Lugo, 29 de maio de 2020. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda ten aberto ata o 30 de setembro o prazo de solicitude da convocatoria extraordinaria de axudas para alugueiro de vivenda, destinadas a persoas en situación de vulnerabilidade como consecuencia da pandemia da covid-19.
O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, lembrou que as persoas beneficiarias recibirán ata 500 euros ao mes durante o período que se acredite estar en situación de vulnerabilidade, co límite máximo de seis meses, que non poderá ir máis aló de decembro de 2020.
Esta convocatoria está dotada con 7.901.884 euros. O importe das axudas concedidas non poderá superar o custe da renda mensual establecida no contrato de alugueiro e poderá concederse con efectos retroactivos desde o mes de abril.
Beneficiarios
Poderán beneficiarse destas achegas as persoas titulares dun contrato de alugueiro de vivenda habitual que se atopen en situación de vulnerabilidade como consecuencia de estar en situación de desemprego, ERTE ou redución de xornada por motivo de coidados ou circunstancias similares, sempre que a causa sexa a covid-19.
Estas circunstancias deberán ter causado unha redución substancial de ingresos, ao mesmo tempo que o custe do alugueiro e as subministracións básicas da vivenda supoñan unha parte importante de ditos ingresos. Os ingresos conxuntos de todos os membros da unidade familiar non superarán, con carácter xeral, 3 veces o Iprem, é dicir, 1.613,52 euros ao mes.
No caso de que algún membro da unidade familiar teña unha discapacidade igual ou superior ao 33 por cento, estea en situación de dependencia ou padeza unha enfermidade que incapacite para o traballo o límite máximo de ingresos será de 4 veces o Iprem (2.151,36 euros).
Finalmente, se o arrendatario da vivenda ten discapacidade intelectual igual ou superior ao 33 por cento ou física superior ao 65 por cento, ou padece determinadas enfermidades o límite máximo de renda será de 5 veces o Iprem (2.689,20 euros ao mes).
O límite máximo de ingresos incrementarase en 0,1 veces o Iprem por cada fillo ou persoa maior de 65 anos integrante da unidade familiar. No caso de familias monoparentais, incrementarse 0,15 veces o Iprem por cada fillo.
Polo que respecta ao custe do alugueiro da vivenda e as subministracións básicas para a mesma (auga corrente, electricidade, gas, gasóleo para calefacción, servizos de telecomunicación fixa e móbil e posibles contribucións á comunidade de propietarios) deberán ser iguais ou superiores ao 35 por cento dos ingresos netos mensuais que perciba o conxunto de membros da unidade familiar.
Ademais, é requisito para a concesión da axuda que ningún membro da unidade familiar sexa propietaria ou usufrutuaria de algunha vivenda en España, excepto se acreditan a non dispoñibilidade da mesma por causa de separación ou divorcio, por calquera outra causa allea á súa vontade ou cando a vivenda resulte inaccesible por razón de discapacidade do seu titular ou de algunha das persoas que conforman a unidade de convivencia.
Tampouco está permitido que algún membro da unidade familiar teña parentesco en primeiro ou segundo grao de consanguinidade ou de afinidade coa persoa arrendadora da vivenda ou sexa socia ou partícipe da persoa física ou xurídica que actúe como arrendadora da vivenda.
Solicitudes
As solicitudes presentaranse preferentemente por medios telemáticos a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, onde está dispoñible o formulario de solicitude. É imprescindible que na solicitude consten os seguintes datos:
• Data desde a que se está na situación de vulnerabilidade
• Ingresos netos e importe da renda
• Gastos de subministracións do mes anterior á solicitude
• Composición e ingresos da unidade familiar.
Xunto coa solicitude tamén deberá presentarse, obrigatoriamente, a seguinte documentación:
• Contrato de alugamento da vivenda.
• Extractos ou certificados bancarios, acreditativos do pagamento das últimas tres mensualidades da renda do contrato anteriores ao primeiro mes para o que se solicita a axuda.
• Documentación acreditativa do número de conta bancaria da persoa arrendador, no caso de non constar nos dous documentos anteriores
• De ser o caso, solicitude da axuda transitoria de financiamento (préstamo ICO).
• Declaración responsable das persoas integrantes da unidade de familiar
• Documentación acreditativa dos ingresos do solicitante e a unidade familiar correspondentes ao mes anterior ao da presentación da solicitude.
• Documentación acreditativa dos gastos e subministracións básicos da vivenda habitual relativos ao mes anterior ao da presentación da solicitude.
No caso de que o beneficiario da axuda obtivese un préstamo ICO para o pago do alugueiro, ao amparo das ás axudas transitorias de financiamento, a axuda destinarase á amortización de dito préstamo. No resto dos casos será pagada directamente polo IGVS ao propietario da vivenda.

















A edición deste ano incorpora un novo formato organizativo: as sesións vermú ampliaranse a tres horas na Praza da Constitución e todas as verbenas trasladaranse ao Campo da Feira para mellorar a loxística e facilitar a montaxe dos espectáculos, especialmente nun ano con formacións de gran formato. O programa musical combina orquestras, grupos e DJs para públicos de todas as idades, con citas destacadas como Panorama City, Paris de Noia, Los Satélites, Costa Dorada ou a xira campestre con diferentes propostas ao longo de varios días. Desde o Concello subliñan que as festas son un espazo de encontro para a veciñanza e para quen regresa a Vilalba nestas datas, e que o obxectivo é ofrecer unha programación equilibrada e pensada para que cada persoa atope o seu lugar nunhas patronais que forman parte esencial da identidade da vila.
A artista manchega, coñecida pola súa mestura de raíz tradicional e sonoridades actuais, ofrecerá un directo íntimo e cheo de forza o sábado 20 de xuño ás 22:30 horas. Será unha noite para gozar da música con calma, entre amigos, nun ambiente próximo e acolledor, onde as cancións se comparten case como se fose unha conversa arredor dunha mesa. As entradas xa están dispoñibles en woutick!, polo que se recoméndase adquirilas con antelación para non quedar sen sitio nesta cita única.
José Luis Teso Celis é o vendedor da ONCE que repartiu estes cartos na localidade mariñá, desde o seu punto de venda situado na Avenida da Mariña, número 46.
Durante a xornada, entre 12 e 19 horas, realizarase un mural inspirado na obra Diálogo (1946) de Luís Seoane, que Maruja Seoane levou a tapiz ese mesmo ano. A organización convida a toda a veciñanza a participar con lecturas, conversas, cantos, bailes e un xantar compartido.
O xoves haberá unha gran sardiñada no Campo da Pascua e o venres dedicarase ao Día do Neno con atraccións a prezos populares. A organización corre a cargo da Comisión de Festas de San Xoán de Covas coa colaboración das administracións locais e autonómicas.
Os subcampións foron Benja e Álvaro. O torneo reuniu no Real Club Náutico arredor dun centenar de xogadores procedentes de Galicia, Asturias e Castela e León, consolidándose como unha das citas máis destacadas do calendario musístico da costa lucense. Desde LuMus agradecen “el apoyo del Concello de Ribadeo, del Real Club Náutico de Ribadeo, de Mapfre y del resto de colaboradores y patrocinadores que hicieron posible esta cita, que dio comienzo a primera hora de la mañana y se prolongó durante toda la jornada del sábado”.
O festival De Cabo a Cabo, organizado por Fanto Fantini cunha achega provincial de 20.000 €, puxo en valor a diversidade cultural de Burela, onde o 10% da poboación é de orixe caboverdiana. A programación espallouse por varios espazos da vila con música, intervencións artísticas e torneos deportivos, e contou coa presenza de artistas como Baiuca, DJ Danifox, DJ Kandole, Batuko Tabanka, Lilaina ou Saya. A contribución da Deputación permitiu cubrir a infraestrutura técnica e loxística, así como os custos de organización e contratación das actividades.



