Burela, 6 de febreiro de 2019. Mañá, xoves, terá lugar un pleno ordinario no Concello de Burela a partir das 20:00 horas no que serán aprobados definitivamente os orzamentos municipais para 2019 que ascenden a máis de 7 millóns de euros.
Llano explicou que “na sesión ordinaria de mañá, 7 de febreiro, debateremos tres puntos e un total de sete mocións. Un dos asuntos é aprobación inicial da derogación da ordenanza reguladora sobre comunicacións previas de obras e actividades do Concello de Burela. No anterior pleno aprobamos a nova ordenanza e agora o que toca é derogar a antiga, para que xa sexa de aplicación a aprobada recentemente e á que non se presentaron alegacións”.
O rexedor contou que “outro dos asuntos que analizaremos no pleno ordinario de mañá será a aprobación da modificación dos recoñecementos de dedicación parcial. Antes tiñamos aquí no Concello unha dedicación parcial que estaba asignada a Patricia Otero e que estaba dotada con 14.000 euros ao ano. Agora como Patricia non está a devandita dedicación parcial será para Noelia Mª Ben, responsable da Área Medio Ambiente, Muller, Igualdade e Servizos Sociais, durante os meses de febreiro, marzo, abril e maio. Vaise encargar de todas estas Concellerías e polo tanto é merecedora desta dedicación dado o traballo que todo isto implica”.
A aprobación definitiva dos orzamentos municipais para 2019 será o terceiro punto da orde do día da sesión plenaria deste xoves, despois de que o equipo de goberno rexeitase a alegación presentada polo PP ao Plan Estratéxico de Subvencións do Concello de Burela. Alfredo Llano dixo que “o PP a única intención que tivo foi retrasar así a aplicación dos presupostos deste ano, poñendo pegas ao Plan Estratéxico de Subvencións do Concello. Nós tiñamos ese plan cuantificado para o período 2017-2019 nunha cantidade determinada. Nós facemos unha previsión de gasto, pero non implica obrigatoriamente que teñamos que facelo así. Non crea nin dereitos nin obrigacións. Eles saben que non tiñan razóns para solicitar a modificación do Plan Estratéxico, pero aínda así fixérono”.
Sete mocións serán debatidas no pleno de mañá. “Unha que presentan conxuntamente o PSOE e o BNG relativa á pediatría na comarca da Mariña. O BNG presenta dúas mocións e 4 o PP”, engadiu Alfredo Llano.