Esta é a cuarta campaña consecutiva impulsada polo Goberno local
Viveiro, 29 de novembro de 2022. O Concello de Viveiro informa do balance da acción de trampeo de avespas velutinas e de retirada de niños desta especie, que foi realizada durante este 2022 por unha empresa especializada. Esta campaña impúlsase de forma anual no municipio, co obxectivo de minimizar o impacto das velutinas en Viveiro.
Dunha banda, efectuouse a fase de trampeo entre os meses de marzo e xullo, instalándose un total de 2.400 trampas. O trampeo profesional consiste na acción de instalar trampas xeolocalizadas, cuns atraentes especiais para capturar nos meses primaveirais raíñas fundadoras de niños, que tras o seu letargo invernal comezan de novo o seu ciclo.
Grazas a esta acción de trampeo, capturáronse 2.857 avespas raíñas e zanganeras. Estes dous tipos de avespas teñen a capacidade de iniciar niños, pois hibernan xuntas.
Para a colocación das trampas tivéronse en conta varias factores, como a proximidade ás vivendas, a detección de focos predilectos de instalación, a protección de asentamentos apícolas, así como evitar que poidan entrar dende outros municipios limítrofes.
Doutra banda, levouse a cabo a retirada de niños de avespas velutinas en distintos puntos do municipio. Concretamente, os niños retiráronse no mesmo día no que se efectuaba o aviso da súa aparición nas vivendas ou en zonas de tránsito perigosas para as persoas.
Do mesmo modo, tamén se retiraron os niños tras os avisos de Protección Civil ou do persoal do Concello de Viveiro, así como os niños susceptibles de causar riscos por labores no campo, de rozadura ou de recollida de froita.
Ademais, esta campaña de retirada de niños completou os medios de retirada habituais. Deste modo, retiráronse aqueles niños que non podían ser retirados polos medios oficiais debido á altura ou á proximidade a leitos de auga.
Por último, este proxecto retirou tamén os niños que se atopan en zonas máis afastadas da poboación, mediante rastrexos nestas áreas, onde habitualmente se localizan unha importante cantidade de niños.
Coa campaña de 2022, o goberno local leva catro anos impulsando este tipo de acción de trampeo profesional, coa que se pretende minimizar a aparición de niños de velutina.






















A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A alcaldesa Marta Rouco inaugurou a cita, que abriu coa IV Volta Ciclista á Terra Chá e cunha programación centrada na relación entre Galicia e Cuba e na memoria da emigración. Houbo unha mesa redonda sobre o Centro Galego da Habana, a exposición Galicia Imaxinada e música, ademais dunha mostra de xornais antigos. Rouco reivindicou a importancia de lembrar a emigración galega e apelou a mirar con humanidade as migracións actuais, destacando tamén o papel das asociacións culturais das parroquias na conservación das tradicións. A feira continou con desfile de época, xantar popular, xogos, animación, baile cubano, foliada, queimada e propostas musicais e artesanais ata a noite.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Ocorreu minutos antes das 11:30 horas. Unha persoa foi trasladada ao hospital tras resultar ferida na colisión entre un coche e un autobús no quilómetro 512 da A-8 en sentido A Coruña, en Vilaframil (Ribadeo). Entre os alertadores estiveron as persoas que viaxaban no coche, que puideran saír do vehículo. Por outra banda, o autobús conseguiu deterse uns metros máis adiante. Ao punto desprazáronse Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da autovía.
O próximo luns 14 de setembro comeza un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.



