- Recepción no Concello de Ribadeo ao alumnado chegado de Croacia que realiza prácticas en empresas de automoción deste municipio da man da Asociación de Profesores de Automoción de Galicia
Xunto a este grupo de alumnos e profesores estiveron o alcalde, Dani Vega, e a concelleira de Seguridade, Montse Seijo.
- Tapia de Casariego presentou o programa das Festas do Carmen 2026, que se celebrarán do 3 ao 19 de xullo con máis de dúas semanas de actividades culturais, musicais e tradicionais
A edición incorpora como novidade a primeira inmersión da imaxe da Virxe no porto, prevista para o 11 de xullo. O Día do Carmen, o 16, manterá os actos máis emblemáticos, como a Misa Solemne, a Procesión Mariñeira e a descarga pirotécnica. O programa inclúe verbenas, concertos, actividades infantís, o Día do Bollo e o desfile de Cabezudos. O Concello e SofiTapia animan á participación nunhas festas que volverán converter a vila nun punto de encontro. Os actos no Auditorio Municipal serán de entrada libre ata completar aforo.
- Un grupo de veciños de San Cibrao, integrantes da asociación Terra-Mar, visitou Madrid nunha viaxe organizada co apoio do Concello de Cervo
Durante a súa estancia na capital, tiveron a oportunidade de coñecer o Senado, onde foron recibidos, entre outros representantes, polo senador lucense José Manuel Balseiro, veciño de San Cibrao e pola deputada no Congreso, Cristina Abades, que traballou durante anos na Casa do Concello. Balseiro deulles a benvida á Cámara e acompañounos nun percorrido polas súas principais dependencias, explicándolles o funcionamento da institución e o labor que desenvolven os senadores. O parlamentario agradeceu á asociación Terra-Mar a organización desta iniciativa, que contribúe a achegar as institucións aos cidadáns e a fortalecer os vínculos entre a Mariña e a representación que exerce a provincia de Lugo no Senado.
- O servizo de quita e pon de contedores do casco histórico de Viveiro será suspendido de xeito temporal do 1 ao 5 de xullo, con motivo da elevada afluencia de persoas prevista durante a celebración do Resurrection Fest
Ademais, a medida responde a razóns de seguridade e operatividade, xa que a presenza de público nestas xornadas impide que os camións de recollida poidan acceder e circular con garantías por esta zona. Durante eses cinco días, os contedores permanecerán instalados nos seus emprazamentos habituais para que a veciñanza e os visitantes poidan depositar neles os residuos. Ademais, o servizo de limpeza reforzará as tarefas nos puntos vinculados á celebración do festival. O Concello solicita a colaboración da cidadanía para manter os espazos públicos nas mellores condicións posibles.
- O Concello de Cervo felicita á atleta Olga Vicente, do Club Deportivo San Ciprián, polo magnífico resultado acadado no Campionato de España ao Aire Libre, celebrado en Madrid, onde conseguiu un extraordinario 3º posto nos 80 metros valados
"Este éxito é froito do teu esforzo, dedicación e constancia, e é un orgullo para todo o noso concello. Desexámosche moitos máis éxitos deportivos e que sigas representando a Cervo e ao Club Deportivo San Ciprián con tanta ilusión e talento", salientan desde o consistorio.
- RegalXunqueira presenta “A beleza da diversidade”, unha exposición fotográfica de Alén Espiña Otero
A mostra reúne imaxes tomadas en Galicia, Cataluña, Aragón, Andalucía, Senegal e Escocia, ofrecendo un percorrido pola biodiversidade e polos vínculos entre distintos ecosistemas. O fotógrafo, naturalista especializado en ornitoloxía, invita a contemplar a natureza cunha mirada pausada e consciente a través de 50 especies de fauna. Permanecerá aberta ata o 29 de xullo.
- O Concello de Cervo gardou este luns un minuto de silencio en memoria das vítimas do devastador terremoto que afectou Venezuela
Con este xesto simbólico, expresou a súa solidariedade co pobo venezolano, trasladando o seu apoio ás familias das persoas falecidas, feridas e afectadas por unha traxedia que continúa deixando un elevado número de vítimas e miles de damnificados.