Lugo, 8 de setembro de 2021. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o Alcalde de Muras, Manuel Requeixo, asinaron un convenio de colaboración para humanizar a contorna da Praza da Galeguidade da localidade con 272.525€ que achegará integramente a institución provincial. A firma do acordo tivo lugar no propio lugar no que se vai actuar, ao carón do consistorio murés.
Tomé Roca puxo de manifesto que “o acordo que asinamos é un exemplo de colaboración entre dúas administracións -a Deputación de Lugo e o Concello de Muras- que buscamos o mesmo, que é mellorar a vida da xente, neste caso a través dun proxecto para que os veciños e veciñas teñan unha praza máis acolledora, accesible e bonita”. Concretou o mandatario provincial que “o rural da nosa provincia necesita actuacións coma esta que impulsa o Concello de Muras para ter futuro, para ser atractivo para a poboación máis nova e cómodo para as persoas maiores”.
Durante o acto de sinatura, no que tamén estiveron presentes a Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, e concelleiros e concelleiras da corporación local, o Presidente tamén explicou que “as prazas, como esta Praza da Galeguidade, son espazos físicos, pero tamén son espazos de convivencia e de memoria. Polo tanto, cando renovamos unha praza, non só melloramos a parte urbanística, senón que creamos comunidade e proxectos de futuro”.
Dar prioridade aos peóns
O proxecto contempla un conxunto de actuacións que teñen como obxectivo humanizar o centro do concello de Muras, creando un novo espazo de convivencia que lle dará un maior protagonismo aos peóns e reducirá a velocidade dos vehículos que transiten por esta zona.
Vaise xerar unha única plataforma de pedra e formigón que unirá as fachadas dos edificios coa Alameda da Praza da Galeguidade, coa intención de unificar estas dúas zonas, e pola que transitarán tanto os vehículos como os peóns. Eliminaranse os banzos actuais para mellorar en accesibilidade tanto para as persoas con mobilidade reducida como para os carros dos bebés.
Ademais, esta obra servirá para renovar as subministracións públicas, como a rede de abastecemento de auga, pluviais, enerxía eléctrica e telecomunicacións. Así mesmo, esta zona dotarase de novas luminarias e de mobiliario urbano que ofreza unha maior calidade e comodidade para a veciñanza.
A rúa Apóstol Santiago modificará a súa actual bidireccionalidade, converténdose nunha estrada de dirección única en sentido ao Concello. Quedará prohibido o acceso á nova contorna dos vehículos que circulen en sentido ao Concello dende a rúa José Ramón Puentes.
A Deputación cos Concellos
O Presidente incidiu en que a Deputación é o Concello dos Concellos e que proxectos coma este poñen de manifesto unha vez máis esta función. “Un concello de todos, que ten como obxectivo principal colaborar e axudar para que cada concello da provincia desenvolva iniciativas ou servizos que non poden abordar por si sós. Por iso, no camiño de traballar cara o futuro, os veciños e veciñas de Muras, o Concello, o Alcalde e o equipo de goberno, contarán sempre co respaldo da Deputación de Lugo”.
“Dende a Deputación facemos un investimento moi importante neste proxecto, unha cantidade económica que case iguala ó percibido polo Concello de Muras a través do Plan Único deste ano 2021, que ascende a preto de 290.000€. Polo tanto, estamos falando de que, entre a aportación deste convenio e a do Plan Único, a Deputación achega a Muras máis de medio millón de euros para dotar de máis e mellores servizos e infraestruturas ós veciños e veciñas desta localidade”, apuntou o Presidente.





















A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A alcaldesa Marta Rouco inaugurou a cita, que abriu coa IV Volta Ciclista á Terra Chá e cunha programación centrada na relación entre Galicia e Cuba e na memoria da emigración. Houbo unha mesa redonda sobre o Centro Galego da Habana, a exposición Galicia Imaxinada e música, ademais dunha mostra de xornais antigos. Rouco reivindicou a importancia de lembrar a emigración galega e apelou a mirar con humanidade as migracións actuais, destacando tamén o papel das asociacións culturais das parroquias na conservación das tradicións. A feira continou con desfile de época, xantar popular, xogos, animación, baile cubano, foliada, queimada e propostas musicais e artesanais ata a noite.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Ocorreu minutos antes das 11:30 horas. Unha persoa foi trasladada ao hospital tras resultar ferida na colisión entre un coche e un autobús no quilómetro 512 da A-8 en sentido A Coruña, en Vilaframil (Ribadeo). Entre os alertadores estiveron as persoas que viaxaban no coche, que puideran saír do vehículo. Por outra banda, o autobús conseguiu deterse uns metros máis adiante. Ao punto desprazáronse Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da autovía.
O próximo luns 14 de setembro comeza un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.



