Estamos a vivir unha situación complicada en toda España, case que diría inaudita, por mor do coronavirus. Os datos amosan que podemos comezar a ver a luz ao final do túnel, pero isto non debe conformarnos, senón que temos e debemos de seguir extremando as precaucións que recomendan as autoridades sanitarias para que a volta á normalidade se produza máis pronto que tarde.
E para esta volta á normalidade é necesario non só a responsabilidade cidadá, senón tamén a responsabilidade institucional e dos nosos gobernos. E dígoo con total humildade e sen ningún tipo de acritude, senón baixo o paraugas dunha actitude construtiva que o único que persegue é aportar e sumar para contribuír a que este pesadelo desapareza o antes posible.
Con este fin, dende o Grupo Municipal Popular rexistramos no Concello unha proposta para que, entre todos, actuar e tomar unha serie de medidas para conter o COVID-19 e paliar os seus efectos sociais e económicos en Ribadeo; xa sexa a través da prestación de servizos sociais aos veciños e veciñas ou a través da implantación doutras accións no ámbito económico. E, para elo, antes falamos co BNG e PSOE, pois este paquete de medidas cremos que debía de ser consensuado e presentado baixo as premisas do entendemento e da colaboración institucional e entre partidos políticos, xa que o importante non somos nós, o importante é a saúde pública. Esta é unha crise de Estado e, como tal, debe resolverse coa colaboración de toda a Corporación municipal. Iso é o que nos piden os veciños e veciñas do noso concello.
No marco desta colaboración e cooperación, en primeiro lugar, consideramos necesaria a creación dunha comisión de seguimento técnica, pública-privada dándolle cabida así representación ao tecido económico de Ribadeo. Esta comisión estaría integrada por todos os grupos políticos que teñen representación no pleno da Corporación municipal. Así o trasladamos a todos os voceiros, propoñendo incluso a supresión do cobro por asistencia a plenos e comisións, por consenso de todos, durante o tempo que se considere para empregar estes fondos nas medidas que se adopten.
En materia de política fiscal e económica, as nosas medidas foron as seguintes:
1.- Exención ou supresión temporal daqueles impostos que recada o Concello para aquelas pequenas empresas ou autónomos que non poden desenvolver a súa actividade durante o período no que se prolongue a situación excepcional provocada polo estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19. Trátase do IAE, IBI, o imposto sobre o lixo, a auga, as terrazas e a ocupación da vía pública ou a taxa para a venda ambulante (mercado dos mércores e dos sábados).
2.- Creación dun plan urxente de pago a provedores. A área económica do Concello debe tomar a decisión de aboar todas as facturas pendentes para reducir o efecto económico deste tempo de parálise.
3.- Apoio aos empresarios. É preciso activar axudas directas ao tecido empresarial, de xeito especial a comercio, autónomos e PEMES, consensuado con todo o tecido económico.
4.- Praza de Abastos: dada a redución nas vendas, que supón unha perda dos produtos ao ser perecedeiros, solicitamos a exención ou eliminación temporal da taxa de alugueiro do local dos placeiros. É importante o apoio á economía local, así como a defensa dos produtos de proximidade.
5.- En materia de política social, solicitamos que se priorice a inversión nas persoas máis vulnerables, derivando fondos económicos desde outras partidas, se é preciso.
6.- En materia educativa e cultural: avogamos pola devolución das taxas correspondentes durante o tempo que non se impartan as disciplinas.
7.- En materia administrativa: propuxemos a paralización de todos os trámites administrativos mentras dure o estado de alarma, tal e como o están a facer outras administracións como a autonómica. É o caso das licenzas de obra, do cambio de numeración, etc.
Isto é o que lle puxemos enriba da mesa a todos o partidos políticos, e fixémolo, insisto, porque o que nos importa –estou convencido que nisto coincidimos todos- é erradicar o propio virus e anticiparnos ás consecuencias económicas e sociais que trae aparelladas por cuestións obvias e que repercuten na supervivencia das empresas e autónomos de Ribadeo, nos comercios e comerciantes; en definitiva, na actividade económica da nosa vila.
Por certo, agardamos que se nos informe das previsións que manexa e das iniciativas que prevé levar a cabo a este respecto a entidade local, porque, xa levamos unhas tres semanas de confinamento e, a día de hoxe, aínda non dixo nada. Agardamos que todos os voceiros municipais entendan que isto vai de traballar xuntos, de unir esforzos e de tomar decisións excepcionais para un momento certamente complexo. Fagamos e tomemos alternativas que beneficien directamente aos nosos veciños. Todos xuntos e sen ideoloxías, só mirando o interese xeral, pois Ribadeo merece todo e máis.
Entrega de material sanitario
E é que nestes momentos tan duros é onde se comproba a xestión dos gobernos. En Galicia sabémolo ben. A Xunta de Galicia actuou con prontitude, anticipándose incluso á administración que é a que ten as responsabilidades encomendadas para facelo. Refírome ao Goberno do Estado, e fíxoo con medidas sanitaria e económicas.
Con independencia das opinións que poidan xurdir ao respecto, o que ninguén pode cuestionar é que esta xestión tivo e ten beneficios directos para os galegos, e para Ribadeo tamén. A Xunta de Galicia proporcionoulle ao noso Concello distinto material para poder paliar o contaxio do coronavirus. De feito, é a única administración que o está a facer. Nin o Goberno do Estado, nin a Deputación deron a primeira instrución para completar estas achegas que veñen do Executivo galego. Isto non é unha crítica, nin un reproche político, é un alegato de sinceridade e de responsabilidade cidadá.
Recibimos xa varias entregas, o que fai que o Concello dispuxese en poucos días dun total de 843 luvas, 728 máscaras, 68 traxes de protección, 50 batas, 9 botes de hidroxel de medio litro, 11 garrafas de desinfectante clorado e 6 buzos. É unha colaboración que non é menor, sobre todo porque nestes días o centro de saúde, a residencia de maiores, os traballadores do SAF e todos os profesionais que nos están coidando, precisan deste para o seu traballo diario. Por iso, creo que debemos de poñer en valor a quen nos está axudando; máxime cando parte deste material procede de recursos propios, de doazóns de empresas, institucións e mesmo particulares que altruistamente non dubidaron en axudar nesta situación complicada; algo que cobra máis importancia se cabe, se temos en conta as dificultades para atopar estes sistemas de protección, por exemplo, nas farmacias. Nos vindeiros días este reparto estenderase non só ao Concello, senón tamén ás dúas residencias públicas da terceira idade, así como ás vivendas comunitarias; algo que é necesario e que nos dá tranquilidade, xa que os nosos maiores é un dos colectivos máis susceptibles e vulnerables a este virus.
Falando de necesidades, creo que tamén é necesario “de ben nacidos ser agradecidos”. Temos que estar moi agradecidos a quen nos tende a man, sobre todo, a todos os que nos están coidando e a todos os que teñen que acudir aos postos de traballo cada mañá para facernos isto máis levadeiro. Estamos xuntos nisto e entre todos sairemos adiante. Estou convencido delo.
Daniel Vega
Voceiro do Grupo Municipal de Ribadeo