O concerto de María do Ceo puxo o punto final ao segundo día das actividades organizadas pola Academia Xacobea, no que tamén se abordaron cuestións como a saúde e a tradición hospitalaria do Camiño e rendeuse homenaxe á poetisa Luz Pozo Garza
Ribadeo. Sábado, 17 de setembro do 2022. O segundo día das “Xornadas Mar por Medio. O Camiño do século XXI” permitiu aos case cen participantes inscritos proseguir co seu achegamento ao Camiño de Santiago e ao fenómeno xacobeo desde puntos de vista moi diferentes e con recoñecidos especialistas de ámbitos tamén diversos. Cuestións como a evolución do perfil do peregrino ao longo dos séculos, a tradición hospitalaria do Camiño e os retos para a saúde que supón encamiñarse cara a Compostela foron algúns dos temas abordados nunha xornada na que os vínculos de Ribadeo e da Mariña Lucense co fenómeno xacobeo ocuparon tamén un espazo destacado a través de dúas voces da zona moi autorizadas.
O director do Centro de Interpretación do Camiño do Norte, Xoán Ramón Fernández Pacios, abriu as actividades deste sábado cunha intervención na que se mergullou no pasado para lembrar o tránsito dos peregrinos pola Mariña ao longo dos séculos. Fernández Pacios explicou que aínda que resulta difícil precisar cando comezaron a atravesar a zona quen se dirixían a Santiago, a referencia documental máis antiga remóntase ao ano 1117, ano do testamento de Urraca Bermúdez. No documento a muller cedía os seus bens ao mosteiro de Vilanova de Lourenzá para que ofrecesen misas tanto por ela como polos peregrinos que pasaban pola zona. Fernández Pacios explicou tamén que maioritariamente os peregrinos eran homes, posto que as mulleres atopábanse máis trabas para realizar o Camiño, e apuntou así mesmo que case un terzo das persoas que atravesaron A Mariña cara a Compostela entre os séculos XVI e XIX eran franceses. Ademais, tal como foi apuntado xa no acto inaugural das xornadas, reivindicou a importancia o Camiño do Mar, que bordea todo a costa lucense ata unirse xa en Neda co Camiño Inglés.
Tamén viaxou ao pasado para lembrar algunhas curiosidades do Camiño ao seu paso por Ribadeo o actual cronista oficial da localidade, Eduardo Gutiérrez, figura clave da posta en marcha das Xornadas Mar por Medio desde a súa responsabilidade como alcalde hai tres décadas. Citando a autores como Francisco Lanza, Pablo Arribas Briones ou José Villamil y Castro, Gutiérrez lembrou historias locais do Camiño como as barcas piadosas ou as pontes que tremen. Así, apuntou que no século XIII un devoto matrimonio ribadense puxo en marcha un servizo de barqueiros para que os peregrinos puidesen cruzar a Ría de Ribadeo e seguir a súa ruta cara a Compostela, e explicou tamén que as precarias pontes empregadas noutros casos para poder seguir a ruta causaban tal impresión entre quen as cruzaba que mesmo foron inmortalizados nas súas cantigas polos peregrinos franceses.
Gutiérrez falou tamén na súa intervención dos hospitais que foron creándose na zona séculos atrás para atender aos peregrinos, cuestión esta que tamén foi abordada, aínda que xa no plano xeral de todas as rutas de peregrinación a Santiago, polo presidente da Academia Xacobea, Xesús Palmou, na conferencia coa que as Xornadas retomaron a súa actividade tras o parón do mediodía. Fundados pola igrexa e as súas distintas ordes relixiosas e atendidos nos seus inicios normalmente por un “barbeiro sangrador” ou un monxe cunha formación eminentemente empírica, aquelas modestas instalacións foron evolucionando ata converterse nun símbolo do Camiño e contribuír tamén a que a hospitalidade constitúa un aspecto fundamental da historia das peregrinacións a Compostela, segundo explicou Palmou. Na súa conferencia o presidente da Academia Xacobea percorreu boa parte dos hospitais do Camiño a través dos testemuños da época e ocupouse tamén doutras cuestións como a alimentación dos peregrinos.
E do mesmo xeito que os hospitais do Camiño evolucionaron co paso do tempo, tamén o fixeron as enfermidades e afeccións que padecen os peregrinos. Así o puxo de manifesto na súa conferencia Antonio Pouse, médico internista e director da Cátedra de Cronicidade da Universidade de Santiago. Este experto explicou que o Camiño, como lugar de encontro e de convivencia, foi tradicionalmente un espazo que facilitaba a transmisión de enfermidades infecciosas. A isto contribuía tamén o feito de que era o Camiño era moi frecuentado por enfermos, pero a situación ten cambiado notablemente. Pose explicou que o perfil do peregrino mudou, como tamén o fixeron as condicións de hixiene e a medicina preventiva, e avogou pola realización de estudos tanto retrospectivos como prospectivos das infeccións do Camiño para mellorar a seguridade sanitaria e a calidade de vida dos peregrinos.
O programa do sábado completouse coa conferencia impartida polo deán da Catedral de Santiago, José Fernández Lago, baixo o título “O peregrino antano e hoxe”, e cunha mesa redonda en recordo de Luz Pozo Garza na que os profesores Claudio Rodríguez Fer, Olivia Rodríguez e Carlos Álvarez Lebredo lembraron a traxectoria e a importancia da poetisa ribadense, falecida hai 2 anos e de cuxo nacemento se celebra o seu centenario neste 2022. Ademais, Antonio Deaño Gamallo, profesor do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo, ofreceu un recital poético antes de dar paso ao peche musical, que nesta ocasión correspondeu á coñecida fadista María do Ceo.






















A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A alcaldesa Marta Rouco inaugurou a cita, que abriu coa IV Volta Ciclista á Terra Chá e cunha programación centrada na relación entre Galicia e Cuba e na memoria da emigración. Houbo unha mesa redonda sobre o Centro Galego da Habana, a exposición Galicia Imaxinada e música, ademais dunha mostra de xornais antigos. Rouco reivindicou a importancia de lembrar a emigración galega e apelou a mirar con humanidade as migracións actuais, destacando tamén o papel das asociacións culturais das parroquias na conservación das tradicións. A feira continou con desfile de época, xantar popular, xogos, animación, baile cubano, foliada, queimada e propostas musicais e artesanais ata a noite.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Ocorreu minutos antes das 11:30 horas. Unha persoa foi trasladada ao hospital tras resultar ferida na colisión entre un coche e un autobús no quilómetro 512 da A-8 en sentido A Coruña, en Vilaframil (Ribadeo). Entre os alertadores estiveron as persoas que viaxaban no coche, que puideran saír do vehículo. Por outra banda, o autobús conseguiu deterse uns metros máis adiante. Ao punto desprazáronse Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da autovía.
O próximo luns 14 de setembro comeza un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.



