Lugo, 20 de agosto de 2019. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, desmontou este martes no Pleno “os inventos” da voceira provincial do PP, Elena Candia, sobre as residencias, desactivando deste xeito a súa tentativa de enganar aos concellos e á veciñanza sobre o futuro e viabilidade da rede provincial de centros públicos de atención a maiores. Neste senso, Tomé deixou en evidencia a Candia subliñando que mesmo “algún Alcalde do Partido Popular, como o de Pantón, con declaracións públicas nas que se mostrou convencido de que a residencia prevista no seu concello será unha realidade, desacreditou o intento de manipulación” da voceira popular.
“En democracia e dentro da Lei, cada un pode facer o que queira, pero en política non vale todo. Hai que ter algo de pouso, e non tomar decisións froito da impaciencia ou a desesperación, que son malas conselleiras. Así que, tranquilícese e sexa útil aos veciños da provincia de Lugo. Faga unha oposición constructiva, dende a crítica lexítima á acción do Goberno, pero non invente historias que desprestixian á política e ás institucións”, subliñou o Presidente.
“Polo que vexo”, engadiu, “vostede é unha política que lle gusta xogar no terreo embarrado, pero a min non, a min gústame o xogo limpo e de calidade. Mire, isto cambiou, mudou a película que se estaba proxectando nesta casa, e vostede xa non é a actriz principal, agora hai outros actores que só teñen interese en traballar para os lucenses e para o prestixio desta institución”. “É probable que a vostede lle conveña politicamente que esta casa non teña tranquilidade, normalidade e prestixio, pero eu vou facer todo o posible para que esta institución represente o papel institucional que lle corresponde, dende o rigor e o respecto”, recalcou.
O Presidente da Deputación cuestionou así mesmo que a voceira do PP non respectase o tempo de cortesía de 100 días de mandato solicitando só 22 días despois de que tomase posesión un Pleno extraordinario “sen que tivera acontecido nada extraordinario. Simplemente empezamos a poñer en marcha o noso acordo de goberno, que xa non está mal”.
No Pleno celebrado esta mañá, o Executivo provincial ratificou de novo a folla de ruta “clara, transparente e firme” que trazou ao abeiro do pacto de Goberno de PSdeG e BNG para este mandato e demostrou que todas as premisas que usou a voceira popular para solicitar un Pleno sobre as residencias son “intencionadamente erróneas”.
18 compromisos, 18 residencias
Dende a toma de posesión, o Goberno, segundo lembrou a voceira provincial socialista, Pilar García Porto, sempre dixo o mesmo:
– PRIMEIRO: A Deputación cumprirá todos e cada un dos compromisos adquiridos cos Concellos en materia de construción e posta en marcha das residencias, que suman 18. A día de hoxe están abertos tres centros –os de Trabada, Ribadeo e Pol- e os restantes proxectos comprometidos son os seguintes: A Fonsagrada, A Pontenova, Becerreá, Castroverde, Cervantes, O Courel, Guitiriz, Meira, Navia de Suarna, Ourol, Pantón, Pedrafita do Cebreiro, A Pobra do Brollón, Portomarín e Ribas de Sil.
– SEGUNDO: A Deputación seguirá adiante con estes compromisos, pero non adquirirá ningún máis porque, como sempre defendeu, mesmo dende que comezou a proxectar a rede pública de residencias, a responsabilidade de impulsar este servizo é da Xunta de Galicia.
– TERCEIRO: Co diálogo e a lealdade institucionais como ferramentas, a Deputación seguirá traballando co obxectivo de que a Xunta asuma a súa responsabilidade nesta materia. Neste senso, o Presidente defendeu “a colaboración institucional, sen deixar de esixir a responsabilidade que ten cada quen”. Así, lembrou que no Estatuto de Autonomía de Galicia, “a nosa Constitución”, atribúese á Xunta de Galicia a competencia exclusiva en materia de asistencia social, polo que, o que lle dixemos é que se aplique o conto e que cumpra co Estatuto porque as competencias están para exercelas”.
Ademais de ratificar esta folla de ruta, o Goberno evidenciou o plantexamento falso co que Elena Candia pediu o pleno sobre os centros de atención a maiores, pois “é falso que o Goberno decidise romper cos acordos que a propia Deputación asinou cos Concellos en materia de residencias, e é falso que identificamos o servizo das residencias como insostible”. “Nunca ningún membro deste Goberno fixo semellante afirmación”, afirmou a voceira socialista, retando á popular a amosar “onde dixemos tal cousa”, algo que foi incapaz de facer.
Pilar García Portou cualificou por outra banda de “cinismo” que Elena Candia “se atreva a dicir agora que as residencias son irrenunciables, cando o Partido Popular dende a Xunta de Galicia sempre lle dixo non a este proxecto, pois, textualmente, asegurou que estes equipamentos públicos non eran nin necesarios, nin prioritarios na provincia de Lugo, a máis envellecida de Galicia xunto a Ourense; negouse reiteradamente a ofrecer prazas concertadas nestas instalacións e puxo todos os impedimentos posibles na tramitación de permisos”. “Se as residencias son irrenunciables, xa sabe o que ten que facer: poñerse ao carón do Goberno da Deputación, ao carón dos veciños e veciñas da provincia, e esixirlle á Xunta que asuma as súas responsabilidades”, aseverou a voceira provincial do PSdeG.
Con respecto ás manifestacións nas que a voceira do grupo provincial do PP acusou ao Presidente de dar “un golpe de Estado”, José Tomé pediulle que retire “ese exabrupto impropio polo mesmo método que fixo as declaracións, lembrándolle que foi elixido “de xeito democrático por unanimidade das compañeiras e dos compañeiros, conforme á Lei, na sede xudicial da Xunta Electoral de Zona, supoño que igual que vostede”, e posteriormente “foi elixido tamén democraticamente nun acto público nesta mesma sala de sesións”.
















A proba, organizada polo CP Altrúan, reuniu máis de 130 palistas dos seis clubs lucenses de augas tranquilas que participan na competición: o propio Altruán, o CD San Ciprián, o Club Kayak Foz, o CP Viveiro Urban Hotel, o Cidade de Lugo e o Club Fluvial de Lugo. O deputado de Mocidade Daniel García entregou os premios da proba, na que Club Fluvial de Lugo, Cidade de Lugo e Altruán coparon o podio por equipos. A Copa Deputación de Piraguismo, que conta de 6 regatas, organízase no marco da colaboración que a Vicepresidencia da Deputación de Lugo mantén coa Federación Galega de Piragüismo para a promoción deste deporte, ofrecendo aos clubs a posibilidade de participar en competicións federadas nas súas comarcas e contribuíndo así á consolidación de equipos de base.
Malia a intensa calor, o pavillón encheuse de público para gozar das actuacións das numerosas alumnas, que ofreceron exercicios individuais, por parellas e en grupo, destacando pola súa beleza e dificultade técnica ao ritmo da música escollida. Ao remate, a concelleira Ana Rubal entregou medallas ás participantes, que tamén agradeceron o traballo e os valores transmitidos pola súa monitora, Lorena Fernández. Lémbrase que a festa de clausura das Escolas Deportivas terá lugar o luns 29 ás 19:00 horas, nun acto conxunto co Concello de Alfoz, no que haberá diversas actividades de celebración e a entrega de diplomas.
A cantante e instrumentista asturiana Mónica Acevedo actuará en formato solista, mentres que o equipo do local ofrecerá un menú especial con pratos como o tartar de xarda, gañador do “Ribadeo Sabe”, gazpachuelo de tempada, lomo de sardiña con berenxena afumada, cóctel de lagostinos, bonito de Burela con melocotón asado e sopa de cebola, e solombo de porco celta con xudías tenras. A cita comeza ás 21:15, con prazas limitadas e reserva imprescindible.
A xornada incluíu tamén o IV Torneo de Pádel, que continuará durante a fin de semana. O evento, organizado polo Concello xunto con ASAPA e Miño Vivo e coa colaboración da Xunta, recupera unha iniciativa nacida hai catro anos a petición da mocidade, coa intención de consolidala no tempo. O tenente de alcalde, Marcos García Lombardero, destacou a alta participación —catro veces maior ca na primeira edición— e agradeceu a implicación de entidades, colaboradores e asistentes, así como a presenza de representantes da Xunta, do Parlamento e da Deputación.
Adultos, nenos, familias, grupos de amizades fixeron o percorrido nun día espectacular de sol e cunha temperatura de 26º á hora da saída. Acudiron á cita o presidente provincial da AECC, José Manuel Rozas, o alcalde de Ribadeo, Dani Vega, as concelleiras e concelleiro ribadenses, Marta Saiz, Begoña Sanjurjo, Elena Sierra e Francisco José Silvent, a presidenta e o xerente de Acisa, Carmen Cruzado e Jesús Pérez, así como representantes da AECC de Ribadeo coa súa presidenta, Tea Martínez, á cabeza. A II Andaina Ribadeo en marcha contra o cancro contou co patrocinio de Solán e Acisa Ribadeo e coa colaboración do Concello de Ribadeo, Eroski e 2M.
A partir das 19:45 horas abrirán a xornada o Cuarteto Illa Pancha e Tradigalu, mentres que desde as 20:00 horas se poderán degustar hamburguesas á parrilla, bocadillos de panceta e chourizos asados. Xa pola noite, ás 21:30, tomarán o relevo Mi Rollo es el Rock, antes da tradicional fogueira de San Xoán, prevista para as 00:00 horas. A celebración, organizada por A Rebolaxe coa colaboración do Concello de Cervo e a Deputación de Lugo, inclúe tamén o sorteo dunha paleta de cocho e contará con aparcamento habilitado no Estanco da Praia do Torno.
Pasada a medianoite, un vehículo saíuse da vía na N-634. Como consecuencia do impacto, tres persoas resultaron feridas. Da asistencia sanitaria ocupáronse os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e os axentes da Garda Civil de Tráfico da seguridade na vía. Os Bombeiros de Barreiros tamén acudiron, sen embargo, ningún dos feridos estaba atrapado.



