Cervo, 29 de xaneiro, 2021. O Concello de Cervo, a pesar da situación excepcional que vivimos, quere seguir a carón da comunidade educativa, promovendo accións que redunden no coidado e na protección do Medio Ambiente.
Esta semana , concretamente o martes, 26 de xaneiro, conmemorouse o Día Mundial da Educación Ambiental; unha data tradicionalmente marcada no calendario da delegación de Medio Ambiente coa programación de actividades que redundan na preservación da nosa contorna.
Nesta ocasión, a pandemia impediunos poder compartir ese día cos escolares e os docentes dos centros educativos do noso municipio; pero buscamos o xeito de poder estar con eles dun xeito seguro e respectando, loxicamente, todas as medidas de prevención fronte ao COVID, tal e como apunta a edil responsable, Mali Méndez.
Así, os efectivos do GES achégaronse ata o CEIP de Cervo, o CEIP Península da Paz e o IES Marqués de Sargadelos para entregarlles varios colectores de reciclaxe azuis (papel e cartón) e amarelos (envases de plástico, latas e bricks) a fin de botar unha man no obxectivo de fomentar a recollida selectiva de residuos e a súa reciclaxe.
Está claro que cada xesto suma para poñerlle freo ao temido Cambio Climático e para evitar a extinción de moitas especies de flora e fauna, hoxe en perigo.
Trátase de concibir a naturaleza non como fonte inesgotable de recursos, senón como un ecosistema fráxil que ten as súas propias esixencias que hai que respectar, tamén polo noso propio interese e supervivencia.
Un sinxelo acto como a elección dun ou doutro colector á hora de depositar o lixo pode marcar a diferencia e axudar ao planeta.