A Coruña, sábado 9 de xullo de 2022. A Real Academia Galega dedicaralle o Día das Letras Galegas 2023 a Francisco Fernández del Riego (Vilanova de Lourenzá, 1913 – Vigo, 2010). O pleno da institución, reunido hoxe en sesión ordinaria, acordou homenaxealo o vindeiro 17 de maio, cadrando coa celebración do sesenta aniversario do primeiro Día das Letras Galegas, do que foi inspirador, e os cento dez anos do seu nacemento.
Membro da nova xeración de intelectuais que lle deron continuidade ao ideario do Grupo Nós, Francisco Fernández del Riego foi un loitador cultural incansable que chegou a se converter nunha auténtica institución do país, respectado por todos e aberto ás diversas manifestacións do galeguismo. Foi unha das figuras centrais do galeguismo progresista e clave da resistencia no exilio interior durante o franquismo, cunha traxectoria polifacética e prolífica que abrangueu dende a política, a creación e crítica literaria á edición. A comezos dos anos 50 foi un dos fundadores da Editorial Galaxia, empresa que desempeñou un papel central na resistencia cultural de Galicia durante o franquismo, e na última etapa da vida presidiu a Real Academia Galega (1997-2001).
Francisco Fernández del Riego ingresou como membro de número da RAG no ano 1960. Tres anos despois, a institución dedicáballe a Rosalía de Castro, no centenario de Cantares Gallegos, o primeiro Día das Letras Galegas, unha proposta que, co apoio das sinaturas dos académicos Ferro Couselo e Gómez Román, presentara ao pleno aquel novo académico cheo de arelas renovadoras, que contaba xa cunha sólida historia de compromiso coa lingua e a cultura galegas e a modernidade. Demostrárao con claridade dende os seus anos de estudante en Santiago de Compostela durante a II República. Con só 20 anos, os seus compañeiros elixírano para pronunciar o discurso de representación do alumnado na inauguración oficial do curso 1933-1934, no que demandaba unha universidade foco de modernización e galeguización da sociedade.
Fóra das aulas, fora membro do Partido Galeguista, secretario xeral da Federación de Mocidades Galeguista e, posteriormente, parte do Seminario de Estudos Galegos. Na etapa compostelá comezou tamén a escribir nos xornais como articulista, redactou manifestos, pronunciou discursos e conferencias, participou na constitución de Galeuzca e integrouse dende o primeiro momento na comisión encargada de redactar o proxecto do Estatuto de Galicia. A súa actividade foi tal que Ramón Piñeiro chegou a cualificar a súa voz como “unha das manifestacións máis vibrantes do pensamento galeguista daqueles anos” .
Ponte entre a Galicia interior e a do alén mar
Coma moitos outros compañeiros, Francisco Fernández del Riego sería pouco despois represaliado polos golpistas. Foi destituído como profesor de Dereito Civil da USC e tivo que abandonar Santiago de Compostela e instalarse en Vigo, onde era menos coñecido, e sobrevivir dando clases particulares. Despois dos anos máis escuros da posguerra, nos que mesmo tivo que ocultar o seu verdadeiro nome para gañar a vida, comezou de novo a escribir co pseudónimo de Salvador Lorenzana no xornal compostelán La Noche. Dende esta cabeceira, xunto a Ramón Otero Pedrayo, conseguiu que os temas sobre Galicia e a súa cultura acadasen cada vez unha maior presenza e proxección, atraendo canda eles plumas ata daquela caladas coma as de Florentino López Cuevillas, Valentín Paz Andrade, Vicente Risco, Ricardo Carballo Calero, Álvaro Cunqueiro e os irmáns Álvarez Blázquez.
Pero tan salientable ou máis foi o seu labor de ponte entre a Galicia do interior e a do alén mar. A súa correspondencia con Luís Seoane mostra como o seu talante aberto e dialogante, xunto coa súa autoridade intelectual e inquebrantable entusiasmo, conseguiron manter vivo un fío de entendemento entre eses dous xeitos de vivir a galeguidade. En América foi onde publicou tamén o seu primeiro libro, Cos ollos do noso esprito (Buenos Aires, 1949).
Na década dos 50 do século pasado participou moi activamente nos diferentes proxectos que procuraban a recuperación do proceso cultural de Galicia, nomeadamente na creación da Editorial Galaxia, da que foi secretario do consello de administración e máis tarde director xerente, e dende a que animou a novos escritores a crearen en galego. Foi tamén cofundador da revista Grial (1951) e da Fundación Penzol (1964), da que acabou sendo director ata o seu pasamento.
Cando os grupos nacionalistas e resistentes antifranquistas máis novos comezaron a manifestar o seu rexeitamento ás posicións do galeguismo histórico, Fernández del Riego foi, unha vez máis, o elo que tentou manter canles de diálogo e achegamento.
O seu nomeamento en 1997 como presidente da Real Academia Galega significou un cambio radical nas actividades desta institución, que se reactivaron significativamente e, sobre todo, se axeitaron aos novos tempos que estaban a vivir Galicia e o mundo.
Unha obra inmensa e que tocou case todos os xéneros
A súa obra escrita, que tocou case todos os xéneros, foi inmensa, comezando polas súas colaboracións en practicamente todos os xornais de Galicia e nas revistas máis representativas do interior e da diáspora. Posiblemente o seu número, aínda sen catalogar, supere o milleiro de artigos.
Participou en numerosos libros, propios ou colectivos, nos que acotío asinaba cos pseudónimos Salvador Lorenzana, Cosme Barreiros, Adrián Solovio ou Adrián Soutelo. No eido do ensaio, case sempre sobre a produción literaria galega, asinou, entre outros títulos, Galicia no espello (Buenos Aires, 1954), Historia de la literatura gallega (Vigo, 1951), Escolma de poesía galega. Os contemporáneos (Vigo, 1955), Escolma de poesía galega. O século XIX (Vigo, 1957), Letras do noso tempo (Vigo, 1974), Diccionario de escritores galegos (Sada, 1990) ou Sinais dunha cultura (Pontevedra, 2003).
A literatura de viaxes é outro xénero que cultivou en volumes como As peregrinacións xacobeas (A Coruña, 1983), A pegada das viaxes (Vigo, 2000), Portugal norteño (Vigo, 2000), a serie Vigo, Pontevedra, Ourense e A Coruña, sentimental (Vigo, 2001-2003) e Lourenzá (2004). Escribiu, así mesmo, monografías sobre diversos autores da cultura galega, como A xeración Galaxia (Vigo, 1996), O señor da Casa Grande de Cima de Vila (Ourense, 1988), Antolín Faraldo, o gran soñador (Vigo, 1998), Con Pondal en Bergantiños (Sada, 2001) ou O Padre Sarmiento e Galicia (Vigo, 2002), e a novela O cego de Pumardedón (Vigo, 1992). Cun carácter autobiográfico, cómpre nomear O río do tempo. Unha historia vivida (Sada, 1990) e Camiño andado: memorias (Vigo, 2003).
A súa traxectoria foi recoñecida en vida con numerosas distincións, entre elas o nomeamento de doutor honoris causa da Universidade de Vigo, o Premio Trasalba, ou a Medalla Castelao.
María López Sández, académica de número electa
Na sesión plenaria de hoxe tamén se votou a favor de que a filóloga e escritora María López Sández (Lugo, 1973) ocupe a vacante producida polo pasamento do académico Darío Xohán Cabana o pasado mes de novembro. Profesora de Didáctica da Lingua e da Literatura da Universidade de Santiago de Compostela e catedrática en excedencia do ensino secundario, a académica de número electa é investigadora da literatura galega e da sociolingüística, e tamén creadora literaria. Entre outros galardóns, mereceu o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2007 por Paisaxe e nación. A creación discursiva do territorio (Galaxia, 2008) e o Premio Repsol de Narrativa Breve (2012) por A forma das nubes.
A traxectoria de María López Sández demostra un firme compromiso coa lingua e a cultura galegas dende unha perspectiva rigorosa e multidisciplinaria. Licenciada en Filoloxía Galega, Hispánica e Inglesa, foi premio fin de carreira da Comunidade Autónoma de Galicia e segundo premio nacional de Terminación de Estudos Universitarios de Filoloxía. Doutorouse en teoría da literatura e literatura comparada cunha tese na que analizou a descrición da paisaxe como unha das condicións simbólicas da nación a través de Rosalía de Castro, Ramón Otero Pedrayo e Xosé Luís Méndez Ferrín. Neste mesmo tema centrouse o ensaio que lle valeu o Premio Ramón Piñeiro, unha obra de referencia na relación da literatura galega co territorio; e nel seguiría a afondar atendendo os imaxinarios rurais e urbanos no campo das letras galegas en autores como Eduardo Blanco Amor e Carlos Casares e mais a análise semiótica da cartografía, subliñando a centralidade cultural do mapa de Domingo Fontán.
A filóloga participou en proxectos que indagaron na relación entre lugares da xeografía galega e a literatura a través das humanidades dixitais (compostelaxeoliteraria.org) e sobre Rosalía de Castro. O último deles dedicado á autora fundacional das letras galegas contemporáneas é o herbario literario Nasín cando as prantas nasen (2022), un achegamento botánico á obra rosaliana asinado xunto a María Isabel Fraga Vila e Miguel Fraga Vila. A contribución completouse cun herbario físico que, tras dar lugar a unha exposición no Real Xardín Botánico de Madrid, foi cedido á Casa Museo Rosalía de Castro, de cuxo padroado é membro. É ademais coautora d’O pensamento feminista de Emilia Pardo Bazán (2021) xunto a Marilar Aleixandre, e coordinadora da sección “O espello das letras” da revista Grial.
No campo da sociolingüística, ten realizado diversas contribucións dende o eido da educación. Coordinou o equipo de traballo da Avaliación da competencia bilingüe nos idiomas galego e castelán do alumnado de 4º da ESO (2020) e é coautora de Ideas para un plurilingüismo dende o galego no concello de Ames, ambas publicacións do Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega, do que é colaboradora.
Como docente e experta en didáctica da lingua e da literatura publicou libros e outros materiais didácticos e imparte ás futuras e aos futuros mestres materias de perfil sociolingüístico dende unha ollada cara á promoción do galego no ensino ao longo de todas as etapas.
Como creadora literaria, tras A forma das nubes (2012), gañadora do Premio Repsol de Narrativa Breve, publicou O faro escuro (2015), finalista do Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia; A noite Deusa (2020), finalista do Premio Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil da Deputación da Coruña; e Illados. Diario da pandemia (2020). Conta ademais cunha columna semanal en La Voz de Galicia.
Reaccións ao nomeamento de Fernández del Riego
Dende o seu concello natal, a alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, manifestou que “hoxe é un día de felicidade e de orgullo para todos os laurentinos e laurentinas porque vimos de recibir a marabillosa noticia de que se lle vai dedicar o Día das Letras Galegas do próximo ano 2023 a Francisco Fernández del Riego. Levamos loitando por isto moito anos”.
“En primeiro lugar quero agradecer ás corporacións municipais anteriores que iniciaran este camiño que agora me tocou a min continuar. Agradecer tamén a todos os grupos políticos que forman a actual corporación porque apoiaron sen fisuras esta candidatura. Tamén quero ter unhas palabras de agradecemento para aos concellos veciños que nos apoiaron, á Deputación Provincial, ao Concello de Vigo, á Fundación Penzol e a todas as institucións ás que nos diriximos para que apoiasen esta iniciativa e que o fixeron firmemente”, engadiu a rexedora municipal, quen tamén lembrou “a colaboración de dous veciños de Lourenzá, Manuel Román e José López, pola súa labor a prol de dar a coñecer a figura do noso escritor e estar sempre dispostos a colaborar co Concello en todas cantas actividades culturais se organizaron. E sobre todo quero ter unhas palabras de agradecemento para a asociación Patrimonio Laurentino porque a pesar de ser de recente creación tamén impulsou coas súas actividades esta candidatura de Francisco Fernández del Riego”.
Rocío López indicou tamén: “creo que podo falar en nome de todo o concello de Lourenzá e dar as grazas moi especialmente á Real Academia Galega por apoiar esta candidatura. E poñémonos á súa total disposición para que os actos que se celebren en Lourenzá estean a altura do que representou para a lingua e a cultura galega a figura do noso veciño máis ilustre, don Francisco Fernández del Riego. Quero facer extensible esta ledicia e felicidade que sinto neste momento, que estou segura que a senten todos os laurentinos, e anuncio que desde xa continuaremos traballando para celebrar por todo o alto eses actos o vindeiro 17 de maio de 2023”.
Dende a Deputación de Lugo, a Vicepresidenta, Maite Ferreiro, valorou o nomeamento de Francisco Fernández del Riego para as Letras Galegas de 2023 como “unha gran nova para Lourenzá e para a veciñanza e o tecido cultural e asociativo do concello e da comarca, que viña reclamando esta homenaxe para o autor, especialmente desde o 2020, cando se cumpriron 10 anos do seu pasamento”
Así mesmo, manifestou a disposición da “Vicepresidencia da Deputación a contribuír á difusión da súa obra ensaísta, literaria e xornalística e da súa traxectoria pública a prol do idioma e da cultura, como vimos facendo coas autoras e autores homenaxeados nestes tres últimos anos”
A Real Academia Galega acordou o nomeamento de Fernández del Riego este sábado, destacando que a homenaxe cadra “coa celebración do sesenta aniversario do primeiro Día das Letras Galegas, do que foi inspirador, e os cento dez anos do seu nacemento” e definindo ao autor laurentino “como un loitador cultural incansable que chegou a se converter nunha auténtica institución do país, respectado por todos e aberto ás diversas manifestacións do galeguismo” e figura “clave da resistencia no exilio interior durante o franquismo”.
























A representación terá lugar este sábado día 18, ás 19:30 horas, no local social da Asociación de Veciños de Marzán, un dos destinos habituais nas xiras anuais da compañía. O Centiño mantén así a tradición de visitar este espazo, onde agarda compartir co público unha tarde divertida e chea de humor. A agrupación teatral continúa así coa difusión da súa nova obra, que segue a percorrer diferentes escenarios da comarca.
Dezaoito locais hostaleiros de Ribadeo, Rinlo e Vilaframil ofrecerán diversas preparacións ata o vindeiro domingo: en escabeche, en salpicón, en empanada, ao allo, á prancha, en albóndega, etc… Todas as propostas poden consultarse nas redes sociais de Acisa Ribadeo, que agradece “unha vez máis o apoio da OPP do Porto de Burela, que nos doou 90 quilos de cabala para estas xornadas, produto que entregamos de xeito gratuíto aos locais participantes. Achegámoslles así unha parte do peixe que empregarán nesta nova cita gastronómica na que tamén colabora o Concello de Ribadeo”. Ata o porto, ao restaurante Marinero, se achegaron este mediodía o director territorial da Consellería de Mar, Alexandre Piñeiro, as concelleiras ribadenses Montse Seijo, Elena Sierra e Begoña Sanjurjo, a presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, o xerente do colectivo empresarial, Jesús Pérez, e o técnico de Acisa, Jorge Fernández, que puideron degustar as elaboracións realizadas por este establecemento hostaleiro.
Durante a xornada Lionel compartirá a súa experiencia no mundo da escrita, dando a coñecer os seus procesos creativos e as temáticas que caracterizan os seus libros. O acto incluirá un coloquio participativo cos asistentes do club onde poderán preguntar e intercambiar opinións co autor sobre o libro lido “A raíña das velutinas”.
O sábado terá lugar no Casino o III Showcooking, con cociña en directo e maridaxe de viños. O público poderá votar os seus pinchos favoritos e participar no sorteo dunha noite no hotel Marqués de Riscal. A entrega de premios será o luns 20 ás 19:00 h. O Concello e Destino Navia animan a veciños e visitantes a gozar desta cita gastronómica.
Haberá degustación diaria de ostras na carpa do porto. Concertos, showcookings, visitas guiadas e actividades mariñeiras. Lancha pola ría, exposición de maquetas e concurso fotográfico #somoslasostra2026, ademais propostas especiais en Acueo, La Casilla e Restaurante Peñalba.
A etapa, cun percorrido duns 150 quilómetros, partiu arredor das 11:30 horas e rematou en Barreiros, atravesando concellos como Xermade, Muras, Viveiro ou Foz. A proba reúne a equipos do ciclismo profesional internacional e sitúa a provincia de Lugo como escenario dunha das citas deportivas máis destacadas do calendario. O Goberno colabora no desenvolvemento da carreira a través das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, que velan polo correcto desenvolvemento da proba e pola seguridade de participantes e afeccionados.
As persoas interesadas poden anotarse ata o 24 de abril na Casa do Concello (Cervo) ou na Casa da Cultura (San Cibrao). A actividade está dirixida a persoas pensionistas empadroadas no municipio. Trátase dunha xornada pensada para compartir, celebrar e desfrutar en comunidade.



