Burela, 15 de febreiro, 2020. O Pescados Rubén Burela FS non puido facer fronte hoxe á pegada de ElPozo Murcia (1-5). Os pupilos de Juanma Marrube non conseguiron aproveitar uns excelentes primeiros dez minutos e tocoulles sufrir en exceso, con vantaxe de 0-3 ao descanso para os levantinos. Mellorou en defensa o conxunto galego no regreso ao parqué e reduciu distancias no ecuador do segundo acto, pero o 1-4 fixo demasiado dano. Por diante toca outra semana de dobre compromiso para a Alma Laranxa, con desprazamentos ás pistas do Valdepeñas, o martes, e Peñíscola, o venres. Os burelistas pechan a xornada 21 coa preocupación de Pope, retirado do encontro con fortes dores nun ombreiro tras unha caída.
Os do Mariskal saíron a por todas, buscando desde a bucina inicial a portería e as primeiras ocasións, sen dúbida, foron laranxas. Pixote no 3 tivo unha das máis claras. A primeira con perigo nas filas murcianas protagonizouna Fernando, intentando sorprender a M. Kaluza, pero aí estaba a man prodixiosa do polaco para variar a traxectoria do esférico. Lucho a punto estivo de bater a Espíndola ao bordo da área nun pase longo de Joselito; cumpríase o sete de xogo. O andaluz volveu facer acto de presenza con moito perigo no 8 en contragolpe; tamén dispuxo de dúas de ouro Renato de estratexia. Con todo foi ElPozo o que conseguiu a iniciativa no 9, a través de Paradynski, recibindo ao bordo da área fronte a Michal. No 15, os levantinos ampliaron a súa vantaxe con pase de Andresito ao segundo pau para Alberto García. Xande non puido gañar o man a man acto seguido ante Espíndola para reducir distancias e Paradynski volveu ver portería no 18 para subir o 0-3, cun disparo cruzado ante a banda.
Na segunda parte, o Pescados Rubén soubo refacerse en defensa, mitigando a ofensiva de ElPozo. Kaluza freou as intencións envelenadas de Andresito no 25 e Fernando estrelouse contra o pau no 26. Pelexaron os burelistas pola recuperación con dobre tentativa de Álex Diz, ao bordo da área, e Joselito de lonxe. Xogando en superioridade tras a dobre amarela a Alberto García, os de Juanma Marrube atoparon o gol que merecían; Matamoros sentenciou con penalti tras amoestación a Espíndola. O minuto de ouro do partido foi o 32; o traveseiro evitou o cuarto dos de Giustozzi e Espíndola freou as tentativas de Joselito, en galopada, e Pixote. Os galegos non atopaban fortuna; o gol volvíase resistir no 35, de novo con Pixote. No 37, Joselito saltou como porteiro xogador tras o 1-4, de Marcel, que fixo moito dano nas filas mariñás. O quinto dos visitantes chegou nos últimos compases cun pase longo de Espíndola que rozou Paradynski de cabeza, a porta baleira.
Ficha técnica
Pescados Rubén Burela FS: M. Kaluza, Matamoros, Renato, Pixote, Álex Diz, cinco inicial; tamén xogaron Joselito, Lucho, Luisma, Xande, Pitero, Pope
ElPozo Murcia Costa Cálida: Carlos Espíndola, Felipe Valerio, Marcel, Matteus, Paradynski, cinco inicial; tamén xogaron Alberto García, Andresito, Darío, Fernando, Leo Santana,
Goles: 0-1, minuto 9, Paradynski; 0-2, minuto 15, Alberto García; 0-3, minuto 18, Paradynski; 1-3, minuto 30, Matamoros; 1-4, minuto 37, Marcel; 1-5, minuto 40, Paradynski
Árbitros: Del Pozo García // Moreno Durán. Por Burela amarela a Xande (minuto 28), Luisma (minuto 29), Espíndola (minuto 30). Por ElPozo amarela a Matteus (minuto 9), Felipe Valerio (minuto 10), dobre amarela a Alberto García (minuto 29).
Incidencias: Partido correspondente á xornada 21 de Primeira División disputado en Vista Alegre unhas 1100 persoas.






















Cada participante pode presentar unha única fotografía, en papel e formato dixital, seguindo as bases dispoñibles na web da Deputación. A celebración do aniversario inclúe actividades como a Xornada de Degustación da Tenreira de Ancares, unha xornada micolóxica e un obradoiro de rescate na montaña, ademais doutras propostas ambientais e divulgativas nos próximos meses.
Dez minutos antes das 21:30 horas do xoves, o 112 Galicia foi informado polo persoal de Adif dun tren detido no medio dun túnel en Mogor, Mañón, debido a unha chapa metálica no medio da vía. Así, aínda que as doce persoas que viaxaban a bordo estaban ilesas, precisaban medios de rescate para baixalas do convoi e desprazalas ata o apeadeiro máis próximo. Nestas tarefas colaboraron a Garda Civil, os Bombeiros do Eume, o GES de Ortigueira e os voluntarios de Protección Civil de Mañón. Finalmente, as persoas foron rescatadas e evacuadas a outro tren, que as levou ata o apeadeiro sen maiores complicacións. Desde alí, continuaron a súa viaxe en taxi.
Competirán durante tres días xunto a outras dezaseis escolas de todo o mundo, elaborando catro propostas de pizza: Polbo á galega, con polbo galego, queixo San Simón e allada picante; Bosque galego, con crema de castañas e mel picante; Terra meiga, con zorza picante; e Rapadoira, con setas, queixo azul e pera. As estudantes viaxan acompañadas pola súa profesora, Conchi Carreiras, coa que levan tempo preparando as receitas. Esta é a terceira participación do IES de Foz neste certame, no que xa acadaron un segundo posto en edicións anteriores. A actividade forma parte do programa Erasmus+ da FP, financiado pola Unión Europea, que facilita a participación do alumnado en competicións de habilidades profesionais por toda Europa.
A xornada comezará ás 12:00 h cun faladoiro titulado “Vizoso e nós”, no que participarán Pepe Penabade, Pepe Blanco, Caxigueiro, Aurelia Balseiro e Mª Cristina Rubal González, moderados por Antonio Reigosa. Ás 13:20 h abrirase a exposición “Xosé Vizoso. O neno que debuxou un cabalo”, que permanecerá dispoñible durante as festas de San Lucas. A partir das 13:45 h terá lugar o acto de inauguración e descuberta da placa da nova rúa Xosé Vizoso, na Praza da Fonte Vella, coa presenza de autoridades, familiares e amizades do artista. As persoas asistentes recibirán no auditorio unha lámina cunha obra de Vizoso como agasallo.
Ás 15:15 horas deste martes, un particular solicitou asistencia sanitaria tras a caída dun raio no lugar de Castro de Igrexa (Cazás, Xermade). Varias persoas sentiron os efectos da descarga eléctrica e unha delas quedou atolada. Tras dar aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Garda Civil e Protección Civil, a persoa afectada foi evacuada consciente ao Hospital Universitario Lucus Augusti.
A exposición, instalada no Centro Comarcal Pazo de San Tomé, invita a observar con calma, descubrir historias e poñer en valor un patrimonio vivo que forma parte da nosa identidade. Unha maneira diferente de achegarnos ao mundo rural que tanto significa para As San Lucas.
Co sol ocultándose e a lúa asomando entre as torres de Donlebún, o músico e divulgador reivindicou o poder evocador e transformador do bravú fronte á morriña paralizante. Na sala de lectura da biblioteca, Souto explicou a evolución do rock bravú no imaxinario galego, evocando as músicas populares que acompañaron durante décadas os remolques dos pascualiños e os labores comunitarios, e lembrando a vitalidade de grupos como Skornabois, Diplomáticos de Monte Alto, Xenreira, Zënzar, Pinto de Herbón ou os Rastreiros. A boa lembranza da súa anterior visita levou ao artista a pechar a velada interpretando o “Himno de Ribadeo”, composto por Arturo Mogo, nun final cheo de afecto pola vila e pola súa identidade cultural.
