Mondoñedo 27-12-18. O BNG presentou un recurso de reposición contra as bases e convocatoria do proceso de selección para a cobertura en réxime de funcionario interino, dunha praza de Dinamizador/a cultural e de turismo para o concello de Mondoñedo.
O BNG local entende que segundo a descrición detallada das tarefas de dinamizador/a cultural e de turismo vixente na RPT do concello estas funcións non son exclusivas para aspirantes coa titulación de Licenciado/a en Historia ou título de Grao en Historia se non que tamén poden ser desenvolvidas por persoas con preparación específica no ámbito da cultura e do turismo, concretamente Grao en Turismo ou equivalente en turismo.
Para o portavoz do BNG no concello de Mondoñedo, Eloi Cabanas, as bases da convocatoria están mal prantexadas xa que, “se queremos contar coas persoas mellor preparadas para desenvolver as funcións recoñecidas na RPT, o normal sería abrir o abano a máis titulacións acordes coa praza”.
Eloi Cabanas espera que se admita o recurso de reposición contra as bases da convocatoria, e que o concello rectifique para que máis aspirantes se podan presentar e se cumpran así os principios de igualdade, mérito e capacidade no acceso á función pública.