O delegado do Goberno confía tamén na implicación da Xunta xa que, lembrou, “é a que ten a competencia en materia industrial”
A Coruña, 8 de abril de 2024. O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, afirmou que o Goberno estará “vixiante” e que vai seguir “do lado dos traballadores” para que Alcoa atope “a mellor solución”, que pasa polo mantemento do emprego e a actividade industrial na Mariña. Así o manifestou nunha entrevista en Radio Galicia – Cadena SER na que confiou en contar coa implicación da Xunta nesta cuestión xa que, lembrou, “é a que ten a competencia en materia industrial na comunidade”.
Con todo, Pedro Blanco recoñeceu “unha grande decepción” coa compañía norteamericana do aluminio e confiou en que desta vez o anuncio de venda “non sexa unha estratexia”. “Non compartimos a análise da situación da empresa e a nosa posición foi clara e firme desde o principio: a empresa debe cumprir o acordo alcanzado cos traballadores para garantir o emprego e a actividade industrial”, abundou.
O delegado tamén lle puxo deberes ao novo posible propietario que, segundo dixo, debe ser “un comprador industrial, solvente, fiable e que aposte por manter a unidade de aluminio primario na Mariña”. Con todo, recoñeceu que se trata dun “escenario novo” no que o Goberno e o resto de actores implicados van explorar as posibles alternativas nun marco de total confidencialidade.
Altri
Tamén no eido industrial, o delegado do Goberno falou do proxecto de Altri en Palas de Rei, que está a ter unha forte contestación social, unha realidade que Pedro Blanco atribúe á “falta de transparencia da empresa” á hora de aclarar aspectos chaves do mesmo, como o impacto real na economía e no emprego. “Debe presentar un proxecto solvente, no que despexe calquera dúbida sobre a finalidade, os condicionantes ambientais, os recursos naturais e o seu impacto económico real, tanto de emprego como de investimento e retorno económico para a comarca e para Galicia”.
Esa mesma claridade pediuna tamén para a Xunta “ten que dicir se lle interesa a empresa, explicarnos como vai apoiala e se está disposta a poñer fondos propios. Tamén debe garantir o respecto ambiental da contorna e o uso de recursos naturais”, indicou.
Respecto á postura do Goberno, o delegado afirmou que os fondos do Plan de Recuperación están para apoiar o impulso industrial a Galicia e que Altri pode beneficiarse deles como calquera outra empresa. “Quero deixar claro que os requisitos son iguais para todos e igual de esixentes e rigorosos, por suposto sen cumprir as leis e a normativa non hai axudas para ninguén. Somos escrupulosos no cumprimento dos criterios ambientais e na análise da finalidade para a que as empresas piden financiamento”, apuntou.
Trens Avril
En materia de infraestruturas, o delegado foi preguntado pola chegada dos trens Avril a Galicia. Neste senso, pediu desculpas aos galegos e ás galegas e insistiu en que “en breve” será unha realidade velos circulando pola comunidade. “Non é problema de compromiso nin de orzamento, foi un problema da empresa, incapaz de cumprir o contrato e por iso reclamámoslle economicamente polo prexuízo causado”, aclarou.
Este mesmo venres, Renfe anunciaba que prevé iniciar a venda dos billetes para viaxar nestes trens entre Madrid e Galicia o vindeiro 18 de abril, mentres que as primeiras unidades comezarán a chegar a finais da semana que vén coa idea de que empecen a prestar servizos comerciais a máis tardar o 21 de maio.
Plan de Recuperación
Sobre a xestión dos fondos europeos, o delegado do Goberno informou de que Galicia “é a sexta comunidade máis beneficiada, con 3.800 millóns de euros dos que case á metade foron transferidos á Xunta”. Cartos que se traducen en máis de 700 convocatorias resoltas, o 71% e máis de 42.000 beneficiarios entre empresas, pemes, concellos, asociacións e particulares.
“Así, hoxe Galicia é unha terra de oportunidades para galegos e galegas, pero tamén para empresas que elixiron Galicia para establecerse e desenvolver proxectos empresariais, proxectos innovadores que garanten futuro”, sinalou.