Ribadeo, 24 de xullo, 2020.
Veciñas e veciños.
Neste 25 de xullo excepcional, os galegos e as galegas, celebramos a nosa festa maior. Neste 100 aniversario da celebración do primeiro Día de Galicia organizado polas Irmandades da Fala como acto de afirmación da nosa identidade colectiva, debemos ter cautela na celebración, mais ser efusiv@s na fraternidade.
Como afirmaban estas Irmandades, “Toda a Terra é País”. Un día universal en que afirmamos a nosa forma de estar no mundo, en todo o mundo dende a Patagonia ao Cabo Norte. Celebramos a nosa identidade colectiva como universal e o noso vello solar europeo como a célula de universalidade da que falaron os máis universais galeguistas.
“Ánimo compañeiros, toda a Terra é dos homes” escribiu Rosalía pensando na fraternidade universal da que tan necesitados estamos. O 25 de xullo, Día Nacional de Galiza, é motivo de especial celebración desa irmandade que os galegos e as galegas somos quen de reivindicar hoxe. Unha celebración social que quero compartir con todas e todos vós; convidando a todo o pobo a amosar o orgullo de pertencer a un País que busca con decisión o seu futuro no mundo e co mundo.
O dereito a vivir nesta Terra sen ter que emigrar, o deber de garantir a igualdade de oportunidades para todas e todos, o dereito a un entorno saudable e a un futuro ecoloxicamente sustentable, son arelas que nos farán medrar e nos permitirán afirmar que contamos cunha Galiza Viva irmá de todos os pobos do mundo. Unha Terra de emigrantes solidaria cos que hoxe se ven obrigados a emigrar. Os que van e as que veñen. Unha Terra de mulleres e homes libres.
Galiza é unha tarefa colectiva que require do esforzo de todas e todos nós.
Terra a nosa!
Viva o 25 de Xullo Viva Galiza
Fernando Suárez Barcia Alcalde de Ribadeo