“Temos por diante un proceso de primarias, e eu penso, como dixen publicamente en bastantes ocasións, que o compañeiro Gómez Besteiro é o candidato que precisamos para desaloxar ao PP do Goberno da Xunta e liderar o cambio de ciclo político que se producirá en Galicia”
Lugo, 4 de outubro de 2023. O Secretario Xeral do PSdeG na provincia de Lugo, José Tomé Roca, subliñou no Comité Provincial que o partido celebrou na tarde noite de onte, martes, que, “fronte a un PP que está desnortado”, os socialistas “encaramos a vindeira cita das eleccións autonómicas nas mellores condicións para recuperar o Goberno da Xunta de Galicia para un proxecto progresista”.
Nun encontro no que participaron uns 200 responsables institucionais, cargos orgánicos e militantes, entres eles, a Secretaria de Organización do PSdeG na provincia, Pilar García Porto, e o Deputado socialista no Congreso, José Ramón Gómez Besteiro, o líder do Partido Socialista na provincia remarcou que, mentres o Partido Popular “segue noqueado e con marexada de fondo”, tras non conseguir ningún dos seus obxectivos electorais nin nas municipais nin nas xerais, os socialistas “temos liderados sólidos e con proxecto, con capacidade de diálogo e xestión, ademais da forza da nosa unión para traballar por un obxectivo común de progreso, igualdade e benestar para a cidadanía. Cando o Partido Socialista está unido é moi difícil ganarlle. Xa o demostramos”.
José Tomé sinalou que o partido ten por diante un proceso de primarias “que nos vai permitir elixir ao mellor candidato. Eu penso, como xa dixen publicamente en bastantes ocasións, que o compañeiro Besteiro é a persoa que necesitamos para desloxar ao PP do Goberno da Xunta e liderar o cambio de ciclo político que se producirá en Galicia”.
Desta forma, despois duns “moi bos resultados nas eleccións municipais e nas xerais, nas que conseguimos os nosos obxectivos e pechamos a porta aos propósitos do PP, que fracasou porque, cando non gobernas, perdes”, o Secretario Xeral do PSdeG na provincia chamou a “pisar o acelerador porque veñen tempos decisivos para o futuro do partido en Galicia”.
“Todos e todas buscamos o mellor para o Partido Socialista, que é a maneira de buscar o mellor para a nosa provincia e para os nosos veciños e veciñas. Iso conseguímolo cando somos capaces de traballar xuntos, de sumar esforzos nun obxectivo común. Eu vou seguir traballando para que nas próximas eleccións autonómicas o resultados do PSdeG sexan bos, a ser posible, excelentes, e nos permitan levar á Presidencia da Xunta de Galicia a un veciño da nosa provincia. Ese é o proxecto ilusionante no que quero contar con toda a militancia”, asegurou José Tomé.
A provincia de Lugo, bastión do PSOE
O tamén Presidente da Deputación e Alcalde de Monforte puxo en valor os resultados do PSdeG na provincia nas eleccións municipais, incidindo en que segue sendo “o bastión do Partido Socialista en Galicia e en España”, pois mantén a Deputación de Lugo, a capital da provincia e goberna ou cogoberna en 30 concellos, que suman máis de 208.000 veciños, o que representa o 64% do total da poboación. Destacou tamén os “resultados históricos” en Taboada e Antas de Ulla, que permitiron acadar a Alcaldía, a maioría cómoda de Monforte, a recuperación da maioría absoluta na Fonsagrada, ou a ampliación da maioría en Pedrafita do Cebreiro, Láncara ou Lourenzá, pero ademais recoñeceu “os resultados cos compañeiros e compañeiras da oposición porque neste partido sumamos todos”.
O PP fracasou porque non goberna
Desta forma, o Partido Socialista conseguiu nas municipais os seus obxectivos e “pechou a porta” a “todos os propósitos que tiña o Partido Popular, que, polo tanto, fracasou nas eleccións locais na provincia. Elena Candia non é Alcaldesa, nin Presidenta da Deputación. O PP tivo un importante revés que os deixou noqueados. Pódeno vestir como queiran, pero fracasaron, e sábeno perfectamente. Cando non gobernas, perdes, e o PP, perdeu”.
En canto ás eleccións xerais, o Secretario Xeral do PSdeG na provincia fixo unha lectura “moi positiva” dos resultados. “Feijóo non será o Presidente do Goberno de España e os socialistas, con Pedro Sánchez, vamos seguir gobernando este país. Unha excelente noticia para a provincia de Lugo e para Galicia, que se vai escenificar posiblemente a partir do día 17 deste mes de outubro”.
“Enchidos polos resultados nas municipais e autonómicas, Feijóo e o PP daban por descontado que chegarían ao poder, si ou si. Pero ese obxectivo tampouco o conseguiron. Os cidadáns tiveron o acerto de ver as mentiras e o baleiros de proxecto de Núñez Feijóo, que non propón nada para España. Foi incapaz de plantexar un programa de Goberno. Todos se deron conta da súa soberbia, da falta de traballo, da mala xestión, das súas mentiras e da nula capacidade para trazar unha estratexia política minimamente seria e crible. Só sabe dicir que quere derogar o sanchismo, pero ao mellor o sanchismo acaba por derogalo a el”.
Neste sentido, incidiu en que agora os populares falan de sanchismo, pero antes decían Váyase Sr. González. Agora apláudenlle porque lle convén ao PP”.
Os socialistas lamentan a perda dun Deputado no Congreso, asegurou José Tomé, e “debemos traballar duro para recuperar de novo en futuras eleccións a representación”, pero os resultados “foron bos”. “Subimos de 55.000 a 60.000 votos. Fai 4 anos, con 55.000 votos, conseguimos dous deputados e en 2023, con 5.000 votos máis, sacamos un Deputado. Por iso, temos que ler os resultados das eleccións xerais no seu contexto”, explicou.
Así mesmo, indicou que, extrapolados ás autonómicas, o resultado en deputados na provincia sería un 8-5-1, é dicir, tres deputados máis dos que hai agora. Os mesmos que cando gobernou Touriño.
“Con Besteiro, recuperamos un activo político de primeiro nivel”
O Secretario Xeral do PSdeG na provincia manifestou que foi “un orgullo ver ao compañeiro José Ramón Gómez Besteiro encabezando unha lista electoral. Unha mostra de desagravio, de recoñecemento da súa enorme valía e de total recuperación da súa figura, logo dunha longa travesía, dura e inxusta, motivada polos anónimos autoinventados da señora Elena Candia e dunha xuíza que acabou castigada pola propia Xustiza polas súas tropelías. É unha honra volver a contar con el participando en política con plena liberdade e dedicación”. “Os socialistas da provincia de Lugo recuperamos con Gómez Besteiro un activo político, de primeiro nivel, que vai ter, sen dúbida ningunha, un longo percorrido e está chamado a xogar un destacado papel na política galega”, recalcou.



















A principal será o regreso das carrozas dos pobos o domingo 27, recuperando unha tradición histórica. O venres abrirase coa charanga e verbena; o sábado haberá sesión vermú, verbena e fogos; o domingo, música dos sesenta e setenta, desfile de carrozas e festa dos oitenta; o luns, actividades para a infancia e reparto do bollo; e o martes, misa solemne, procesión e verbena final. O Concello de El Franco destaca o labor da Sociedade de Fiestas e o valor de recuperar tradicións e avanzar cara a unhas festas máis inclusivas.
Será o sábado 26 de setembro de 20:00–22:30 no Palacio Santa Emilia de Mondoñedo. Entrada: 34,90 €, inclúe viño seleccionado e aperitivo.
Ás 16 horas deste mércores, o 112 Galicia tivo constancia dunha saída de vía a través do sistema de aviso e-Call do vehículo accidentado. Ocorreu no quilómetro 6 da LU-861, á altura de Santaballa. O propio implicado explicou nese momento que precisaba axuda para saír do vehículo. Nada máis ter constancia, os xestores do 112 Galicia solicitaron a acción de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Garda Civil de Tráfico, Bombeiros de Vilalba e servizos de mantemento da estrada. Os bombeiros axudaron a retirar á persoa do vehículo, mais non foi necesario excarcerar.
O centro conta con espazos para forza, cardio, adestramento funcional e alta intensidade, ademais de propostas acuáticas, ciclo indoor, pilates e programas Les Mills. Dispón tamén dunha área de relax con baño de vapor, duchas especiais e hidromasaxe. O director, Javier Canel, destaca que o obxectivo é ofrecer alternativas para que cada persoa atope o tipo de exercicio que mellor se adapte ás súas necesidades. En setembro, o centro ofrece unha proba gratuíta de tres días e matrícula de balde para novas inscricións.
A partir das 12:00 horas poranse á venda 10.000 abonos ao prezo mínimo garantido, dispoñibles exclusivamente na web oficial do festival. Os prezos serán de 195 € para o abono normal e 295 € para o Pandemonium, con opción de incluír camiseta. A organización recomenda acceder puntualmente á cola virtual e lembra que as entradas deben adquirirse só por canles oficiais para evitar falsificacións. O Resurrection Fest volverá reunir miles de asistentes en Viveiro nunha das grandes citas musicais do verán.
O programa inclúe unha actuación vermú de A Requinta de Lampai ás 14:00, un obradoiro de baile tradicional ás 17:30, os cantos de taberna polos bares a partir das 20:00, pinchos para os grupos participantes ás 22:30 e unha foliada aberta ás 23:30. Os grupos interesados poden inscribirse no 605582624.
A xornada incluirá feira de artesanía desde as 11:30, inauguración ás 12:30 e xantar popular ás 14:45, con tickets dispoñibles ata o 9 de setembro. Haberá showcookings, degustacións, pasarrúas, xogos tradicionais, concentración de Vespas e demostracións de oficios. A organización espera repetir o éxito da última edición, na que se serviron uns 800 pratos.



