No encontro, ao que asistiron alcaldes e representantes dos concellos nos que se sitúan as residencias, os maiores recibiron varias sorpresas, unha das máis emotivas un vídeo cos mellores momentos e experiencias da súa estancia nos centros nestes anos
Lugo, 10 de outubro de 2023. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, compartiu esta martes unha xornada festiva cos residentes dos 9 Centros de Atención de Maiores que a institución provincial ten en funcionamento con motivo da celebración do Día Internacional das Persoas Maiores. Un encontro no que tamén estiveron presentes o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón; a Alcaldesa de Trabada, Mayra García Bermúdez; os alcaldes de Meira, Antonio de Dios; de Castroverde, Xosé María Arias; de Pedrafita do Cebreiro, José Luis Raposo; de Navia de Suarna, José Fernández Fernández; de Ribas de Sil, Miguel Ángel Sotuela; de Ribadeo, Daniel Vega Pérez; e de Pol, Lino Rodríguez Ónega; así como Teresa Fernández Pérez, Concelleira de Servizos Sociais da Fonsagrada.
José Tomé deu a benvida aos maiores e ao persoal das residencias no Salón de Actos do Pazo de San Marcos, e amosoulles a súa satisfacción por volver a estar xuntos para celebrar este día de festa, no que de seguro “será coma sempre unha xornada moi especial, na que xurdirán conversas e experiencias para recordar”.
Agradeceulles a súa visita e destacou que estes encontros serven para visibilizar a valiosa aportación que fan á sociedade. “Sodes o legado que conforma a nosa historia, sodes os grandes transmisores da sabedoría e da experiencia, e despois de anos de moito traballo é de xustiza que nesta etapa a sociedade vos devolva todo iso con coidados, cariño e benestar”.
Durante a recepción, os maiores recibiron varias sorpresas. Unha das máis emotivas foi a proxección dun vídeo que repasou en fotografías e a través de textos os mellores momentos e as experiencias máis divertidas das súas vivencias nos centros nos últimos anos. As imaxes van acompañadas de palabras sacadas do Decálogo de Dereitos das Persoas Maiores resaltando cada momento e dándolle protagonismo ao seu significado, co fin de reivindicar e festexar os seus dereitos en días coma este.
O Presidente deu os parabéns aos traballadores e responsables dos centros provinciais por este fermoso traballo, “que vén a demostrar a atención, o cariño e respecto diario que ofrecemos aos maiores nos nosos centros”, e que fai, engadiu, “que o modelo asistencial implantado pola Deputación en colaboración cos concellos na súa rede de residencias, centrado na persoas, que favorece o arraigo, xera emprego, dinamiza a económica local e fixa poboación no rural, sexa hoxe un referente en España e en Europa”.
Polo tanto, para a Deputación, o Día do Maior, explicou José Tomé, “son todos os días do ano, e seguiremos a traballar para que así sexa, cun proxecto que impulsamos e financiamos en solitario, sen ningún apoio da Administración autonómica, que é a que ten as competencias, porque para nós é fundamental que os nosos maiores reciban unha atención de calidade e digna”.
Previamente á recepción en San Marcos, o grupo realizou unha visita á Produtora do Servizo de Audiovisuais da Deputación. Alí, percorreron as instalacións do centro, coñeceron o traballo que se desenvolve e os segredos da televisión, atrevéndose moitos deles a manexarse co croma e o telepromter para poñerse na pel dos presentadores de televisión. Ao mediodía, autoridades e residentes compartiron un xantar na cidade de Lugo, que se alargou ata a tarde con música e baile antes de regresar novamente aos seus centros. Ademais, os maiores recibiron como agasallo unha mochila cunha gorra e un paraugas da Deputación.
Na actualidade, a Deputación de Lugo conta con nove centros públicos de maiores abertos, situados en Trabada, Pol, Ribadeo, Castroverde, A Fonsagrada, Pedrafita do Cebreiro, Meira, Navia de Suarna e Ribas de Sil, que suman preto de 400 prazas asistenciais e uns 300 postos de traballo directos, aos que hai que sumar os indirectos. Así mesmo, traballa nos proxectos para crear outros nove centros en Guitiriz, A Pontenova, Portomarín, Pantón, Cervantes, Becerreá, A Pobra do Brollón, Ourol e Folgoso do Courel.


















O Concello de Navia presenta este sábado 28 de febreiro, ás 12:00 h no Casino, o libro Tras las huellas de Campoamor en Alicante, de Luján Martínez Suárez. Ademais, adquiriu un valioso volume da RAE de 1865, que inclúe un discurso seu orixinal. O exemplar incorporarase á Biblioteca Municipal, ampliando o fondo dedicado ao poeta.
O Dúo Eclipse será o encargado de poñer a música nunha nova tarde-noite chea de ritmo, baile e bo ambiente no Guateque de Arruguiñas. A cita é este sábado, 28 de febreiro na Casa do Mar de San Cibrao ás 19:30 h. Ademais, o alumnado de 2º de Bacharelato, en colaboración coa Oficina de Voluntariado Xuvenil, ofrecerá bingo e chocolate para completar a festa. O evento conta tamén coa colaboración da Asociación de Xubilados Terramar.
O Restaurante Oviedo-2 será o encargado de elaborar o caldo, o compango e as filloas de sobremesa. O acto incluirá tamén lectura de poemas e música, coa participación de Eli García-Bouso, que interpretará algunhas pezas inspiradas en Rosalía de Castro. O prezo do xantar será de 15 euros para socios/as e 20 euros para non socios/as. As persoas interesadas poden inscribirse enviando un correo a agrupacionfranciscolanza@gmail.com ou mediante unha mensaxe de WhatsApp ao 699 809 606.
Neste espazo radiofónico, de 12 a 14 horas, Félix Jorquera falará coa directora do IES de Foz, Leticia Maseda, co coordinador do evento, José Ríos, así como con alumnado e profesorado participante e moi implicado nos Campionatos Internacionais de Baristas e Catas de Café, que estes días enchen Foz de xente e de aroma cafeteiro.
Os propietarios, Javier Montero e Tita Iglesias, recolleron o recoñecemento na Coruña, agradecendo o apoio da clientela, do seu equipo —formado integramente por mulleres— e da propia guía. O establecemento mantén esta recomendación desde 2021 e suma tamén un Sol Repsol, obtido en 2024 e renovado para 2026. O hotel restaurante Javier Montero abriu as súas portas en novembro de 2018.
Unha comedia orientada para público adulto dirixida por Cándido Pazó. Hora: 20.30. Sipnose: 1880, Curros Enríquez é denunciado polo bispo de Ourense por uns poemas do seu libro Aires da miña terra, un dos piares do Rexurdimento Galego. A pesar da opinión contraria do fiscal, un xuíz dá curso á denuncia e o célebre escritor é procesado e condenado.
A xornada comezou cun aperitivo no bar O Colorado, onde os socios se reuniron para o tradicional brinde previo ao xantar. O encontro continuou no Restaurante Asturias nun ambiente de fraternidade, gozando dun cocido digno de exaltación e dunha longa sobremesa. Durante a velada, os asistentes compartiron lembranzas e falaron das actividades que a asociación prepara para o futuro, nun ano no que Os Cacholeiros se achegan ao seu 35º aniversario. A entidade aproveita esta celebración para reivindicar unha vez máis os pratos tradicionais, elaborados con produtos locais e de tempada, e o labor dos establecementos hostaleiros do concello e da comarca.



