No marco desta iniciativa, a Deputación, explicou José Tomé, dá un paso máis na súa estratexia turística baseada “nun modelo de calidade, sostible, non masificado que actúa como panca de desenvolvemento do rural e que contribúe a fixar poboación no territorio”
Lugo, 25 de xaneiro de 2024. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, presentou este xoves no stand de Galicia na Feira Internacional de Turismo (Fitur) a nova campaña de promoción turística da institución provincial, Saborea a Provincia de Lugo. Unha proposta para amosar a “autenticidade e calidade dos produtos locais”, co obxectivo de posicionar á provincia como destino gastronómico de referencia a nivel internacional e fortalecer a súa oferta turística. Así o destacou José Tomé esta mañá no pavillón de Ifema, nun acto que contou coa participación de produtores da provincia e do turismo rural, como Fernando González Ribero, da adega Algueira; Xesús Mazaira Varela, de queixos Airas Moniz; e María José Bouzas Seoane, de Tataraboas galletas artesáns.
Na súa intervención, José Tomé agradeceu o traballo constante destes profesionais que falaron da importancia de apostar polos sabores da provincia como uns dos mellores aliados para diferenciar a nosa oferta culinaria, establecendo así un vínculo coa nosa paisaxe e a nosa cultura. “Temos praia, mar, montaña, campo, bosques e chairas. Temos peixes e carnes con denominacións propia, recoñecidos nas cartas dos mellores restaurantes”, subliñou o mandatario provincial que fixo fincapé, en que, “a historia nos deixou pratos propios como o butelo ou as receitas de elaboración dos nosos queixos. E a nosa capacidade de innovación permitiunos recuperar a viticultura heroica da Ribeira Sacra para sentar os nosos viños no simposio das grandes denominacións de orixe de todo o mundo”.
Con esta iniciativa presentada hoxe en Fitur, a Deputación dá un paso máis na súa extratexia turística baseada “nun modelo de calidade, sostible, non masificado que actúa como panca de desenvolvemento do rural e que contribúe a fixar poboación no territorio” Un modelo de turismo centrado en potenciar as experiencias persoais, posto que, ”Lugo, que ten de todo, quere ser algo único e diferente para cada visitante”.
Nese sentido expresou Tomé Roca, “estamos orgullosos porque ano tras ano recibimos na nosa terra máis visitantes estranxeiros que nos coñecen porque a nosa oferta encaixa nos grandes paquetes dos operadores internacionais, pero tamén moitos visitantes doutros puntos de España, que consideran a provincia de Lugo como destino favorito o preferente da Península”. Por moitos motivos diferentes, engadiu “para comer, para facer o camiño de Santiago, para participar no Arde Lucus, e no Resurrection Fest, para navegar polos Canóns do Miño e do Sil, pero todo o mundo márchase desexando volver e coa sensación de facer amigos”.
Rematou, o Presidente convidando aos presentes a saborear a provincia de Lugo e descubrir por sí mesmos “experiencias de verdade”, nun mundo dominado pola pantalla móvil. “Non deixen que llo conten outros, porque a realidade da provincia de Lugo é sempre mellor do que se pode expresar con palabras ou con imaxes”, concluíu.
Vídeo promocional da campaña
Durante o acto de presentación estreouse o vídeo promocional da campaña da Deputación Saborea a Provincia de Lugo. A peza audiovisual percorre a través de espectaculares imaxes a inmensa variedade de paisaxes, de oferta gastronómica e do patrimonio cultural que caracteriza á provincia de Lugo.
Coa difusión deste vídeo, de tres minutos de duración na súa versión longa, a institución provincial busca non só promover a provincia de Lugo como destino turístico, senón tamén proporcionar ao visitante unha visión inmersiva das experiencias únicas e auténticas que lle agardan durante a súa viaxe pola provincia.
Apoio á marca A Mariña, Galicia de corazón
O mandatario provincial participará esta tarde na presentación da nova marca A Mariña, Galicia de corazón, impulsada pola Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense.Unha marca que ten como obxectivo renovar a identidade turística e de territorio desta comarca de referencia, que nace no contexto de implantación do vixentePlan de Sostibilidade Turística na Mariña 2022–2024 cofinanciado pola Mancomunidade de Concellos, co apoio da Deputación de Lugo. Un Plan que inclúe 5 eixos e 18 liñas de actuación a desenvolver cos municipios, pero tamén cos axentes turísticos.






















A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A alcaldesa Marta Rouco inaugurou a cita, que abriu coa IV Volta Ciclista á Terra Chá e cunha programación centrada na relación entre Galicia e Cuba e na memoria da emigración. Houbo unha mesa redonda sobre o Centro Galego da Habana, a exposición Galicia Imaxinada e música, ademais dunha mostra de xornais antigos. Rouco reivindicou a importancia de lembrar a emigración galega e apelou a mirar con humanidade as migracións actuais, destacando tamén o papel das asociacións culturais das parroquias na conservación das tradicións. A feira continou con desfile de época, xantar popular, xogos, animación, baile cubano, foliada, queimada e propostas musicais e artesanais ata a noite.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Ocorreu minutos antes das 11:30 horas. Unha persoa foi trasladada ao hospital tras resultar ferida na colisión entre un coche e un autobús no quilómetro 512 da A-8 en sentido A Coruña, en Vilaframil (Ribadeo). Entre os alertadores estiveron as persoas que viaxaban no coche, que puideran saír do vehículo. Por outra banda, o autobús conseguiu deterse uns metros máis adiante. Ao punto desprazáronse Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da autovía.
O próximo luns 14 de setembro comeza un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.



