Burela, 27 de abril de 2023. Arredor de 350 marcas de diferentes países e 5.000 profesionais do sector se darán cita en Burela na XIX Feira Náutico Pesqueira Expomar do 10 ao 13 de maio. O evento, que este ano aumenta a súa superficie, foi presentado hoxe no salón de plenos do Concello.
O alcalde e presidente da Fundación Expomar, Alfredo Llano, dixo que “despois da que fixemos en Madrid en xaneiro, hoxe tivemos a segunda presentación de Expomar, neste caso aquí, no Concello de Burela, co propósito xa de explicar en que vai consistir esta feira exposición, a cantidade de expositores que pode haber, de firmas representadas e do espazo que ocupa. Demos unha serie de información que eu penso que é moi boa para que a xente saiba o que hai e poida achegarse desde o día 10 ata o 13 de maio para apreciar o que á feira Expomar”.
O rexedor subliñou: “hai que ter en conta que este ano queremos ampliar a zona de exposición, pasando de 4.000 metros cadrados a 5.000 practicamente porque hai un engadido dunha carpa que vai servir para moitas cousas: aparte de ser ocupada por diferentes stands haberá unha serie de embarcacións e de atractivos para que se poidan apreciar eses días na feira exposición”.
Alfredo Llano comentou: “realmente neste evento que se fai en Burela, que é unha poboación de pouco máis de 11.000 habitantes, na que ten unha importancia fundamental e vital o sector náutico pesqueiro, queremos darlle o protagonismo total a través desta feira exposición a este sector porque consideramos que esta actividade en Burela é recoñecida en todos os aspectos, tanto no eido económico como no social e no cultural. Hai que darse conta de que Burela foi pouco a pouco medrando grazas ás diferentes costeiras e ás distintas especies que se foron traendo para aquí ao porto”.
“Como queremos que a actividade náutico pesqueira siga aí presente eternamente, vamos darlle un protagonismo absoluto ao sector. Así que vai estar representado todo o que sirva como escaparate para saber o que hai na vangarda do sector: administración, seguridade, equipos electrónicos e de comunicación, embarcacións, etcétera. Todo o que forma parte dos buques pero tamén as técnicas de pesca e todo aquilo que merece a pena e representar para que se animen os profesionais do sector a visitar este espazo, que vai estar no porto de Burela, na nave de redes”, comentou o presidente da Fundación Expomar.
Llano considera que “este ano vai ser unha boa edición, a número 19, que vai ter un crecemento de stands e tamén en importancia para que este tipo de eventos sexan recoñecidos. Tamén vai ser importante para Burela, polo que estamos todos contentos. Espero que todo saia ben e que non haxa ningún problema. Vai haber tamén atractivos durante eses días, como atraques de buques singulares e tamén se vai aproximar un helicóptero. Ou sexa, non só vai haber exposición no recinto feiral senón que tamén teremos atractivos para a xente en xeral, para todo o pobo”.
O rexedor burelés engadiu: “así que estamos satisfeitos do resultado dun labor que estivemos levando a cabo durante moitos meses. Quizais foi a edición para a que máis se traballou porque evidentemente a crise do coronavirus afectou moitísimo a moitas cousas, entre elas tamén desde logo ao sector náutico pesqueiro. Pero desde o 2019 levamos 4 anos sen a feira Expomar, xa nos tardaba volver facela e hai que estar satisfeitos porque cremos que vai ser un evento importante e que vai dar singularidade a Burela, pero tamén á Mariña e á provincia de Lugo e a Galicia”.
Paralelamente á feira terán lugar as XXX Xornadas Técnicas a o XXIV Encontro Empresarial. Esta é a primeira vez que Expomar se celebrará de mércores a sábado.
No acto desenvolvido esta mañá no salón de plenos do Concello interviñeron ademais de Alfredo Llano, o xerente da Fundación Expomar, José Manuel González, o director xeral de Pesca, Antonio Basanta, a deputada de Economía, Mayra García, e o xerente da OPP Burela, Sergio López.























Foz será o protagonista do programa Voces de Lugo, de RadioVoz, que se emitirá en directo de 12 a 14 horas desde a cafetería Marexada para toda a provincia. Félix Jorquera charlará co alcalde, Fran Cajoto; coa concelleira de Cultura e Facenda, Inés López; con Pura García, que é directiva de Acia Foz-CCA; con Carmen Alonso, presidenta do Celtas de Foz; e coa dona da cafetería Marexada, Palmira Andrade. Con eles fará un balance do verán, analizará os proxectos para os vindeiros meses e tamén o momento polo que atravesa o deporte local.
Trátase dunha viaxe para dúas persoas con estancia de catro noites nun hotel de catro estrelas en réxime de todo incluído, voos e equipaxe. O sorteo tivo lugar o pasado mes de xuño.
A cita previa pode solicitarse a través do teléfono 981.928.080 ou da web
A medida tamén fai que as familias perdan a gratuidad do comedor escolar, asumindo un gasto novo. O Concello reclama recuperar a parada mentres non exista unha alternativa segura e manter tanto o transporte como o comedor gratuíto, pedindo unha solución urxente que non prexudique ás familias de Mántaras.
Un total de 32 participantes déronse encontro nesta segunda edición, demostrando o seu nivel e desfrutando dunha mañá de competición e compañeirismo. Os gañadores das diferentes categorías foron: Antón Pernas (Sub 8), David Bustabad (Sub 10), Xulio Pernas (Sub 12), Deivid Pérez (Sub 14), Manuel Castro (Sub 16) e Breixo Alvite (Sub 18). A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, entregou os trofeos e medallas aos vencedores. O Concello felicita a todas as persoas participantes polo seu esforzo e por contribuír ao crecemento do xadrez no municipio, reafirmando a súa aposta polo deporte, pola participación e por ofrecer novas oportunidades para gozar e aprender.
A proba , organizada polo Club Ciclista Viveiro, reuniu máis de 130 ciclistas e coroou as campioas galegas de todas as categorías femininas -desde infantil ata master-, e aos campions galegos de infantil e cadete. A Praza da Galeguidade acolleu a saída e meta da competición, que se desenvolveu nun circuíto estático de 18,9 quilómetros pasando polo Porto da Gañidoira, a 699 metros de altura.
Trátase de dous MG ZS Hybrid+ Comfort, equipados coa tecnoloxía híbrida autorrecargable Hybrid+, que permite combinar eficiencia e un menor consumo no uso habitual. Segundo os datos do fabricante para este modelo, presenta unhas emisións de entre 113 e 115 g/km de CO₂ e un consumo de combustible de entre 5 e 5,1 litros aos 100 quilómetros, segundo o ciclo WLTP. A adquisición supuxo un investimento de 51.848,50 euros, IVE incluído, financiado a través do Fondo de Compensación Ambiental correspondente ao ano 2026.



