Lugo, 20 de decembro de 2018.- A Xunta de Galicia publicará mañá, venres 21 de decembro, a orde de axudas pola que se establecen as subvencións para paliar os danos que provocan as especies silvestres sobre os cultivos agrarios (no caso do xabaril) ou nas explotacións gandeiras (no caso do lobo). A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, explicou que o Diario Oficial de Galicia recollerá mañá a convocatoria destas dúas liñas de axudas que, xunto coa orde de prevención de danos que se publicará o vindeiro 8 de xaneiro, suman un importe global de máis de 1,4 millóns de euros.
A directora xeral, que estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, recordou que -tal e como xa trasladou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda- un dos principais focos de traballo da Consellería de Medio Ambiente son os danos que a fauna silvestre causa tanto nos cultivos agrícolas e explotacións gandeiras, como nas zonas perirubanas.
Explicou que unha das novidades que recolle a orde de axudas por danos de lobo é que se compensará o aborto que sufran as reses, no caso de que sexan atacadas por un lobo e sobrevivan ao ataque, pero que a consecuencia do mesmo perdan a súa cría. Deste xeito, a cantidade compensatoria por cada aborto corresponderá a un 75% do valor (tendo en conta a clase e idade) no caso de especies de gando ovino e cabrún e dun 50% do valor no caso do resto das especies de gando. No caso de parto múltiple, compensarase por cada un dos animais abortados.
A liña de axudas de danos por lobo increméntase nun 25% -respecto da anterior convocatoria- e o orzamento total destinado é de 350.000 euros. Con esta contía sufragaranse os danos -denunciados a través do 012 e constatados- producidos entre o 1 de outubro de 2018 ata o 30 de setembro de 2019.
A directora xeral tamén destacou que o importe destas axudas increméntase nun 30% cando afecte a gando pertencente a explotacións gandeira situadas en determinados concellos que sofren mais danos e nun 10% no caso daquelas explotacións nas que se comprobe a aplicación de determinadas medidas preventivas fronte aos ataques do lobo. Ao igual que as convocatorias anteriores, as persoas beneficiarias son as persoas físicas ou xurídicas, e titulares de explotacións gandeiras inscritas no REGA (Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia).
Esta orde de axudas súmase aos máis de 1,7 millóns de euros, que o Goberno galego ten destinado desde o ano 2010, para compensar os danos provocados por esta especie silvestre; que desde ese ano ata a actualidade atacou a case 11.500 animais, sendo o ovino o máis afectado (7.455).
Danos por xabaril
A Consellería de Medio Ambiente convoca novamente a orde de axudas por danos de xabaril, que neste exercicio conleva un importe de 811.000 euros, un 35% máis respecto da anterior convocatoria, para compensar os danos que se comuniquen a través do 012 desde o 1 de xaneiro ata o 10 de outubro de 2019, co fin de abarcar os dous períodos máis críticos, como son a sementeira e recollida do millo.
Poderán optar a estas axudas as persoas físicas ou xurídicas e titulares de explotacións agrarias onde se constaten os danos aos cultivos agrícolas e inscritas no Rexistro de explotacións agrarias de Galicia ou de autoconsumo. Cada expediente será único e comprenderá todos os danos producidos polo xabaril a unha mesma persoa beneficiaria antes da colleita.
A nova orde para o ano 2019 eleva a case 3 millóns de euros os investimentos destinados pola Xunta a compensar os danos por xabaril na totalidade de convocatorias desde o ano 2006.
A directora xeral indicou que o Goberno galego é completamente consciente do alcance desta problemática, polo que se incide na posibilidade do establecemento de medidas de control que podían ser solicitadas ao longo de todo o ano nos Tecor (terreos de réxime cinexético especial) polas sociedades de cazadores e nos terreos de réxime de aproveitamento cinexético común pola persoa ou persoas prexudicada polos danos detectados, ou ben o concello, cando os danos sexan xeneralizados.
Do Campo indicou que como novidade en 2018 introduciuse a posibilidade de autorizar batidas con fins preventivos en determinadas zonas conflitivas e na que se constataron danos reiterados e tamén se aplicaron medidas específicas en determinados espazos naturais, para o seguimento das poboacións de xabaril mediante fototrampeo e do emprego de métodos selectivos de captura (gaiolas trampa), ao non estar nestas zonas permitida a caza.
A directora xeral de Patrimonio Natural indicou que o Goberno galego está a traballar na elaboración dunha norma autonómica para regular a comercialización da carne de caza maior silvestre, como medida de impulso do aproveitamento cinexético das pezas abatidas. Así, o Goberno galego, a través das Consellerías de Medio Ambiente, Sanidade e Medio Rural, promove un decreto que conterá a regulación sanitaria para a introdución na cadea alimentaria das pezas de xabaril abatidas durante as cacerías (tanto dos xabarís cazados durante o período hábil de caza como os abatidos por danos). Segundo as cifras que manexa a Dirección Xeral de Patrimonio na última tempada de caza capturáronse case 16.200 exemplares en case 21.400 batidas autorizadas.
Orde de prevención
A directora xeral de Patrimonio Natural aclarou que a terceira liña de axudas para facer fronte ao conflito derivado dos danos ocasionados pola fauna silvestre sobre os cultivos agrarios ou as explotacións gandeiras é a orde de prevención dos danos que ocasiona a fauna silvestre, cun importe de 300.000 euros, un 20% máis respecto da última convocatoria.
Serán obxecto desta subvención a adquisición de cans defensores e protectores do gando, pastores eléctricos, mallas electrificadas, e como novidade a instalacións de valados fixos electrificados, para prever os danos provocados por determinadas especies de fauna silvestre (lobo e xabaril).
Esta orde sairá publicada no Diario Oficial de Galicia o vindeiro 8 de xaneiro e poderán ser beneficiarias -no caso de danos por lobo- as persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións gandeiras do tipo de gando bovino, ovino, cabrún, porcino da raza celta e equino, que figuren incluídas no REGA; e -no caso do xabaril- as persoas físicas ou xurídicas que exercen a actividade agraria e estean inscritas no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga) e as explotacións agrarias de autoconsumo.






















Cada participante pode presentar unha única fotografía, en papel e formato dixital, seguindo as bases dispoñibles na web da Deputación. A celebración do aniversario inclúe actividades como a Xornada de Degustación da Tenreira de Ancares, unha xornada micolóxica e un obradoiro de rescate na montaña, ademais doutras propostas ambientais e divulgativas nos próximos meses.
Dez minutos antes das 21:30 horas do xoves, o 112 Galicia foi informado polo persoal de Adif dun tren detido no medio dun túnel en Mogor, Mañón, debido a unha chapa metálica no medio da vía. Así, aínda que as doce persoas que viaxaban a bordo estaban ilesas, precisaban medios de rescate para baixalas do convoi e desprazalas ata o apeadeiro máis próximo. Nestas tarefas colaboraron a Garda Civil, os Bombeiros do Eume, o GES de Ortigueira e os voluntarios de Protección Civil de Mañón. Finalmente, as persoas foron rescatadas e evacuadas a outro tren, que as levou ata o apeadeiro sen maiores complicacións. Desde alí, continuaron a súa viaxe en taxi.
Competirán durante tres días xunto a outras dezaseis escolas de todo o mundo, elaborando catro propostas de pizza: Polbo á galega, con polbo galego, queixo San Simón e allada picante; Bosque galego, con crema de castañas e mel picante; Terra meiga, con zorza picante; e Rapadoira, con setas, queixo azul e pera. As estudantes viaxan acompañadas pola súa profesora, Conchi Carreiras, coa que levan tempo preparando as receitas. Esta é a terceira participación do IES de Foz neste certame, no que xa acadaron un segundo posto en edicións anteriores. A actividade forma parte do programa Erasmus+ da FP, financiado pola Unión Europea, que facilita a participación do alumnado en competicións de habilidades profesionais por toda Europa.
A xornada comezará ás 12:00 h cun faladoiro titulado “Vizoso e nós”, no que participarán Pepe Penabade, Pepe Blanco, Caxigueiro, Aurelia Balseiro e Mª Cristina Rubal González, moderados por Antonio Reigosa. Ás 13:20 h abrirase a exposición “Xosé Vizoso. O neno que debuxou un cabalo”, que permanecerá dispoñible durante as festas de San Lucas. A partir das 13:45 h terá lugar o acto de inauguración e descuberta da placa da nova rúa Xosé Vizoso, na Praza da Fonte Vella, coa presenza de autoridades, familiares e amizades do artista. As persoas asistentes recibirán no auditorio unha lámina cunha obra de Vizoso como agasallo.
Ás 15:15 horas deste martes, un particular solicitou asistencia sanitaria tras a caída dun raio no lugar de Castro de Igrexa (Cazás, Xermade). Varias persoas sentiron os efectos da descarga eléctrica e unha delas quedou atolada. Tras dar aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Garda Civil e Protección Civil, a persoa afectada foi evacuada consciente ao Hospital Universitario Lucus Augusti.
A exposición, instalada no Centro Comarcal Pazo de San Tomé, invita a observar con calma, descubrir historias e poñer en valor un patrimonio vivo que forma parte da nosa identidade. Unha maneira diferente de achegarnos ao mundo rural que tanto significa para As San Lucas.
Co sol ocultándose e a lúa asomando entre as torres de Donlebún, o músico e divulgador reivindicou o poder evocador e transformador do bravú fronte á morriña paralizante. Na sala de lectura da biblioteca, Souto explicou a evolución do rock bravú no imaxinario galego, evocando as músicas populares que acompañaron durante décadas os remolques dos pascualiños e os labores comunitarios, e lembrando a vitalidade de grupos como Skornabois, Diplomáticos de Monte Alto, Xenreira, Zënzar, Pinto de Herbón ou os Rastreiros. A boa lembranza da súa anterior visita levou ao artista a pechar a velada interpretando o “Himno de Ribadeo”, composto por Arturo Mogo, nun final cheo de afecto pola vila e pola súa identidade cultural.



