O Pleno aprobou cos votos a favor do PSdeG e do BNG unha moción socialista para pedirlle ao Goberno galego que poña en marcha un programa que incremente a achega de fondos directos que as facendas locais perciben da administración autonómica
Lugo, 31 de outubro de 2023. A Deputación de Lugo reclámalle á Xunta de Galicia a elaboración dun Plan Único de financiamento para os concellos, elaborado con criterios obxectivos, e que incremente a achega de fondos directos que as facendas locais perciben da administración autonómica. Así se acordou no Pleno deste martes a proposta do Grupo Provincial Socialista, contando cos votos a favor do BNG e, en contra, do Partido Popular.
A Voceira socialista do Goberno e Deputada de Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, defendeu esta iniciativa poñendo o foco en que a Xunta presentou recentemente os Orzamentos 2024, cos que “agocha as eivas da súa xestión e esgota os superlativos sobre o carácter excepcional ou de récord das contas, mentres na vida real os veciños e veciñas o único récord que bate a Xunta é o de gastar cada ano máis cartos para ofrecer peores servizos públicos”.
“Os Orzamentos previstos para o 2024 son tamén, unha vez máis, un exemplo do desinterese da Xunta pola situación dos concellos galegos e o seu evidente desprezo cara as súas necesidades”, manifestou a Deputada. Dixo que sobre un total de 13.257M€, a Xunta destina ao Fondo de Cooperación Local 152M€, o que supón o 1,1% do total, e apuntou que o resto que percibirán as facendas locais “dependerá dos criterios arbitrarios e partidistas en torno a figuras tan surrealistas como as subvencións non competitivas que se abren ás 12 da noite e quedan esgotadas 5 minutos despois”.
Incremento do Fondo de Cooperación Local
A Deputada sinalou que, mentres non se poña en marcha o citado Plan que se solicitou no Pleno, a Xunta debe incrementar o Fondo de Cooperación Local, polo menos, na mesma porcentaxe na que medrou o IPC durante os anos nos que o tivo conxelado.
García Porto ironizou con que o Goberno galego, “nun alarde de cinismo, logo de telo conxelado durante máis dunha década, presume agora de incrementar nun 6% a partida do Fondo de Cooperación Local, cando nese período o IPC subiu un 16%, co que o suposto incremento do que presumen apenas cubre a metade da perda de poder adquisitivo que veñen padecendo os concellos galegos”.
Reunión para a elaboración dos Orzamentos da Xunta
A moción tamén recolle unha petición ao Presidente da Xunta de Galicia para unha reunión cos presidentes das deputacións e da FEGAMP para estudar, consensuar e falar de cara a contar cun proxecto de orzamentos autonómicos “xusto e igualitario con todos os concellos de Galicia”.
A que PP lle facemos caso?
A Voceira socialistas do Goberno puxo de manifesto que o PP “carece de credibilidade á hora de falar das facendas locais. A que PP temos que facerlle caso? Ao PP de Lugo que di que quere incrementar os fondos do Plan Único aínda que non explique como facelo? Ou ao PP da Xunta que rexeita poñer en marcha un mecanismo semellante que tansfira fondos aos concellos con criterios obxectivos como poboación, extensión do termo municipal, densidade de poboación ou similares?”. Puxo varios exemplos, como o que fixo o PP cando gobernaba a Deputación de Lugo con Elena Candia, “batendo o récord de adxudicación de convenios a concellos amigos”; ou o que “vimos de coñecer na Deputación de Pontevedra, pois o novo equipo de goberno do PP vai recortar nun 21% os fondos do Plan Único, para poder dispoñer de máis cartos para dar a dedo. A escola de Candia ou a vella escola de Louzán ou o estilo Baltar”, subliñou.
























A restrición de circulación manterase durante a xornada mentres se desenvolvan os labores, que teñen como obxectivo garantir a seguridade viaria e facilitar a execución dos traballos. Durante este tempo, as persoas que necesiten acceder ás zonas de Santo Albites, Pénjamo ou San Lázaro deberán facelo polo acceso de Río dos Foles. O Concello de Viveiro agradece a comprensión da veciñanza e recomenda extremar a precaución e seguir a sinalización habilitada mentres duren os traballos.
Félix Jorquera pasará polos micrófonos de RadioVoz ao concelleiro de Mar, Ramiro Fernández; á presidenta de Ledicia (entidade organizadora), Rocío Rivera; ao presidente da Fedaración estatal de confraría de pescadores, Basilio Otero; ao xerente de Expomar, José Manuel González; ao membro de Fanto Fantini (entidade organizadora do Festival Osa do Mar), Diego Campo; á pregoeira Paula Jorge Hora; ao cociñeiro Bruno Pena e á alcaldesa e Presidenta da Deputación, Carmela López.
Comezou o mércores ás 13,35 horas e para a súa extinción mobilizáronse, ata o de agora, 2 técnicos, 10 axentes, 20 brigadas, 17 motobombas, 3 pas, 3 helicópteros e 2 avións.
O obxectivo deste aviso é que a cidadanía coñeza esta circunstancia con antelación e, especialmente, que as persoas con sensibilidade aos ruídos, así como as persoas propietarias de animais de compañía, poidan adoptar as medidas que consideren oportunas. O Concello agradece a comprensión e a colaboración durante estes días de celebración.
A obra, dirixida por Pepablo Patinho e preparada por rapaces de 10 a 14 anos ao longo do curso, servirá de antesala ao certame e permitirá visibilizar o labor formativo da Escola e o compromiso de Cariño co teatro desde idades temperás. O Concello anima á veciñanza e visitantes a asistir a esta cita que marca o inicio dunha nova edición na que o teatro volverá situar a vila como referente cultural galego.
O acto terá lugar ás 18:30 no paseo da Dársena, onde se instalará un hito que lembra a súa distinción como Fillo Predilecto de Navia. Tamén se descubrirá a placa dos gañadores absolutos da LXVII edición do Descenso, celebrada en 2025. “Moreno”, falecido en 2023, dedicou máis de seis décadas a impulsar esta cita deportiva, converténdoa nun referente nacional e internacional. A alcaldesa, Ana Isabel Fernández, destacou que foi “a alma máter do Descenso” e convidou á veciñanza e participantes a asistir ao acto de recoñecemento.
Autoridades autonómicas, municipais e representantes da Apehl acompañaron o anuncio. O estand da marca estará na zona VIP da saída de cada etapa, onde se ofrecerán petiscos con produtos lucenses e material promocional, incluída a guía turístico-gastronómica. Cheché Real destacou a continuidade do proxecto e agradeceu o apoio institucional. A acción conta coa colaboración de numerosos consellos reguladores, entidades agroalimentarias e empresas da provincia.



