Riotorto, 01 de Outubro de 2021. No día de hoxe, e trala xuntanza mantida entre o presidente de Sogama, Javier Domínguez, e o alcalde do Concello de Riotorto, Clemente Iglesias, ambos acordaron suspender de forma definitiva a ubicación prevista para a nova planta de transferencia que se pretendía construír no lugar de O Franco-Aldurfe.
O vindeiro luns, 4 de outubro, Sogama procederá á cancelación da licitación desta instalación e o Concello de Riotorto revocará o acordo de cesión da referida parcela.
Na actualidade, estanse a estudar outras alternativas, buscando unha parcela que cumpra os requisitos técnicos e que non cause prexuizo algún aos veciños do municipio.
O rexedor de Riotorto non quere deixar escapar esta oportunidade de investimento no Concello, que xerará empregos locais e unha actividade económica sostible na nosa localidade.
Xamais a administración local pretendeu prexudicar a ningún veciño de Aldurfe con esta instalación que agora se cancela. A elección da ubicación obedecía únicamente a criterios técnicos e loxísticos, considerándoa idónea e beneficiosa para a xeración de postos de traballo na zona, coa particularidade de que traería consigo diversos beneficios para o barrio en virtude dun convenio a asinar con Sogama para a mellora de infraestruturas viarias na parroquia.
MARCO DE REFERENCIA
A actual microplanta de Riotorto leva operando desde o ano 2007 sen incidencias. Non obstante, e tendo en conta que os concellos galegos deberán implantar a recollida selectiva da materia orgánica a través do quinto contedor (de cor marrón) antes do 31 de decembro de 2023, Sogama decidiu transformar esta microplanta, xunto con outras que operan en diversos puntos de Galicia, nunha planta de transferencia con maior capacidade, máis e mellores prestacións, e máis eficiente.
A día de hoxe, na microplanta, que da servizo a Riotorto, Meira, A Pastoriza, Pol, A Pontenova e Ribeira de Piquín, únicamente se transvasa a denominada bolsa negra recollida por parte dos camións municipais a contedores de maior capacidade e aptos para ser transportados, nas mellores condicións, ata o Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda.
O obxectivo da compañía é que, ademais da bolsa negra, nesta instalación se poida transferir a bolsa amarela (que agora mesmo se entrega na planta de Barreiros) e, no seu momento, os residuos orgánicos do contedor marrón.
Desta forma, o Concello de Riotorto e municipios que utilizan os servizos da actual microplanta, evitarían o transporte destes refugallos á planta de Barreiros, situada a uns 50 quilómetros de distancia, o que provocaría un notable incremento de custos, tanto ambientais (derivados do traslado de lixo por estrada, coas conseguintes emisións de CO2 á atmosfera) como económicos para as arcas locais e, polo tanto, para o peto da veciñanza.
É preciso recordar que a única función das plantas de transferencia (hai 37 distribuidas polo conxunto do territorio galego que operan desde hai moitos anos con absolutas garantías medioambientais e para a saúde) é transvasar os residuos para que poidan recibir tratamento no Complexo de Sogama en Cerceda (A Coruña).
Nestas infraestruturas non hai manipulación nin almacenamento nin tratamento de residuos, sendo ben acollidas polos cidadáns e Concellos.






















Competirán durante tres días xunto a outras dezaseis escolas de todo o mundo, elaborando catro propostas de pizza: Polbo á galega, con polbo galego, queixo San Simón e allada picante; Bosque galego, con crema de castañas e mel picante; Terra meiga, con zorza picante; e Rapadoira, con setas, queixo azul e pera. As estudantes viaxan acompañadas pola súa profesora, Conchi Carreiras, coa que levan tempo preparando as receitas. Esta é a terceira participación do IES de Foz neste certame, no que xa acadaron un segundo posto en edicións anteriores. A actividade forma parte do programa Erasmus+ da FP, financiado pola Unión Europea, que facilita a participación do alumnado en competicións de habilidades profesionais por toda Europa.
A xornada comezará ás 12:00 h cun faladoiro titulado “Vizoso e nós”, no que participarán Pepe Penabade, Pepe Blanco, Caxigueiro, Aurelia Balseiro e Mª Cristina Rubal González, moderados por Antonio Reigosa. Ás 13:20 h abrirase a exposición “Xosé Vizoso. O neno que debuxou un cabalo”, que permanecerá dispoñible durante as festas de San Lucas. A partir das 13:45 h terá lugar o acto de inauguración e descuberta da placa da nova rúa Xosé Vizoso, na Praza da Fonte Vella, coa presenza de autoridades, familiares e amizades do artista. As persoas asistentes recibirán no auditorio unha lámina cunha obra de Vizoso como agasallo.
O sindicato denuncia a decisión unilateral da empresa de retirar días de descanso e implantar quendas que dificultan a conciliación. As concentracións serán nos centros de traballo de Foz (Uxío Novoneira s/n) e Ribadeo (Avda. Galicia 27). Lémbrase que non é unha folga e apélase á solidariedade da plantilla para defender as condicións laborais conquistadas.
Ás 15:15 horas deste martes, un particular solicitou asistencia sanitaria tras a caída dun raio no lugar de Castro de Igrexa (Cazás, Xermade). Varias persoas sentiron os efectos da descarga eléctrica e unha delas quedou atolada. Tras dar aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Garda Civil e Protección Civil, a persoa afectada foi evacuada consciente ao Hospital Universitario Lucus Augusti.
A exposición, instalada no Centro Comarcal Pazo de San Tomé, invita a observar con calma, descubrir historias e poñer en valor un patrimonio vivo que forma parte da nosa identidade. Unha maneira diferente de achegarnos ao mundo rural que tanto significa para As San Lucas.
A viaxe, enmarcada no proxecto «Relevo Xeracional: O Futuro do Mar» e organizada en colaboración co GALP Itsas Garapen Elkartea, permitiu achegarse a iniciativas como Kofradia Basque Seafood, a Escola de Pesca de Ondarroa, AZTI, Albaola ou o Itsas Museo de Donosti, así como a proxectos vinculados directamente á actividade pesqueira e á divulgación, incluíndo o uso de realidade virtual. O intercambio con Euskadi permitiu coñecer modelos que combinan formación, investigación, transmisión do coñecemento e modernización do sector, contribuíndo a identificar novas vías para facilitar a incorporación da mocidade á actividade pesqueira e garantir a continuidade das comunidades costeiras galegas.
Os servizos sanitarios trasladaron ao hospital a tres persoas implicadas nunha colisión frontal en Castro de Rei. Unha delas tivo que ser excarcerada polos Bombeiros de Vilalba. Contra as 11:15 horas deste martes, un particular informou ao 112 Galicia dun choque entre dous vehículos no quilómetro 71 da N-640, á altura da parroquia de Viladonga. Desde o punto, os alertadores sinalaron que unha persoa permanecía atrapada. Desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias activouse un operativo no que participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada. Os bombeiros liberaron á persoa, que foi trasladada xunto con outros dous feridos ao hospital en ambulancia.



