O Presidente provincial, José Tomé Roca, presentou xunto co presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, a iniciativa Mellor Comercio da túa Vila, financiada practicamente na súa totalidade pola Deputación para promocionar o sector comercial de proximidade da provincia e incentivar as vendas na recta final do ano
Lugo, 14 de novembro de 2023. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, presentou este martes no Pazo de San Marcos xunto co presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, a campaña Mellor Comercio da túa vila, financiada practicamente na súa totalidade pola institución provincial cunha achega de 50.000€ para promocionar o sector comercial de proximidade da provincia e incentivar as vendas na recta final do ano. A iniciativa inclúe premios para os propios negocios participantes, por un total de 8.500€, e para os clientes, en bonos de compra que suman 15.000€.
José Tomé destacou na presentación, na que participou tamén o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, que esta nova colaboración responde ao “compromiso prioritario” da Deputación “de apoiar proxectos que dinamicen a economía e o emprego da man do tecido asociativo vinculado aos sectores produtivos máis importantes da nosa provincia, como é, neste caso, o comercio de proximidade”.
A campaña, explicou, ten un dobre obxectivo: “por un lado, poñer en valor a calidade e as melloras que van introducindo os comercios para promocionarse, modernizarse e alcanzar cotas máis altas de competitividade. Polo tanto, estamos fortalecendo o tecido comercial”, e por outro lado, “incentivar as vendas nesta recta final do ano, aproveitando que son datas de maior consumo”, nas que, de feito, se concentra o 40% da facturación anual do sector do comercio.
A campaña, que comeza este 14 de novembro e rematará o 14 de decembro coa celebración dunha Gala do Comercio no Pazo de San Marcos, inclúe distintas accións: premios para 17 negocios da provincia de 500€ cada un e un diploma acreditativo; sorteo de bonos por 12.000€ entre os clientes; e actividades de dinamización nas rúas da capital lucense e sorteo dun premio de 3.000€ en compras.
Trátase, dixo o Presidente, dun novo paso na longa colaboración da institución provincial coa Federación Galega de Comercio, “que está dando bos froitos para o noso comercio local e, polo tanto, para o conxunto da provincia de Lugo, tendo en conta o peso fundamental que ten a actividade comercial para a economía e o emprego”, pois o sector, subliñou, “crea 20.000 empregos e representa o 13% do PIB da provincia”.
Ademais, o comercio de proximidade ofrece “un valor social de primeira orde, pois “onde hai tendas, hai vida, e a propia actividade comercial favorece o sentido da veciñanza”. Desta forma, incidiu, “xunto cos servizos públicos, a puxanza do noso comercio local é fundamental para manter vivo o rural, para que as vilas conserven todos os elementos que fan delas un bo lugar para vivir”.
Pola súa parte, José María Seijas agradeceu ao Presidente a decidida aposta da institución sempre co comercio da provincia, neste caso poñendo en marcha unha nova iniciativa “ambiciosa e ilusionante”. Un proxecto froito da colaboración, sinalou o presidente da Federación, “para recoñecer aos nosos mellores comercios e tamén aos nosos clientes, os que nos coñecen, apostan por nós, valoran o bo facer dos nosos comerciantes e saben das grandes vantaxes que en todos os sentidos supón mercar no comercio local”. Finalmente, animou Seijas a todos os establecementos comerciais de Lugo e a súa provincia e aos seus clientes a aproveitar estas iniciativas “para coñecer, visitar, mercar e gañar co comercio local, o mellor comercio”.
12.000€ en premios e distinción aos mellores comercios
A campaña Mellor comercio da túa vila arranca hoxe mesmo, 14 de novembro. Ata o 7 de decembro, aquelas persoas que realicen compras en calquera comercio de proximidade da provincia de Lugo poderán rexistrar os seus tickets a través da web www.mellorcomerciodatuavila.com e entrar nun sorteo que terá lugar o 11 de decembro no Pazo de San Marcos, no que se repartirán 12.000€ en vales de compras, repartidos en 20 premios de 300€ e 40 premios de 150€. Durante ese rexistro, os clientes poderán votar a un comercio de entre os previamente inscritos no concurso, e desa votación popular vía online sairán os 17 negocios que se distinguirán como Mellor Comercio da túa vila. Os gañadores recibirán de premio 500€ en metálico cada un, e un diploma acreditativo, dos que se lles fará entrega nunha Gala de Comercio que se celebrará o vindeiro 14 de decembro, na Deputación.
Merca na Rúa
A campaña que impulsa a Deputación de Lugo coa Federación Galega do Comercio tamén contempla o desenvolvemento doutra acción na cidade de Lugo baixo o nome Merca na Rúa, coa que se desenvolverán actividades de dinamización entre os días 1 e 12 de decembro para fomentar as vendas do comercio local. Entre as persoas que fagan unha compra durante estes días, sortearanse 3.000€ para gastar nunha xornada de compras que se celebrará o 13 de decembro, de 17:00 a 20:00 horas. O premiado deberá visitar polo menos oito tendas participantes na campaña e gastar un mínimo de 100 euros en cada unha delas.
“Mercando no comercio local, estamos apostando polo futuro da nosa provincia”, subliñou o Presidente da Deputación, quen convidou aos comercios e aos veciños da nosa provincia a sumarse a esta campaña para que, “un ano máis, sexa un éxito e teña un retorno económico importante, como sucedeu nos anteriores proxectos que sacamos adiante conxuntamente a Deputación e a Federación de Comercio”.
























O prólogo é da profesora de Debuxo Camino Casabella Pumares, artista con raíces no Alfoz do Castrodouro, que participará na presentación xunto ao presidente do colectivo. Cinco dos pintores estarán presentes no acto, xa que Alaxe faleceu hai tres anos. A portada do caderno é obra do ilustrador Xosé Blanco. O evento celebrarase o sábado 8 de agosto ás 20:00 horas no castelo do Castrodouro, en Alfoz do Castrodouro.
En total foron ofertadas preto de 80 prazas de surf, piragüismo e vela, destinadas a nenas e nenos con idades comprendidas entre os 9 e os 15 anos. As escolas desenvolvéronse en diferentes quendas nos meses de xuño e xullo. O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, subliñou “a importante participación da rapazada ribadense nas escolas deportivas de verán, que organizamos desde o Concello de Ribadeo coa axuda dos clubs que as impartiron. Queremos agradecer ás familias a confianza depositada nas nosas actividades, que lles serviron aos asistentes para practicar deporte na auga e para pasar uns días aprendendo e perfeccionando técnicas”.
No encontro mantido na sede da delegación territorial da Xunta en Lugo, no que tamén estivo o director territorial da Consellería, Marco Antonio Fernández Piñeiro. abordáronse liñas de cooperación para a mellora de Infraestruturas e de seguridade viaria, de interese para este municipio. O departamento que dirixe M. Allegue segue prestando apoio aos municipios para executar actuacións que contribúan a mellorar a calidade de vida da veciñanza e a reforzar a competitividade económica.
Xa se poden ver auténticas "artistadas", todas coas serea como protagonista, enchendo o ambiente desa creatividade tan propia da celebración.
O corte estará vixente entre as 00:00 e as 05:00 horas da madrugada do venres 7 ao sábado 8 de agosto, co obxectivo de garantir a seguridade das persoas asistentes e o correcto desenvolvemento do evento, que terá lugar nos Xardíns Noriega Varela. Desde o Concello de Viveiro solicítase a colaboración da veciñanza e das persoas condutoras, recomendando planificar os desprazamentos con antelación e utilizar itinerarios alternativos durante o tempo que permaneza vixente esta restrición.
A mostra sobre Mimina, que repasa a súa traxectoria vital e artística e o seu papel esencial na creación de Sargadelos como empresa cultural, amplía o seu período de apertura até o 12 de agosto grazas á cesión das instalacións por parte do Concello de Cervo. A exposición poderá visitarse todos os días de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00, e tamén se poden concertar visitas noutros horarios ou para grupos chamando ao 636020514 (Lucía).
No Campo de Fútbol de As Valgas poderanse ver desde as 21.30 horas as actuacións de Netos de Bandim, chegados desde Guinea Bissau; da Philippine Performing Arts Company, das Filipinas; e do grupo anfitrión O Arco da Vella. Un encontro único de culturas, ritmos e emocións que promete unha noite inesquecible.