A AFG explicará as súas propostas e someteraas a debate, co fin de enriquecelas e definir a súa postura oficial ante a Administración
O Valadouro, 14 de maio, 2022. No marco do proceso de revisión da Lei de Montes Veciñais en Mancomún, que está a acometer a Xunta, a Asociación Forestal de Galicia programou unha serie de reunións con comunidades de montes para trasladarlles as propostas da AFG. Estas propostas, que recollen as inquietudes dos montes veciñais socios da Asociación, someteranse a debate e enriqueceranse coas novas achegas que se formulen nestes encontros.
Un dos encontros desenvolverase este luns 16 de maio no Valadouro, a partir das 19.30 horas no local social da comunidade de montes da Laxe.
Desde xaneiro deste ano, a Consellería do Medio Rural iniciou o proceso para modificar a Lei de montes veciñais en man común. A tal efecto solicitou dos membros do Consello Forestal de Galicia (do que forma parte a Asociación Forestal de Galicia) que achegaran unha relación dos puntos que cada organización consideraba fundamental revisar, mellorar e/ou borrar ou ampliar na lei actual.
A AFG ten recompilado os problemas máis destacables que presenta a actual redacción da lei de montes veciñais en man común, a partir da súa experiencia de 36 anos traballando coas comunidades de montes. Estas ideas recóllense nun documento que xa se lle presentou á Consellería do Medio Rural. Nas reunións da próxima semana, este documento debaterase e enriquecerase coas novas achegas das comunidades de montes. Todo isto dará corpo á postura oficial que a Asociación Forestal de Galicia asumirá.
Polo de agora, non se dispón de ningún texto sobre a nova lei. De feito, non está aínda decidido se se fará unha revisión en profundidade da actual lei de montes veciñais, que data do 1989 (con sucesivas modificacións), ou se se elaborará unha nova lei para regular as propiedades comunais.
As reunións que se celebrarán a próxima semana serán as seguintes:
16 de maio, local social da CMVMC da Laxe, O Valadouro, ás 19.30 h
18 de maio, local da Asociación de Veciños de San Xoán de Laíño, Dodro, ás 19.30 h
20 de maio, Centro Cultural Xinzo, Ponteareas, ás 19.30 h
Paralelamente, a Asociación Forestal lembra que está aberto un proceso de participación pública no Portal de Transparencia da Xunta de Galicia, que permanecerá aberto ata o 24 de maio de 2022, e no que pode formular propostas calquera cidadán ou entidade.
Propostas
Entre as cuestións que cómpre precisar na revisión da lei de montes veciñais, a Asociación Forestal de Galicia destaca puntos como os seguintes:
Condición de veciño/a comuneiro/a: É preciso aclarar que persoas poden acadar a condición de comuneiro/a, xa que é un motivo habitual de disputa. Por outra parte, é necesaria unha certa flexibilidade para facilitar o funcionamento de comunidades do interior galego, en franco declive poboacional.
Orixe xermánico: Introducir na lei o concepto de colectividade de orixe xermánico das comunidades de montes veciñais.
Recoñecemento xurídico. Nos últimos anos ampliouse a capacidade xurídica de obrar das comunidades de montes veciñais e debe recoñecerse na lei. Quizás hoxe se poida formular o recoñecemento da personalidade xurídica plena das comunidades de montes veciñais, dada a práctica perdida dos aproveitamentos individuais dos comuneiros sobre o monte.
Clasificación do monte: debe actualizarse a composición do Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común (artigo 10), introducindo un maior compoñente técnico e unha nova forma de elixir, por municipio, ao vogal representante das comunidades veciñais, engadíndolle a función de arbitraxe. Cabería tamén debatir unha fórmula sinxela para posibilitar a “fusión” de comunidades, sobre todo de lugares dentro dunha parroquia, creando unha nova comunidade conxunta.
Organización das comunidades: En comunidades con número elevado de comuneiros, é difícil acadar o quórum mínimo requirido actualmente e isto pode prexudicar a toma de acordos necesarios para a xestión do monte, polo que se fai necesario habilitar fórmulas que poidan permitir unha xestión do listado do comuneiro ante reiteradas faltas de asistencia por un elevado número deles. Proponse que as maiorías cualificadas se tomen en relación ó número de persoas presentes en asemblea, non en relación ó censo de comuneiros/as.
Usos sociais do monte. É moi importante actualmente introducir un artigo 3 específico sobre titularidade dos camiños e pistas forestais existentes no monte veciñal, así como sobre a necesidade de formalizar contratos coas sociedades de caza que inclúan os montes veciñais nun TECOR.
O crecente uso social dos montes está causando conflitos cos propietarios dos montes veciñais, existindo numerosos casos de camiños e pistas forestais identificados no Catastro e inventarios municipais como de dominio público, cando sempre foron camiños comunais (privados) de servizo do monte.
Apoio á xestión e deslindes. Débense facilitar e financiar os deslindes de montes veciñais, así como desenvolver medidas de fomento para asesoramento e gobernanza dos montes veciñais, que se ven na obriga de incurrir en contiosos gastos administrativos e técnicos polas esixencias burocráticas.
Tamén é preciso modificar aspectos sobre a xestión cautelar de montes en estado de grave abandono (introducida na Lei de medidas fiscais e administrativas de decembro do 2021), cambiando cuestións sobre indicadores de abandono ou sobre a intervención dos Concellos.
Actos de disposición. Deben clasificarse e actualizarse os actos de disposición (artigos 5, 6, 7 e 8); particularmente revisar os prazos de duración e as obrigas dos contratantes. En xeral observamos que os prazos de duración dos contratos derivados de actos de disposición resultan curtos, o que conduce a solicitar prórrogas que moitas veces non se poden outorgar, podendo xerar discordias entre comunidade propietaria e entidade contratante.
Por outro lado existe a contradición de que se o monte veciñal se incorpora ó Banco de Terras, debe ceder o seu uso por periodos de 50 anos.






















A obra premiada aborda a emigración galega desde unha voz feminina, e o pregón destacou o traballo colectivo e a transmisión entre xeracións dentro da Banda. Con este acto, o Concello dá inicio a unha programación festiva que nos próximos días combinará tradición, cultura, deporte e música para todos os públicos.
Durante esas xornadas realizaranse estudos xeotécnicos imprescindibles para planificar correctamente as actuacións previstas, o que require que a maquinaria e o persoal traballen directamente sobre a infraestrutura, impedindo o paso de vehículos. Recoméndase ás persoas usuarias empregar rutas alternativas durante o corte, que só permitirá o acceso ás dúas vivendas situadas na Barxa. O Concello pide desculpas polas molestias e agradece a colaboración da veciñanza.
Afirman que os accesos ao Campo da Festa resultan moi dificultosos, especialmente para persoas con carriños de nenos ou cadeiras de rodas. Critican que a obra se trasladase a esta zona xusto antes das festas, deixando outros tramos a medio facer e sen ter en conta as necesidades dun barrio que consideran “marxinado”. Sinalan tamén á alcaldesa como responsable de evitar esta situación. A veciñanza esixe un arranxo inmediato do acceso, aínda que sexa provisional, e a instalación dunha sinal luminosa na alambrada situada ao final da obra.
A actividade, dirixida pola especialista Nuria Torrado, ofreceu ás crianzas un espazo para desfrutar, moverse, xogar e aprender a conectar co seu corpo e coa respiración mediante exercicios e dinámicas adaptadas ás súas idades. No último día, a rexedora Dolores García Caramés achegouse para compartir un anaco cos participantes, escoitar as súas impresións e agradecer o traballo da monitora, incluso sumándose a algunhas das actividades. A proposta pecha cun moi bo sabor de boca, como unha experiencia para aprender, divertirse e medrar en movemento.
Ao longo destas semanas, arredor de 20 nenos e nenas iniciáronse e melloraron as súas habilidades neste deporte, desfrutando do exercicio, aprendendo e pasándoo en grande. O Concello agradece a participación da rapazada e o apoio das familias, e reafirma a súa aposta polo deporte e por ofrecer alternativas de ocio activo para os máis pequenos. A actividade estivo organizada polas Concellerías de Xuventude e Deporte e pola Oficina de Información Xuvenil.
A actuación estará a cargo da Coral Polifónica de Ribadeo coa colaboración do Coro Sagrado Corazón. A entrada solidaria ten un prezo de 6 euros e poderá adquirirse na billeteira do teatro o mesmo día, en horario de 12:00 a 13:30 e desde as 19:00 horas. O evento conta coa colaboración da AECC Lugo, o Concello de Ribadeo e o espazo cultural Castillo San Damian.
Unha xornada de convivencia que comezará ás 11:30 h na Alameda, con misa de campaña, sesión vermú, comida, sorteo e festa ata as 19:00 h. A principal novidade é o menú con paella, sobremesa, bebida e café. Para participar é preciso vale: 7 € para persoas empadroadas e 10 € para non empadroadas e acompañantes, dispoñible nas oficinas municipais, onde tamén se pode solicitar transporte. Senllos concellos animan á veciñanza maior a sumarse a esta cita de encontro e recoñecemento.



