Lugo, 19 de maio de 2020.- O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, mantivo hoxe unha reunión con representantes da Asociación de Exportadores de Pescados e Mariscos da Mariña (Adexmar) para avaliar o impacto que tivo no sector os efectos derivados da crise sanitaria e trasladarlles as medidas de apoio da Administración autonómica.
Adexmar agrupa a preto de medio cento de empresas maioristas e de distribución de pescado que operan en las lonxas de Burela e Celeiro. “Trátase dun sector esencial na cadea de transformación e comercialización dos produtos do mar”, dixo Balseiro, “e quixemos coñecer máis polo miúdo a súa situación e necesidades”.
Como primeiro dato destacable a Xunta autorizou todos os expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE) presentados que, no conxunto da provincia, foron 11 solicitudes que afectaron a 70 empregados. En todos os casos a actividade viuse condicionada polo peche da hostalería e restauración que representaban a principal clientela das empresas solicitantes.
A xuntanza serviu igualmente para dar a coñecer algunhas das medidas de apoio que a Xunta ten en marcha, como os préstamos a tipo de interese cero que permiten dispoñer de entre 3.000 e 200.000 euros para facer fronte a necesidades de liquidez ou pago de facturas, e que as empresas poden devolver nun prazo de tres anos con doce meses de carencia. Ata o momento son máis de 500 as solicitudes recibidas desta liña de apoio que, a diferenza dos préstamos ICO teñen o tipo de xuro subvencionado ao 100%.
Balseiro coincidiu cos empresarios participantes na conveniencia de seguir apostando por desenvolver iniciativas como as campañas de promoción para impulsar o consumo dos produtos do mar e tamén dirixidas a incrementar o seu valor engadido.
Nese sentido, lembrou que a campaña da Xunta Vai de Peixe, que promociona os produtos do mar entre os millennials galegos, reformulouse para adaptarse ás novas circunstancias orixinadas pola alerta sanitaria con novas accións como charlas, concursos, retos e sorteos difundidas principalmente a través de Instagram e da páxina web da iniciativa.
Así mesmo, está en marcha a campaña Merca produto fresco do mar. Estamos no mesmo barco, neste caso concreta dirixido ao público en xeral, para animar á cidadanía a consumir produtos do mar en resposta ao esforzo do sector extractivo fixo, como servizo esencial para garantir o abastecemento alimentario, durante a crise do coronavirus.