A conselleira do Mar tamén participou no XXIII Encontro Empresarial de Organizacións Pesqueiras enmarcado en Expomar 2022, ao cal se referiu como o escenario axeitado para intercambiar ideas sobre o futuro do sector pesqueiro
Burela, 19 de maio de 2022. A conselleira do Mar, Rosa Quintana, puxo de manifesto hoxe a necesidade de aplicar unha redución do IVE aos produtos pesqueiros do 10 ao 4% para equiparalos a outros produtos de primeira necesidade como o pan, a leite ou a froita e axudar así ao fomento de consumo de peixes e mariscos, especialmente entre os sectores máis novos da poboación. Así o expuxo durante a inauguración das XXIX Xornadas técnicas de Expomar onde defendeu este tipo de medidas económicas para minorar o gasto das familias e reverter a pirámide de consumo de maneira que sexa a xuventude quen asuma a cúspide.
A responsable autonómica fixo referencia ao traballo da Xunta de Galicia para facilitar o coñecemento necesario e fomentar os beneficios de consumir produtos do mar a través de programas educativos, divulgativos e promocionais dirixidos tanto aos máis novos como aos adultos.
Ademais, Rosa Quintana asegurou que comer produtos procedentes do mar é un dos mellores investimentos na saúde e contribúe ao aforro do gasto sanitario, polo que reivindicou a importancia da dieta atlántica para apoiar tamén ao sector marítimo-pesqueiro, declarado esencial desde o inicio da pandemia a pesar dos riscos e as perdas.
As xornadas técnicas celebrábanse tradicionalmente de xeito paralelo á Feira Expomar, pero co tempo adquiriron personalidade propia e diferenciada, polo que pasaron de celebrarse cada dous anos, canda a feira, a facerse anualmente. Este encontro aborda todas as edicións os temas de maior actualidade e controversia do sector co obxectivo de atopar solucións e afrontar os retos de futuro.
Na edición deste ano os diferentes participantes analizaron, desde diversos puntos de vista das administracións central, europea e empresarial, a situación pesqueira actual nun escenario marcado polas dificultades e desafíos aos que ten que facer fronte o sector nunha época de diferentes crises que lle afectan directamente.
XXIII Encontro Empresarial
A conselleira do Mar tamén participou no XXIII Encontro Empresarial de Organizacións Pesqueiras que abriu este xoves o programa de actividades de Expomar 2022, unha xornada na que se deron cita 18 organizacións pesqueiras de ámbito galego, nacional e europeo para debater sobre os principais desafíos que afronta o sector.
Así, tal e como apuntou Rosa Quintana, este foro constitúe un escenario axeitado para intercambiar ideas sobre como aproveitar mellor os fondos para o sector, como desenvolver infraestruturas e servizos máis eficientes ou como conseguir mellores prezos de primeira venda.




















O Concello de Navia presenta este sábado 28 de febreiro, ás 12:00 h no Casino, o libro Tras las huellas de Campoamor en Alicante, de Luján Martínez Suárez. Ademais, adquiriu un valioso volume da RAE de 1865, que inclúe un discurso seu orixinal. O exemplar incorporarase á Biblioteca Municipal, ampliando o fondo dedicado ao poeta.
O Dúo Eclipse será o encargado de poñer a música nunha nova tarde-noite chea de ritmo, baile e bo ambiente no Guateque de Arruguiñas. A cita é este sábado, 28 de febreiro na Casa do Mar de San Cibrao ás 19:30 h. Ademais, o alumnado de 2º de Bacharelato, en colaboración coa Oficina de Voluntariado Xuvenil, ofrecerá bingo e chocolate para completar a festa. O evento conta tamén coa colaboración da Asociación de Xubilados Terramar.
O Restaurante Oviedo-2 será o encargado de elaborar o caldo, o compango e as filloas de sobremesa. O acto incluirá tamén lectura de poemas e música, coa participación de Eli García-Bouso, que interpretará algunhas pezas inspiradas en Rosalía de Castro. O prezo do xantar será de 15 euros para socios/as e 20 euros para non socios/as. As persoas interesadas poden inscribirse enviando un correo a agrupacionfranciscolanza@gmail.com ou mediante unha mensaxe de WhatsApp ao 699 809 606.
Neste espazo radiofónico, de 12 a 14 horas, Félix Jorquera falará coa directora do IES de Foz, Leticia Maseda, co coordinador do evento, José Ríos, así como con alumnado e profesorado participante e moi implicado nos Campionatos Internacionais de Baristas e Catas de Café, que estes días enchen Foz de xente e de aroma cafeteiro.
Os propietarios, Javier Montero e Tita Iglesias, recolleron o recoñecemento na Coruña, agradecendo o apoio da clientela, do seu equipo —formado integramente por mulleres— e da propia guía. O establecemento mantén esta recomendación desde 2021 e suma tamén un Sol Repsol, obtido en 2024 e renovado para 2026. O hotel restaurante Javier Montero abriu as súas portas en novembro de 2018.
Unha comedia orientada para público adulto dirixida por Cándido Pazó. Hora: 20.30. Sipnose: 1880, Curros Enríquez é denunciado polo bispo de Ourense por uns poemas do seu libro Aires da miña terra, un dos piares do Rexurdimento Galego. A pesar da opinión contraria do fiscal, un xuíz dá curso á denuncia e o célebre escritor é procesado e condenado.
A xornada comezou cun aperitivo no bar O Colorado, onde os socios se reuniron para o tradicional brinde previo ao xantar. O encontro continuou no Restaurante Asturias nun ambiente de fraternidade, gozando dun cocido digno de exaltación e dunha longa sobremesa. Durante a velada, os asistentes compartiron lembranzas e falaron das actividades que a asociación prepara para o futuro, nun ano no que Os Cacholeiros se achegan ao seu 35º aniversario. A entidade aproveita esta celebración para reivindicar unha vez máis os pratos tradicionais, elaborados con produtos locais e de tempada, e o labor dos establecementos hostaleiros do concello e da comarca.



