Entre as accións previstas tamén está a creación dunha nova rede de captación de augas residuais do aparcadoiro e outra de bombeo ata a EDAR da instalación
Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2022. A Xunta de Galicia, por medio da empresa pública Sogama, realizará distintas melloras na planta de transferencia localizada no concello de Barreiros, ás que destinará un orzamento de 116.519,02 euros.
O contrato para a execución destas obras acaba de ser adxudicado por este importe e terá como fin optimizar a operativa e as prestacións desta instalación. Para iso, levarase a cabo a construción dun novo aparcadoiro de contedores dotado con cinco prazas —o actual, que será demolido, conta con dúas—, das cales catro estarán cubertas, destinándose a albergar contedores cheos, mentres que a praza restante se reservará para os baleiros.
A obra contempla tamén a execución dunha nova rede de captación de augas residuais do aparcadoiro e outra de bombeo ata a EDAR da propia planta de transferencia, a drenaxe de augas pluviais, a chaira de manobras de contedores —cada un conta con capacidade para 43 m3—, xunto coa instalación dunha barreira de seguridade no perímetro exterior da mesma, e a propia para o depósito do efluente depurado.
Inclúese, do mesmo xeito, a execución dun novo punto de vertedura de augas pluviais mediante gabia drenante e a construción dunha nova escaleira metálica con varanda que comunique a plataforma de descarga dos residuos coa zona de oficinas, optimizando desta forma a accesibilidade aos diferentes puntos da infraestrutura.
O contrato, que foi adxudicado á empresa Gestal y López, S.L, estipula un prazo de execución de 7 semanas e abarca o desenvolvemento da obra a todos os niveis, a realización dos pertinentes estudos, controis de calidade e servizos, así como a subministración de todos os equipos, elementos e materiais necesarios para a correcta realización do traballo encomendado.
Aposta pola Mariña lucense
Cómpre lembrar que na Mariña lucense, a Xunta, a través de Sogama, está a construír unha nova planta de biorresiduos no polígono industrial de Cuíña, en Cervo, que se prevé que entre en funcionamento a finais deste mesmo ano para dar servizo a 15 concellos.
A instalación conta cun investimento de preto de 6,4 millóns de euros e acollerá todo o proceso de compostaxe —pretratamento, fermentación, maduración e almacenamento—, disporá de capacidade para tratar 3.000 toneladas de materia orgánica anuais, ás que habería que sumar 1.600 toneladas de material estruturante —é dicir, podas e restos de madeira—, e producirá ao redor de 1.500 toneladas de compost que se destinarán ao sector da agricultura e da gandería como fertilizante natural.
Esta planta forma parte da rede de infraestruturas de valoración da materia orgánica deseñada pola Xunta a fin de que a meirande parte dos concellos adheridos a Sogama dispoñan dunha planta de biorresiduos ou de transferencia a menos de 50 km de distancia.




















O Concello de Navia presenta este sábado 28 de febreiro, ás 12:00 h no Casino, o libro Tras las huellas de Campoamor en Alicante, de Luján Martínez Suárez. Ademais, adquiriu un valioso volume da RAE de 1865, que inclúe un discurso seu orixinal. O exemplar incorporarase á Biblioteca Municipal, ampliando o fondo dedicado ao poeta.
O Dúo Eclipse será o encargado de poñer a música nunha nova tarde-noite chea de ritmo, baile e bo ambiente no Guateque de Arruguiñas. A cita é este sábado, 28 de febreiro na Casa do Mar de San Cibrao ás 19:30 h. Ademais, o alumnado de 2º de Bacharelato, en colaboración coa Oficina de Voluntariado Xuvenil, ofrecerá bingo e chocolate para completar a festa. O evento conta tamén coa colaboración da Asociación de Xubilados Terramar.
O Restaurante Oviedo-2 será o encargado de elaborar o caldo, o compango e as filloas de sobremesa. O acto incluirá tamén lectura de poemas e música, coa participación de Eli García-Bouso, que interpretará algunhas pezas inspiradas en Rosalía de Castro. O prezo do xantar será de 15 euros para socios/as e 20 euros para non socios/as. As persoas interesadas poden inscribirse enviando un correo a agrupacionfranciscolanza@gmail.com ou mediante unha mensaxe de WhatsApp ao 699 809 606.
Neste espazo radiofónico, de 12 a 14 horas, Félix Jorquera falará coa directora do IES de Foz, Leticia Maseda, co coordinador do evento, José Ríos, así como con alumnado e profesorado participante e moi implicado nos Campionatos Internacionais de Baristas e Catas de Café, que estes días enchen Foz de xente e de aroma cafeteiro.
Os propietarios, Javier Montero e Tita Iglesias, recolleron o recoñecemento na Coruña, agradecendo o apoio da clientela, do seu equipo —formado integramente por mulleres— e da propia guía. O establecemento mantén esta recomendación desde 2021 e suma tamén un Sol Repsol, obtido en 2024 e renovado para 2026. O hotel restaurante Javier Montero abriu as súas portas en novembro de 2018.
Unha comedia orientada para público adulto dirixida por Cándido Pazó. Hora: 20.30. Sipnose: 1880, Curros Enríquez é denunciado polo bispo de Ourense por uns poemas do seu libro Aires da miña terra, un dos piares do Rexurdimento Galego. A pesar da opinión contraria do fiscal, un xuíz dá curso á denuncia e o célebre escritor é procesado e condenado.
A xornada comezou cun aperitivo no bar O Colorado, onde os socios se reuniron para o tradicional brinde previo ao xantar. O encontro continuou no Restaurante Asturias nun ambiente de fraternidade, gozando dun cocido digno de exaltación e dunha longa sobremesa. Durante a velada, os asistentes compartiron lembranzas e falaron das actividades que a asociación prepara para o futuro, nun ano no que Os Cacholeiros se achegan ao seu 35º aniversario. A entidade aproveita esta celebración para reivindicar unha vez máis os pratos tradicionais, elaborados con produtos locais e de tempada, e o labor dos establecementos hostaleiros do concello e da comarca.



