Viveiro, 20 de marzo, 2020. A Xunta Directiva da Asociación de Comerciantes Centro Histórico de Viveiro, derivado da situación actual motivada pola crise do COV19, vese na obriga de suspender tódalas actividades de dinamización comercial que tiña programadas para as próximas datas. Isto afecta á cancelación da Feira de Vodas “Viveiro Vai de Voda” que se ía celebrar do 17 ó 19 de Abril.
Temos por diante un período de incertidume económica no que se van ver afectadas moitas empresas, pequenos comercios, autónomos e tódolos seus traballadores polo cese da actividade económica.
Os negocios van pasar grandes dificultades debido a esta interrupción da actividade que se decretou, e a nós como Asociación comercial correspóndenos estudiar e facilitar a aplicación de axudas que poidan recibir e que lles poidan axudar a paliar a situación, por iso seguimos traballando para axudarlles na medida do posible dende o noso colectivo.
Facendo un importante esforzo para a asociación, considerando o seu limitado presuposto, eximiremos ós nosos asociados do pago da cota do próximo mes.
Esperando a súa boa predisposición, como ven sendo habitual ca nosa Asociación, gustaríanos nos próximos dias establecer un diálogo de traballo co Concello de Viveiro para valorar as posibles medidas que dende o goberno local se poden levar a cabo para minimizar o impacto económico que esta crise vai deixar nun sector de vital importancia para a economía de Viveiro.
Tamén apelamos á solidaridade dos arrendadores dos locais para que, na medida do posible, flexibilicen o pago dos importes dos alugueres.
E sobre todo, apelamos á conciencia da cidadanía, o comercio e hostalaría local dan vida ás nosas rúas, organizan campañas de promocións, sorteos, concursos, premios, colaboran con clubes deportivos, asociacións culturais, colexios da zona, festas de toda a contorna, en definitiva… dinamizan a economía local. Cando esta situación cese e poidamos abrir de novo as portas, remontar vai ser moi complicado, e sen o apoio dos clientes non será posible. Animamos a todos a mercar no comercio local, apoiando non só a comerciantes senón a amigos e veciños que son os que están detrás dos mostradores sacando adiante o seu negocio con moito esforzo. Non nos deixemos levar polas compras compulsivas por internet e apostemos polo comercio de proximidade. Estes dias, no pouco tempo que podemos estar na rúa para facer as compras de primeira necesidade, vemos rúas baleiras, desertas, unha vila fantasma, sen vida algunha nin movemento… ¿queremos que sexa algo temporal? ¿Ou corremos o risco de que se converta en algo permanente? ¿Queres vida na túa vila? Toma conciencia en merca e consume nos negocios locais. Os comercios e hostaleiros vano poñer todo da súa parte.. apoiémolos e entre todos fagamos que as nosas rúas recobren vida.