A frente nacionalista reclama “atopar a posibilidade de achegar esa axuda económica por outra vía” ante a negativa do Ministerio de Turismo de empregar os fondos do Plan Turístico Xacobeo
Madrid, 1 de setembro de 2022. O Bloque Nacionalista Galego vén de coñecer, en resposta a pregunta rexistrada o pasado mes de xuño polo deputado no Congreso Néstor Rego, a negativa do Goberno do Estado de investir os fondos comprometidos dentro do Plan Turístico Xacobeo de 2 millóns de euros no mosteiro de San Salvador de Lourenzá na comarca da Mariña. A organización nacionalista entende que se deben realizar todas as actuacións posíbeis para evitar o deterioro deste inmóbel, máis aínda cando a Xunta de Galiza está a rehabilitar a parte sur, e reclama ao Ministerio de Turismo que achegue a inversión económica por outra vía que faga posíbel a intervención e reparación do inmóbel declarado Ben de Interese Cultural.
“É necesaria unha intervención e unha reparación urxente nesta zona do mosteiro e o Goberno do Estado debe facelo de maneira inmediata” explica o deputado do BNG no Congreso após recibir a resposta do Ministerio de Turismo. Nesta, o executivo estatal comunica que o mosteiro de San Salvador de Lourenzá non entrará dentro do Plan Xacobeo 2021-2020 alegando que unha parte do mosteiro non é de titularidade pública.
Mais a frente nacionalista sinala que este inmóbel reúne o resto de condicións materiais para que se rehabilite máis, se cabe, cando se conta cunha cesión da titularidade en favor dunha Administración Pública. O feito é que se iniciaron os trámites para a sinatura dun convenio de cesión demanial da zona a rehabilitar ao Concello de Lourenzá por parte da Igrexa porque dentro do programa do Ministerio, recollíase o compromiso de, a través dos fondos Next Generation EU, investir un total de 2 millóns de euros no mosteiro de San Salvador de Lourenzá.
Dita cesión non chegou a efectivizarse despois de que o Ministerio negase a posibilidade de realizar o investimento anunciado pola titularidade do ben. “Non se entende que o Ministerio deixe de lado a negociación do convenio de cesión” subliña Rego.
Por iso, o deputado nacionalista apunta que, se o Ministerio descarta as actuacións de rehabilitación a través do Plan Turístico Xacobeo, a Administración estatal “debe atopar a posibilidade de achegar esa axuda económica por outra vía” e atopar a mellor fórmula coa que desenvolver esa intervención. Unha das posibilidades atópase no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia que, no seu compoñente 14, prevé instrumentos para a rehabilitación do patrimonio histórico de uso turístico por valor de até 500 millóns para o trienio 2021-2023.
Cabe lembrar que a Xunta de Galiza, após varias iniciativas do BNG rexistradas no Parlamento galego, está a realizar actuacións de rehabilitación na parte sur do mosteiro. Neste sentido, o deputado do BNG sinala que sería o momento preciso para comezar as obras de restauración e rehabilitación na parte norte do inmóbel. “É notábel o deplorábel estado de conservación que presentan os claustros e as transversais do propio edificio que impiden que poidan ser utilizadas pola pouca seguranza que presentan se non existe unha intervención” conclúe Rego





















Ao remate creouse un pequeno xardín de plantas de tempada de cor rosa na contorna do parque Reina Sofía, como símbolo da loita e da visibilidade desta causa. O Concello agradeceu a participación de todas as persoas asistentes e destacou especialmente o labor da Asociación de Mulleres de San Ciprián, que decorou a cafetaría da Casa do Mar en tons rosas para acoller a merenda final, contribuíndo a crear un espazo cálido e significativo para pechar a xornada.
Solicítase á veciñanza que retire os vehículos estacionados nesta zona durante a mañá do martes, co fin de facilitar o desenvolvemento dos traballos. A Policía Local colocará esta tarde a sinalización informativa correspondente. Durante as actuacións poderán producirse cortes puntuais de circulación, procurando facilitar o acceso aos garaxes da zona. A duración dos traballos dependerá das condicións meteorolóxicas e da súa evolución. O Concello de Viveiro agradece a colaboración da veciñanza e desculpa as molestias que se poidan ocasionar.
A alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, explica que foi “un encontro para compartir, aprender e lembrar a importancia da prevención, a detección precoz e a investigación. E, como símbolo de apoio, un lazo rosa ilumina a fachada da Casa do Concello e os donativos recollidos destinaranse integramente á AECC”.
Ribagorda visitou Ribadeo acompañado polo director xeral de Comercio, Gabriel Alén, nun percorrido polas principais rúas comerciais da vila, xunto ao xerente de ACISA, Jesús Pérez, e a concelleira de Comercio, Marta Saiz. Na Pontenova, o presidente da Asociación de Comerciantes, José Luis Balseiro, reuniuse tamén con Alén e Ribagorda. A campaña “De compras pola Mariña”, promovida pola FCAM e financiada por Comercio Galego e a Xunta de Galicia, difundirá varios vídeos nas redes sociais e na plataforma De las cosas del comer. Ribagorda percorreu estes días Foz, Lourenzá, Viveiro, Burela, Ribadeo e A Pontenova, achegándose ao comercio local e ao patrimonio natural e cultural da comarca.
O encontro principal terá lugar no comedor da carta o mércores 28 de outubro, ás 14:30 h. Ese mesmo día, ás 09:00 h, Jesús Manuel Blanco García, presidente da asociación micolóxica Os Bolouros, ofrecerá unha charla introdutoria para abrir a xornada.
Recoñecéronse as ganderías con máis participación na baixada tradicional e na feira, así como os mellores exemplares das distintas razas e categorías equinas. García destacou o valor das San Lucas como espazo de recoñecemento ao gando cabalar e ao labor dos gandeiros, fundamental para o coidado dos montes e a preservación das paisaxes tradicionais. A xornada incluíu unha homenaxe a Luciano García, falecido en xullo, impulsor da baixada dos cabalos e fundador de Puraga.
Tras unha parada nas Pontes para contemplar o lago e lembrar o pasado industrial da zona, o grupo visitou Pontedeume, onde repasou a historia da liñaxe dos Andrade e percorreu unha vila chea de patrimonio e vitalidade. Pola tarde, no mosteiro de Sobrado dos Monxes, os participantes apreciaron o legado da orde do Císter e do barroco galego, e escoitaron parte dunha mostra de música coral. A entidade agradeceu as explicacións de Enrique Campos, secretario da ACFL, así como as achegas de Celia Castro sobre arquitectura medieval e a vida cisterciense.



