A Mariña, 18 de outubro de 2021. A Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense, baixo o convenio asinado coa Axencia de Turismo de Galicia e coa colaboración da Deputación de Lugo para a súa promoción, organiza as III Xornadas de Portas Abertas das Rutas de Artesanía, que se desenvolverán as fins de semana do 29 ao 31 de outubro e do 12 ao 14 de novembro. Nesta ocasión estarán destinadas aos profesionais do turismo, da hostalería e do comercio da comarca, das axencias de viaxes e dos centros educativos de Galicia así coma ao público e xeral.
Desde a Mancomunidade o seu presidente, Fran Cajoto, lembrou que “se trata dunhas xornadas con actividades gratuítas para os participantes que se organizan por terceiro ano consecutivo da man dos artesáns da comarca que conforman as Rutas de Artesanía da Mariña Lucense, que nunha primeira edición se dedicaban ao público en xeral, ao seguinte ano a Mancomunidade xunto aos artesáns decidía dedicalas especialmente aos profesionais do turismo, hostalaría e comercio locais, axencias de viaxes e centros educativos de Galicia e nesta terceira edición ábrense de novo a todos eles: público xeral, sector turístico e educativo”.
Cajoto subliñou que “o obxectivo, por un lado, é que os profesionais do territorio e en contacto co turista poidan coñecer de primeira man esta iniciativa para logo recomendala aos visitantes, e por outro que as axencias decidan incluíla entre a súa oferta turística e debido ao seu poder didáctico os profesores e profesoras dos centros educativos poidan coñecer esta iniciativa para ofertala ao alumnado en saídas e excursións. Ademais, queremos que o público xeral siga contando con esta oportunidade e participando nesta experiencia”.
A axente de Desenvolvemento Turístico da Mancomunidade, Tania Hermida, explicou que “as III Xornadas de Portas Abertas discorrerán por parte dos 6 itinerarios turísticos propostos que conforman as Rutas de Artesanía da Mariña Lucense e inauguraranse o 29 de outubro na Pontenova coa visita ao taller de Rodil, ferreiro participante deste municipio, cunha visita guiada da man do técnico de turismo municipal Carlos Morado. As Xornadas de Portas Abertas continuarán durante os días 30 e 31 de outubro, 12, 13 e 14 de novembro en Mondoñedo, Viveiro, Burela, Cervo e Foz”.
O día 30 deste mes será a quenda de Mondoñedo, cun percorrido polo barrio artesán por excelencia, o dos Muíños, con visita este ano aos monicreques de Ton Arenas, ao obradoiro de La Botica del Abuelo e ao centro histórico da cidade coa Audioguía Ficcionada Mondoñedo e Familia. O domingo a iniciativa chegará a Viveiro coa visita ao ceramista Otero Regal e á exposición permanente antesala dun museo no casco histórico de Viveiro.
O 12 de novembro a iniciativa seguirá en Burela coas redeiras Cabo Burela, colectivo que mantén vivo este tradicional oficio, e a visita ao Barco Museo Reina del Carmen, antigo boniteiro que o Concello recuperou para convertelo nun espazo de recuperación da cultura mariñeira e de atracción turística no porto máis importante de España na pesca e comercialización do bonito. O día 13 as Xornadas de Portas Abertas chegarán a Cervo coa visita ao estaleiro de carpintería de ribeira de Francisco Fra, con mais de 200 anos de historia, e ao Museo Provincial do Mar. As xornadas rematarán o 14 de novembro en Foz coa visita ao artesá e artista plástico Daniel Caxigueiro e ao seu espectacular xardín botánico, un percorrido pola Basílica de San Martiño de Mondoñedo ou pola fervenza de Santo Estevo do Ermo en Barreiros no caso de que non sexa posible a visita á primeira. Todas as visitas correrán a cargo de Noela Feal, que é guía oficial de Galicia e artesá.
As actividades son gratuítas e inclúen a visita a un ou dous obradoiros e ás propostas complementarias. Para participar é preciso reservar en turismo@amarinalucense.gal ou no teléfono 636.737.608, xa que as prazas son limitadas.
Tania Hermida engadiu que “as Rutas de Artesanía son itinerarios turísticos nos que o visitante pode adentrarse no oficio do artesán e desfrutar dos valores naturais, culturais e gastronómicos da localidade onde se sitúan e da súa contorna próxima. Así os visitantes poden realizar as Rutas de Artesanía de forma autónoma guiándose pola recomendacións facilitadas na nosa web e na guía das Rutas de Artesanía, na que como cada ano estamos traballando para a súa actualización e que estará dispoñible no mes de novembro”.
As persoas interesadas atoparán mais información en amarinalucense.gal na sección Rutas de Artesanía.























Unha iniciativa destinada "a expresar apoio, afecto e solidariedade con Ceuta". A concentración terá lugar diante da Casa do Concello.
O Concello destacou que esta primeira edición nace para impulsar a creación literaria e manter vivo o legado de Manuel García-Galano. A obra gañadora, definida pola autora como unha historia de suspense psicolóxico sobre amizade, lealdade e segredos, engádese á programación cultural da XXXIII Feira Campomar. Con este premio, o concello inicia unha traxectoria destinada a honrar a figura do escritor a través da literatura.
Villares felicitou á entidade lucense polos éxitos acadados na última tempada e puxo en valor “o traballo e dedicación dos nadadores e nadadoras e o esforzo do equipo técnico” do club. Recalcou en especial o impulso ao deporte base dende idades moi temperás, en liña coa aposta da Xunta por fomentar a actividade física entre os nenos e nenas con accións como o programa de deporte escolar Xogade, que no curso pasado chegou case ao 60% do alumnado galego.
A convocatoria enmárcase na iniciativa promovida pola FEMP para trasladar desde as entidades locais o seu apoio e solidariedade coa Cidade Autónoma de Ceuta. Deste xeito, Viveiro únese á convocatoria xunto con concellos de todo o territorio, amosando o seu respaldo institucional á Cidade Autónoma.
A obra premiada aborda a emigración galega desde unha voz feminina, e o pregón destacou o traballo colectivo e a transmisión entre xeracións dentro da Banda. Con este acto, o Concello dá inicio a unha programación festiva que nos próximos días combinará tradición, cultura, deporte e música para todos os públicos.
Durante esas xornadas realizaranse estudos xeotécnicos imprescindibles para planificar correctamente as actuacións previstas, o que require que a maquinaria e o persoal traballen directamente sobre a infraestrutura, impedindo o paso de vehículos. Recoméndase ás persoas usuarias empregar rutas alternativas durante o corte, que só permitirá o acceso ás dúas vivendas situadas na Barxa. O Concello pide desculpas polas molestias e agradece a colaboración da veciñanza.
Afirman que os accesos ao Campo da Festa resultan moi dificultosos, especialmente para persoas con carriños de nenos ou cadeiras de rodas. Critican que a obra se trasladase a esta zona xusto antes das festas, deixando outros tramos a medio facer e sen ter en conta as necesidades dun barrio que consideran “marxinado”. Sinalan tamén á alcaldesa como responsable de evitar esta situación. A veciñanza esixe un arranxo inmediato do acceso, aínda que sexa provisional, e a instalación dunha sinal luminosa na alambrada situada ao final da obra.



