Lugo, 7 de maio de 2020. O ciclo de conferencias O reto demográfico. Máis Rural, Máis Lugo, promovido polo Partido Popular de Lugo, iniciado no pasado mes de febreiro, celebrará este venres, día 8, a súa segunda xornada. Esta vez, como consecuencia das medidas para evitar contaxios nesta crise sanitaria debida ao coronavirus Covid-19, será unha xornada telemática, na que participarán a presidenta provincial do PP, Elena Candia, que exercerá como moderadora; Sara Bianchi, en representación da rede de Áreas Escasamente Pobladas del Sur de Europa (SSPA); e os profesores universitarios Felipe Debasa Navalpotro, da Rey Juan Carlos, e Santiago Lago Peñas, da Universidade de Vigo. A videoconferencia comezará ás 19.30 horas e poderase seguir desde www.ppdelugo.es.
Sara Bianchi, actualmente coordinadora da rede SSPA, estudou Ciencias Políticas e Relacións Internacionais en Italia, na Universidade de Pavía, especializándose en Economía e Cooperación Internacional. Durante os seus anos na universidade, entrou en contacto con proxectos europeos que a levaron primeiro a Polonia e despois a España, onde vive dende hai 5 años. Dende 2017 traballa como coordinadora da rede de Áreas Escasamente Pobladas del Sur de Europa (en inglés Southern Sparsely Populated Areas, SSPA), que é un grupo de interese europeo -inscrito no rexistro de transparencia da Unión Europea-, creado para loitar contra o despoboamento e as súas consecuencias. Naceu froito da unión da Confederación de Empresarios de Cuenca, Soria e Teruel. Desde 2013, esta rede tivo vocación de sumar a todos aqueles territorios, organizacións e entidades -tanto de carácter público como privado-, que compartan a súa misión e visión, integrando a todos os actores que poden contribuír a alcanzar os obxectivos previstos coa súa creación. A intervención de Sara Bianchi nesta xornada de O Reto Demográfico ten por título Estrategias y herramientas para las zonas despobladas.
Felipe Debasa Navalpotro é doutor en Dereito, profesor de Mundo Actual da Universidade Rey Juan Carlos, unha universidade que entra no 2019 na Clasificación de Xangai que inclúe ás mellores Universidades do Mundo. A disciplina de Mundo Actual encárgase de analizar desde a historia as transformacións sociais desde o final da II Guerra Mundial e especialmente desde a desaparición da URSS. Debasa coñece máis de 60 países, ten relacións académicas con 10 países e foi profesor visitante da Universidade de Linguas e Cultura de Pequín. Navegou por case todos os mares e océanos da terra incluíndo a Antártida, o Círculo Polar Ático ou a Canle de Panamá. Activo defensor da criopreservación como dereito inalienable individual e do acceso a Internet como Dereito Humano. Socio e alumno de escola do Real Aeroclub de Lugo. É licenciatario de TEDxMondonedo. A súa intervención nesta xornada de O Reto Demográfico tratará sobre Lonxevidade e demografía no Mundo Actual.
Santiago Lago Peñas é catedrático do Departamento de Economía Aplicada da Universidade de Vigo. Dirixe o grupo de pesquisa GEN e é editor executivo da revista Hacienda Pública Española / Review of Public Economics; editor asociado da revista e-publica; investigador asociado do IEB e colaborador de FUNCAS; codirector de RIFDE, director do Foro Económico de Galicia e director da Cátedra de Empresa Familiar da Universidade de Vigo. Experto para o Banco Mundial, a Comisión Europea (H2020), a OCDE, o Forum of Federations, a RAND Corporation e a Assembly of European Regions. Entre 2003 e 2011 foi conselleiro do Consello Económico e Social de Galicia e presidente do Accessibility Working Group da Atlantic Transnational Network entre os anos 2003 e 2005. Membro da Comisión de expertos para a reforma do financiamento autonómico. Membro do comité asesor do Plan Estratéxico de Galicia 2015-2020 e do Observatorio galego de dinamización demográfica. Na actualidade, columnista de El Mundo e Faro de Vigo e colaborador habitual de Cadena Ser. A súa conferencia leva por título Desenvolvemento económico e demografía. Unha axenda para Galicia.
A presidenta provincial do Partido Popular, Elena Candia, sinala que a perda de poboación en partes do territorio provincial é unha realidade, un feito que se agrava paulatinamente, con repercusións económicas e sociais; é unha tendencia á que hai que poñer coto e tratar de reverter. Declarou: “Sobre esta perda de habitantes, con graves consecuencias para a provincia, a sociedade lucense ten manifestada a súa fonda e sincera inquedanza. No Partido Popular estamos seriamente preocupados polo que consideramos un dos principais problemas da nosa provincia e por iso tomamos a iniciativa e queremos buscar solucións. Así xorden estas xornadas que titulamos O Reto Demográfico. Máis Rural, Máis Lugo”. Recordou que a primeira xornada, celebrada en Outeiro de Rei no pasado mes de febreiro, estivo protagonizada pola conselleira de Política Social, Fabiola García Martínez, que dedicou a súa intervención ao tema Facer de Galicia o mellor lugar para formar unha familia. A declaración da pandemia e as medidas de distanciamento social para evitar contaxios obrigaron a reestruturar o programa das xornadas O Reto Demográfico.
Candia explicou que o obxectivo destas xornadas é o de mobilizar ao conxunto da sociedade da provincia, así coma o de facer ver posibles solucións e alternativas viables que permitan garantir o futuro do rural lucense. Recordou que é unha das asinantes da Declaración de Gredos pola innovación e o emprendemento para a repoboamento do rural; opina que esta declaración marca un camiño que se debe seguir, con espírito de consenso.