Dende hai tempo, abondo xa, tento descubrir que quere Asturias. O primeiro que tiven que descartar é que Asturias, entidade, queira algo: sinxelamente, non pode. Poden querer os Asturianos, mais de primeiras reduciría a querencia ós mandatarios asturianos.
Coido que o anterior é un paso previo para tentar comprender que pasa co nome da ría de Ribadeo. E aquí fago unha digresión: o nome da ría que separa o que hoxe son territorios de dúas administracións diferentes tenta disputarse precisamente por iso, porque son dúas administracións. Alguén dubida que se houbera unha única administración, poñamos ‘Autonomía Asturgalaica’, desaparecía o ‘problema’ do nome da ría? Coas probas contundentes que conducen ó nome de ría de Ribadeo, recoñecidas no informe da Comisión de Nomes de 2008, con aportacións da ‘Real Sociedad Geográfica’, a Comisión de Toponimia da Xunta e -nótese a diferenza de nomes e funcións do organismo- a Dirección General de Promoción Cultural y Política Lingüística’ de Asturias, e, en xeral a diferenza histórica entre os nomes que resalta en diferentes lugares, como no “INFORME QUE REMITE LA ASOCIACIÓN VECINAL CULTURAL Y ECOLOGISTA ‘PLATAFORMA POR LA DEFENSA DE LA RÍA DE RIBADEO’ A LA DIRECCIÓN GENERAL DEL INSTITUTO GEOGRÁFICO NACIONAL ANTE LA PROPUESTA DE LA DIRECCIÓN GENERAL DE POLÍTICA LLINGUÍSTICA DEL PRINCIPADO DE ASTURIAS SOBRE LA DENOMINACIÓN DE LA RÍA DE RIBADEO”, non se entende o ditame (este de 2021 non é informe, senón comunicación de decisión) de hai poucos días da Comisión do Instituto Geográfico Nacional. Non se entende se se considera que debe cinguirse ós feitos. Se se considera que se poden aplicar criterios políticos, imos aclarando a decisión.
Antes de volver ás querencias, e aparte das moitas apostillas de reforzo que se lle pode facer ó predominio obxectivo do nome ‘ría de Ribadeo’, unha constatación: na oficialidade asturiana pasouse completamente da obviedade do informe de 2008, usando o nome que querían impoñer en vez do oficial. Entre os numerosos exemplos que se poden poñer, destacaría a edición do libro ‘A ría de Ribadeo. Natureza entre dúas augas’, na súa versión galega, que na castelá mantivo ‘La ría del Eo. Naturaleza entre dos aguas’. O libro, de 2009, recente aínda o informe sobre o nom, deixa claro tanto po paso polo forro das autoridades asturianas como consentimento das galegas con motivo dun libro realizado con cartos de entidades constituídas basicamente por concellos da zona. E tamén é un adianto do que viría despois.
Volvendo ás querencias dos poderes asturianos, coido que é doado comprender que en Vega de Ribadeo, aló polo 1916, quixeran e conseguiran por unha Real Orden cambiar o nome por Vegadeo. Tanto por acougar mellor de xeito interno a identidade do concello despois de nacer en 1836 como Vega de Ribadeo e cambiar a capitalidade dende Piantón, como por reivindicarse a si mesmo recoñecendo no nome o feito de non dependencia ningunha de Ribadeo. Ese cambio de nome, ademais, estimo que tivo un efecto secundario que agora se trata de potenciar: a desaparición de influenza/ascendencia de Ribadeo sobre esas antigas ‘Terras de Ribadeo’ eonaviegas, recoñecidas como tales ao menos tan lonxe no tempo como no 1154, nun conflito entre bispos, no que foron concedidas ó bispo ovetense con esa denominación.
Ou sexa, estamos ante unha potenciación da estrutura interna asturiana, aglutinando o sentimento ‘asturianista’ para o que se aproveita unha inventada confrontación ‘externa’. Así, virían ‘os de Uvieu’ en defensa da identidade dunha zona, máis dun terzo de Asturias, que teñen apartada na súa propia consideración e condición de asturianeidade mentres dura a asimilación centralista -do centro da comunidade-. Algo no que todos os partidos políticos asturianos vense na necesidade de participar, unha vez comezado. E participar apoiando a Asturias, unha vez definido que o comerlle terreo ó nome de Ribadeo é en interese de Asturias. Tal vez a consideración sería diferente se o ‘occidente’ tivera algo semellante ó que representa Covadonga, como ocorre no oriente da comunidade…
E si, cada vez se di máis ‘ría del Eo’, pois esa é unha teima, levada a modo de cruzada, dende hai moito tempo. Cada vez se di máis, pero tendo claro que as lembranzas na rúa, o ‘sempre se dixo…’ poden ter tanta fiabilidade como as que indican que ‘en tempos de Franco vivíase mellor’.
Pola outra parte, en Galicia, para interpretar o tema, coido que para mostra abonda un botón, o botón do libro citado. Interese en manter ‘ría de Ribadeo’? Só cando se manifesta, a remolque do ‘nacionalismo’ asturiano, un ‘nacionalismo’ galego, comeza a haber unha resposta clara… alguén dirá que ao menos cun século de atraso.
E a ría? E a quen lle está a importar a ría máis que como obxecto que se pode lanzar a quen se lle define como contrario e do que se pode facer un pandeiro?




















Unha iniciativa destinada "a expresar apoio, afecto e solidariedade con Ceuta". A concentración terá lugar diante da Casa do Concello.
O Concello destacou que esta primeira edición nace para impulsar a creación literaria e manter vivo o legado de Manuel García-Galano. A obra gañadora, definida pola autora como unha historia de suspense psicolóxico sobre amizade, lealdade e segredos, engádese á programación cultural da XXXIII Feira Campomar. Con este premio, o concello inicia unha traxectoria destinada a honrar a figura do escritor a través da literatura.
Villares felicitou á entidade lucense polos éxitos acadados na última tempada e puxo en valor “o traballo e dedicación dos nadadores e nadadoras e o esforzo do equipo técnico” do club. Recalcou en especial o impulso ao deporte base dende idades moi temperás, en liña coa aposta da Xunta por fomentar a actividade física entre os nenos e nenas con accións como o programa de deporte escolar Xogade, que no curso pasado chegou case ao 60% do alumnado galego.
A convocatoria enmárcase na iniciativa promovida pola FEMP para trasladar desde as entidades locais o seu apoio e solidariedade coa Cidade Autónoma de Ceuta. Deste xeito, Viveiro únese á convocatoria xunto con concellos de todo o territorio, amosando o seu respaldo institucional á Cidade Autónoma.
A obra premiada aborda a emigración galega desde unha voz feminina, e o pregón destacou o traballo colectivo e a transmisión entre xeracións dentro da Banda. Con este acto, o Concello dá inicio a unha programación festiva que nos próximos días combinará tradición, cultura, deporte e música para todos os públicos.
Durante esas xornadas realizaranse estudos xeotécnicos imprescindibles para planificar correctamente as actuacións previstas, o que require que a maquinaria e o persoal traballen directamente sobre a infraestrutura, impedindo o paso de vehículos. Recoméndase ás persoas usuarias empregar rutas alternativas durante o corte, que só permitirá o acceso ás dúas vivendas situadas na Barxa. O Concello pide desculpas polas molestias e agradece a colaboración da veciñanza.
Afirman que os accesos ao Campo da Festa resultan moi dificultosos, especialmente para persoas con carriños de nenos ou cadeiras de rodas. Critican que a obra se trasladase a esta zona xusto antes das festas, deixando outros tramos a medio facer e sen ter en conta as necesidades dun barrio que consideran “marxinado”. Sinalan tamén á alcaldesa como responsable de evitar esta situación. A veciñanza esixe un arranxo inmediato do acceso, aínda que sexa provisional, e a instalación dunha sinal luminosa na alambrada situada ao final da obra.



