Lugo, 12 de marzo de 2019.- Nin a Lei autonómica de espectáculos públicos vixente na actualidade, nin a lexislación en materia de control de ruído prohiben en Galicia a celebración de actividades musicais ao aire libre ou en locais pechados, nin moitos menos impide os tradicionais Cantos de Taberna.
A Xunta de Galicia veuse na obriga de saír ao paso sobre esta cuestión para desmentir a información difundida polo Goberno de Ribadeo na que aseguraba que o Goberno local veuse na obriga de promover unha modificación da ordenanza municipal para permitir este tipo de actividades.
A administración autonómica lamenta que o Goberno de Ribadeo pretenda facerse eco deste “bulo” refutado en múltiples ocasións, e lembra que o único cambio ao respecto é que agora serán os distintos concellos os encargados de autorizar estes espectáculos.
Desde a Xunta aclaran incluso en que a ordenanza tipo contra a contaminación acústica, aprobada o pasado mes de decembro, busca facilitar que todos os concellos desenvolvan a súa propia normativa en materia de ruído e de límites acústicos.
A normativa autonómica vixente si permite a música en vivo e incluso vai máis aló e inclúe a posibilidade de autorizar excepcións aos límites de ruído en caso de espectáculos públicos e actividades recreativas que se realicen ao aire libre ou en recintos sen as debidas medidas de illamento, sempre que así se xustifique por razóns de especial proxección oficial, cultural, relixiosa ou de calquera outra natureza análoga.
As devanditas excepcións aparecen reguladas no artigo 9 da proposta de Ordenanza de protección contra a contaminación acústica de Galicia, no artigos 7 do Decreto 106/2015, do 9 de xullo, de contaminación acústica de Galicia e no artigo 9 da Lei 37/2003, do 17 de novembro, isto é na Lei estatal de ruído.