Ribadeo, 14 de decembro de 2019. Ribadeo acollerá este Nadal un centro de ocio infantil e xuvenil desde o día 21 deste mes ata o 5 de xaneiro nunha carpa de grandes dimensións instalada na Praza de España. Aquelas persoas que fagan as súas compras ou consumicións nos locais asociados a Acisa obterán descontos do 50% nos prezos das entradas. RibaXogo foi presentado no salón de plenos do Concello.
O concelleiro de Comercio e Desenvolvemento Local, Pablo Vizoso, subliñou que “esta iniciativa, denominada RibaXogo, chega a Ribadeo para desfrutar do Nadal e tamén par animar as vendas e dinamizar o comercio local, precisamente nestes momentos de maior actividade e como un gran atractivo do comercio local”. RibaXogo está organizado polo Concello ribadense coa colaboración de Acisa.
Vizoso dixo que “en RibaXogo haberá numerosas atraccións para nen@s e rapaces de todas as idades: multicircuíto de cars (a pedais) ou bañeiras tolas, simulador de surf, espazo infantil e para obradoiros, rokomonte, barredora ou wipe out, parede interactiva e, ademais, nunha parte anexa á carpa estará a atracción Battle Area para xogar con dispositivos Nerf, lanzamento de bolas de esponxa nun xogo de equipos e de estratexia. outras. Tamén se desenvolverán diversas actividades de forma alterna case todos os días como visitas de Papá Noel ou do carteiro real, futbolín humano, Mini Láser Tag no exterior da carpa, karaoke, Mascota Disney, xogos xigantes, contacontos, xogos tradicionais, visita do Apalpador, fotomatón con Digital Chroma, etcétera”.
O edil ribadense contou que “RibaXogo estará aberto todos os días desde o 21 deste mes ata o 5 de xaneiro, excepto o 25 de decembro e o 1 de xaneiro. De luns a xoves o horario de apertura será de 17 a 21 horas e os venres, sábados e domingos funcionará ademais de 12 a 14 horas e tamén polas tardes de 17 a 21 horas. Os días 24 e 31 de decembro, é dicir Noiteboa e Anovello, abrirá de 12 a 14 horas e de 17 a 20 horas. Os prezos para gozar das atraccións e actividades de RibaXogo son de 3 euros polas mañás e de 5 euros para toda a xornada. Os que presenten tíckets dos establecementos asociados a Acisa Ribadeo terán un desconto do 50 por cento”.
Pablo Vizoso subliñou que “RibaXogo é unha iniciativa coa que se pretende atraer a nenos e nenas, rapaces e rapazas de todas as idades porque hai diferentes atraccións e actividades que lles encantan desde os mais pequenos e tamén so que xa non son tan pequenos. Ademais algunhas delas son novas e será a primeira vez que se instalen na Mariña, sobre todo nesta combinación de actividades cunha duración tan prolongada e cuns prezos reducidos, aínda máis co desconto que se aplicará aos que presenten tíckets das compras ou consumicións feitas nos establecementos asociados a Acisa”.
O concelleiro de Comercio e Desenvolvemento Local engadiu: “pero a oferta do Nadal en Ribadeo non só é Ribaxogo, a programación de Nadal complétase, grazas ás Concellarías de Mocidade e de Cultura, coa XXV edición do Festival de Panxoliñas a cargo da Coral Polifónica de Ribadeo, cun curso de iniciación á robótica e outro de programación de móbiles android, co concerto da Banda Municipal de Ribadeo Aquí como en Viena, coa VII edición dos Cantos de Nadal e con diversas actividades teatrais a través do programa Apego e, por suposto, coa Cabalgata de Reis.
Vizoso rematou a súa intervención animando “á xente de Ribadeo, e tamén doutros concellos tanto da Mariña como de Asturias, a que se acheguen á nosa vila durante o Nadal porque a oferta lúdica, de ocio e cultural que van atopar é moi interesante e deseñouse pensando en todas as idades, ademais do agradable que resulta desfrutar de Ribadeo nunha época coma esta do Nadal”.
Pola súa banda, o presidente de Acisa, Francisco Iriarte, sinalou que “outra vez máis a colaboración do Concello e Acisa, cada un dentro das súas posibilidades, volve poñerse de manifesto polo Nadal. Tras varios anos coa pista de xeo, unha iniciativa coa que fomos pioneiros en Asturias e Lugo, este ano chega RibaXogo, que cubre un abanico máis amplo de idades”.
Iriarte manifestou que “perseguimos facer de Ribadeo o centro do Nadal en Asturias e Lugo”. E subliñou que “aquelas persoas que fagan as súas compras ou consumicións nos establecementos asociados terán un desconto do 50% nas entradas para RibaXogo. Quero darlle as grazas ao Concello pola súa colaboración e agardamos que RibaXogo sexa do agrado de todos os ribadenses e visitantes”.
No acto de presentación de RibaXogo participaron o alcalde, Fernando Suárez, os concelleiros de Comercio e Mocidade, Pablo Vizoso e Mariluz Álvarez, así coma o presidente e o xerente de Acisa, Francisco Iriarte e Jesús Pérez.





















Pasados dez minutos das 15 horas deste martes, un particular alertou ao 112 Galicia dun coche envorcado fóra da vía en San Martiño de Ferreiros, Pol. Aconteceu no quilómetro 3 da LU-750, e a única persoa implicada permanecía atrapada no interior. De inmediato, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias activouse un operativo no que participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os Bombeiros de Vilalba, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da estrada. Os bombeiros actuaron para liberar á persoa, que foi evacuada en ambulancia polos profesionais sanitarios desprazados ata o lugar.
Ofreceranse as seguintes modalidades e horarios: adestramento de forza/funcional os luns e mércores ás 9.00 horas; pilates os luns e mércores ás 11.00 horas; e TRX os martes e xoves ás 9.00 horas. A inscrición e a información sobre estes cursos realizarase na recepción da Piscina Municipal. Ademais, durante este mes habilítase a opción de proba gratuíta.
O investigador achegarase a Ribadeo para falar sobre Urraca, considerada por moitos a emperatriz de todos os galegos e galegas. A entidade xa coñece o bo facer de Picallo, pois en anteriores ocasións participou como ilustrador nas presentacións das novelas Ao sur da liberdade e Entre a vontade e o destino, de Xosé Henrique Costas, deixando unha excelente impresión. Nesta ocasión, o público poderá escoitar ao Picallo historiador, que achegará novos datos sobre o reino de Galiza, unha realidade histórica que durante anos permaneceu agochada e que hoxe se recupera grazas a publicacións e investigacións como a súa.
A última xornada tivo lugar o sábado 7 de marzo no Local Social, coa disputa da final entre as dúas parellas clasificadas. A continuación celebrouse a tradicional cea e a entrega de premios ás tres primeiras parellas. Os equipos gañadores foron: 1º posto: Carlos e Toñito. 2º posto: Eladio e Santi. 3º posto: Tomás e Demetrio. A Xunta Directiva agradece a excelente acollida desta edición e expresa o seu desexo de seguir contando coa participación de todos nas vindeiras convocatorias.
No marco desta iniciativa, a asociación realizará o 6 de maio unha viaxe a Monforte, que incluirá visitas ao Museo do Ferrocarril ou ao Pazo de Tor, ao conxunto monumental de San Vicente do Pino, ao Centro do Viño da Ribeira Sacra e unha explicación exterior do Colexio de Nosa Señora da Antiga. As persoas interesadas en participar poden inscribirse entre o 10 de marzo e o 10 de abril chamando ao 660 47 72 30 ou escribindo ao correo vencelloburela@gmail.com.
Esta iluminación comezará acendendo en días sinalados, nos que se celebre ou queira darlle visibilidade a algún acontecemento. “Pareceunos un bo día este 8 de marzo, no que conmemoramos o Día da Muller, comezar o uso desta instalación”, explica a concelleiro de alumeado, Ángel Fernández Neira. “As letras de Foz son un signo de identidade do noso pobo e esta iluminación dálles unha nova vida”, explica o alcalde, Fran Cajoto.
Durante a visita, as representantes municipais fixéronlle entrega dun ramo de flores e compartiron con ela un momento moi agradable, celebrando xuntas esta data significativa. Con este xesto, o Concello quixo recoñecer e poñer en valor ás persoas maiores de Burela, que forman parte fundamental da comunidade e son depositarias da memoria, da experiencia e dos valores do municipio.



