advertencias de ilegalidade da APLU, ratificadas polas primeiras sentenzas do Contencioso Administrativo.
-En relación á Arquitecta Municipal: que a Lei do solo é clara sobre as esixencias de servizos que ha de ter unha parcela para ter o carácter de solo urbano consolidado, e que non pode aceptarse que as parcelas das licenzas urbanísticas denunciadas estaban dotadas de todos os servizos urbanísticos cando ela, en moitos dos seus informes, aceptaba a existencia de fosas sépticas sen conexión á rede de saneamento ou obrigaba á realización previa de obras non menores para a conexión das vivendas con un punto de auga e luz.
Ademais, a propia actuación do Concello promovendo, primeiro, un Convenio cos promotores para o abastecemento de auga e figurando no 2010 como copromotor dun Convenio Sectorial para a mellora e ampliación das infraestruturas básicas de saneamento, abastecemento e rede viaria no termo municipal de Barreiros, no que se expoñen con exhaustivo detalle as deficiencias destes servizos no Concello de Barreiros.
E, por suposto, sen que o Concello poda alegar descoñecemento dos escritos de BEGASA advertindo da falta de capacidade para (naquel momento) dar suministro eléctrico a toda a poboación prevista Por parte da defensa dos membros do equipo de Goberno tratouse de facer ver que non había incumprimento doloso da legalidade urbanística, porque as licenzas urbanísticas outorgadas contaban cos informes favorables da Secretaria Municipal (informe xurídico) e da arquitecta municipal (informe técnico), culpando á ex-Secretaria Municipal de mentir e de falsear actas e informes. Por parte da Defensa da Arquitecta Municipal, tratou de facer ver que os seus informes técnicos atendían á legalidade urbanística vixente, que só se trataba dunha interpretación diferente da normativa en relación ao que se debe de entender por solo urbano non consolidado.
A repercusión da sentenza
ADEGA solicita a inhabilitación para todos os cargos públicos acusados e pena de prisión de 1 ano por cada un dos delitos imputados, con anulación das correspondentes licenzas urbanísticas. Agardamos que o fallo do tribunal condene a todos os imputados/as, cando menos, do máximo responsable municipal, do Alcalde Alfonso Fuente Parga, que segundo a propia declaración no xuízo oral só se limitaba a poñer a súa sinatura dando o visto bo aos acordos de Goberno e demais asuntos de trámite (pode que a súa outra ocupación como axente do Banco de Santander participando na promoción de vivendas lle requisen moita dedicación), e dunha Arquitecta Municipal que é capaz de asegurar coa máxima soltura que uns obsoletos servizos de abastecemento de auga e de saneamento xa insuficientes e precarios para unha poboación residente de 3.000 habitantes, pode ser capaz de dar os servizos indispensables e requiridos para un incremento de poboación de ata 17.000 habitantes que resultarían da ocupación das vivendas con licencia outorgada a partir do 1/1/2006 (Plan Sectorial), ou que é capaz de estar tramitando dende o Concello unha autorización de Augas de Galicia para a ocupación da zona de servidume dun caudal e, ao mesmo tempo, negar na concesión da licenza que tal caudal exista.
De non haber condena estaríase dando lugar a un mal precedente penal que implicaría, por unha parte, a anulación de toda a lexislación urbanística (sempre interpretable segundo o arbitrario criterio dos técnicos municipais prevalecendo sobre todas as demais) e a creación dun inaceptable agravio comparativo con outros cidadáns que, en igual situación, tiveron que soportar como as súas vivendas eran derribadas; e, por outra parte, a exención de toda responsabilidade urbanística por parte dos equipos de Goberno e Alcaldías, sen outra obriga que a de votar a favor dos informes técnicos.
























Trátase dunha viaxe para dúas persoas con estancia de catro noites nun hotel de catro estrelas en réxime de todo incluído, voos e equipaxe. O sorteo tivo lugar o pasado mes de xuño.
A cita previa pode solicitarse a través do teléfono 981.928.080 ou da web
En concreto, o sinistro ocorreu na N-634, en Vilaframil. Neste caso, un dos vehículos implicados envorcou e o único ocupante quedou atrapado, polo que necesitou axuda dos Bombeiros de Barreiros para poder saír do coche. Cando foi liberada, a persoa recibiu os primeiros coidados dun equipo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 desprazado no lugar dos feitos. En relación ao outro condutor implicado no accidente, cómpre destacar que tamén era o único ocupante, resultou ileso e estaba liberado e accesible.
A medida tamén fai que as familias perdan a gratuidad do comedor escolar, asumindo un gasto novo. O Concello reclama recuperar a parada mentres non exista unha alternativa segura e manter tanto o transporte como o comedor gratuíto, pedindo unha solución urxente que non prexudique ás familias de Mántaras.
Un total de 32 participantes déronse encontro nesta segunda edición, demostrando o seu nivel e desfrutando dunha mañá de competición e compañeirismo. Os gañadores das diferentes categorías foron: Antón Pernas (Sub 8), David Bustabad (Sub 10), Xulio Pernas (Sub 12), Deivid Pérez (Sub 14), Manuel Castro (Sub 16) e Breixo Alvite (Sub 18). A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, entregou os trofeos e medallas aos vencedores. O Concello felicita a todas as persoas participantes polo seu esforzo e por contribuír ao crecemento do xadrez no municipio, reafirmando a súa aposta polo deporte, pola participación e por ofrecer novas oportunidades para gozar e aprender.
A proba , organizada polo Club Ciclista Viveiro, reuniu máis de 130 ciclistas e coroou as campioas galegas de todas as categorías femininas -desde infantil ata master-, e aos campions galegos de infantil e cadete. A Praza da Galeguidade acolleu a saída e meta da competición, que se desenvolveu nun circuíto estático de 18,9 quilómetros pasando polo Porto da Gañidoira, a 699 metros de altura.
Trátase de dous MG ZS Hybrid+ Comfort, equipados coa tecnoloxía híbrida autorrecargable Hybrid+, que permite combinar eficiencia e un menor consumo no uso habitual. Segundo os datos do fabricante para este modelo, presenta unhas emisións de entre 113 e 115 g/km de CO₂ e un consumo de combustible de entre 5 e 5,1 litros aos 100 quilómetros, segundo o ciclo WLTP. A adquisición supuxo un investimento de 51.848,50 euros, IVE incluído, financiado a través do Fondo de Compensación Ambiental correspondente ao ano 2026.



