Burela a 2 de novembro de 2018. A logopedia encárgase do estudo, o diagnóstico, a rehabilitación e a prevención das alteracións da comunicación, a linguaxe, o fala, a voz, a audición e das funcións orais asociadas (respiración, mastigación e deglutición).
Trata os trastornos do desenvolvemento da linguaxe, da articulación, de fluidez e de ritmo, do fala, da audición, trastornos neurolóxicos, da voz, da linguaxe leito-escrito, e da comunicación asociados a autismo, parálise cerebral, entre outros.
UNIDADE DE ATENCIÓN TEMPERÁ DE BURELA.
Dende CIG Saúde A Mariña denuncian que dende o 30 de outubro a unidade de atención temperá non dispón de logopedia, algo confirmado tamén por pais e nais que se puxeron en contacto coa central nacionalista para denunciar a situación.
“A realidade a día de hoxe é que máis de corenta nenas e nenos viron interrompidos a asistencia sanitaria, ao mesmo tempo que crianzas derivadas por profesionais do SERGAS con volante á unidade temperá atopáronse sen posibilidade de pedir cita”, afirman dende o sindicato nacionalista.
“A estimulación nestes primeiros anos de vida é fundamental, xa que é nese período cando o cerebro é máis permeable. Por iso é polo que os pais e nais temen que, sen a correcta atención, moitos nenos non cheguen a desenvolver o seu máximo potencial”, alertan dende a central nacionalista.
AS ADMINISTRACIÓNS DEBERÍAN ESTAR PARA SOLUCIONAR PROBLEMAS E NON PARA PROVOCALOS.
Dende CIG Saúde exixen aos organismos competentes que restitúan de maneira inmediata esta prestación sanitaria, a logopedia, na unidade de atención temperá de Burela que atendía a nenos e nenas de toda a comarca da Mariña, xa que “é un dereito das crianzas” e “condena a moitas familias sen recursos”, xa que, no ámbito privado, as sesións custan de media entre 20 e 30 euros a hora.
“As administracións deberían estar para solucionar problemas e non para xeralos”, conclúen.