A sesión celebrada este martes aprobou unha proposta dos socialistas para pedir ao Goberno galego que arranxe esta estrada autonómica que presenta grandes deficiencias e que é moi empregada pola veciñanza, ao conectar tanto coa Autovía A-6 como coa AG-64
Lugo, 28 de maio de 2024. A Deputación de Lugo urxiu este martes no Pleno á Xunta de Galicia a que impulse obras de mellora da estrada autonómica LU-170, que une Parga e Cabreiros, á altura do termo municipal de Xermade. A moción, presentada polos socialistas, saíu adiante por unanimidade co apoio dos tres grupos representados na Corporación provincial.
O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, explicou que esta vía autonómica é a “estrada sempre esquecida” pola Xunta de Galicia, e evidencia “a falta de compromiso dos gobernos do PP coas infraestruturas da provincia de Lugo e co noso rural en máis de dúas décadas”. Nas súas palabras, Rivera indicou que o PP á fronte da Xunta “tarda anos en arranxar as estradas, amaña a cachiños para que os conselleiros ou conselleiras desta área fagan a foto, pero non entende o valor estratéxico das comunicacións”.
Explicou que esta é unha estrada moi empregada pola veciñanza, ao conectar tanto coa Autovía A-6 como coa AG-64, vías principais de comunicación na Terra Chá, con altos problemas como “pontes demasiado estreitas polas que ten que pasar o bus escolar, fochancas e cun trazado demasiado complexo”. “Esta estrada sabe ben de atrasos constantes, reparacións parciais con fins electoralistas que evidencian unha clara mostra do abandono ao que está sometida esta vía”. “Xa trouxemos esta moción no 2016, que apoiaron no seu momento os populares, pero neste tempo non houbo avances. É máis, tamén o ex Alcalde popular de Xermade, Tomás Rodríguez, cando deixou a alcaldía, dixo que o que máis lle doía do seu tempo á fronte do Concello foi non ter amañado a LU-170”.
A institución provincial solicita que o Goberno galego faga unha mellora integral do firme, limpe as cunetas e renove a sinalización nesta estrada para garantir a seguridade dos veciños e veciñas que empregan a diario esta vía de comunicación.
Rivera Capón comparou o compromiso da Deputación de Lugo coa veciñanza de Xermade, poñendo de exemplo que nos últimos anos investiu preto de 1,5M€ na mellora da estrada que conecta Momán e As Pontes, a LU-P-2204. Unha vía que quedou renovada de xeito íntegro nos últimos anos grazas aos diferentes proxectos que impulsou a institución provincial co Presidente, José Tomé Roca, á fronte.
Axudas para a viticultura heroica
O Pleno tamén sacou adiante unha moción do PSdeG, cos votos a favor de socialistas e nacionalistas e a abstención dos populares, na que se lle reclama á Xunta de Galicia unha liña de axudas específica para os produtores de viticultura heroica que teña en conta as dificultades ás que se enfrontan. En concreto, pídese unhas axudas cun mínimo de 5.000€ por hectárea para incentivar aos produtores da Ribeira Sacra que cultiven en parcelas de máis do 35% de pendente media, que cultiven viñedo en socalcos de muros de pedra, así como a imposibilidade de mecanizar o traballo, entre outros riscos que teñen que asumir a diario. Ademais, a iniciativa recolle que as axudas sexan compatibles e se deseñen de xeito coordinado coas actuacións e medidas postas en marcha para promover a Ribeira Sacra e acadar o recoñecemento deste territorio como Patrimonio da Humanidade.
A Voceira socialista do Goberno, e Deputada de Réxime Interior, Turismo e Promoción do Territorio, Pilar García Porto, explicou que “boa parte das eivas que sofre o agro galego derivan da incapacidade da Xunta para planificar estratexias de desenvolvemento acordes a este século. Fan falta medidas que conxuguen a posta en valor da tradición coa modernización”. “A Xunta carece dunha liña de axudas específica para o mantemento e a promoción da viticultura heroica que si existen noutras comunidades autónomas como Canarias, nas que as axudas por hectárea oscilan entre os 2.300 e os 2.500 euros”, apuntou a Deputada, quen tamén remarcou que países como Portugal, Italia ou Alemaña adoptan liñas deste tipo “como parte das estratexias de promoción do noso rural”.
“A actividade vinícola da Ribeira Sacra, unha das denominacións de orixe con maior potencial da nosa comunidade, non obtén da Xunta a atención que as súas peculiaridades merecen”, afirmou, ao tempo que apuntou o dato de que a maior parte das hectáreas traballadas se atopa a máis de 500 metros de altitude. “Estas condicións do terreo, a insolación, a situación á beira do río e calidade dos solos danlle aos caldos da Ribeira Sacra a súa personalidade distintiva, pero gravan dun xeito importante a actividade das persoas que os traballan”, indicou. “Tamén temos que engadirlle a perda de habitantes, e iso fai difícil atopar man de obra e atraer iniciativas empresariais”, relatou a Deputada. Así mesmo, insistiu en que a viticultura vai máis alá, “porque é unha actividade que xera impacto económico, pero que tamén ten como obxectivo preservar e coidar o territorio nunha zona que foi recoñecida como Reserva da Biosfera”.
Por outra banda, a socialista reprochou aos populares que a Xunta anuncie medidas como o Plan Ribeira Sacra, “que se quedou nun título porque non existía, nunca chegamos a ver financiamento con respecto a iso. Nos orzamentos territorializados non hai axudas específicas para os produtores, a Xunta debería estar para dar solucións, pero non está no territorio cos sectores produtivos”.
Apoio ao colectivo de persoas con ELA
Na sesión celebra hoxe tamén se aprobou unha Declaración Institucional de apoio ao colectivo de persoas con Esclerose Lateral Amiotrófica (ELA). A Deputación amosa o seu compromiso e sensibilidade coas persoas que padecen esta enfermidade, ao tempo que se compromete a dar traslado ao poder lexislativo estatal para que proceda á tramitación de xeito preferente, urxente e prioritario dunha Proposición de Lei que recolla as mellores achegas de cada unha das normas aprobadas de xeito unánime e non esqueza que a garantía dos coidados 24 horas e 7 días á semana deben constituír a base fundamental da futura lei.
Do mesmo xeito, a Deputación comprométese a continuar colaborando coas persoas afectadas pola ELA e dentro das súas posibilidades, poñendo á súa disposición o asesoramento técnico dos Servizos Sociais provinciais á hora de tramitar todas aquelas axudas e prestacións establecidas para a mellora da calidade de vida dos doentes e das súas familias. No texto, a Deputación invita a todos os concellos a que se unan a esta reivindicación e amosen publicamente o seu apoio aos afectados pola ELA.





















O programa inclúe inscricións, concertos, exhibicións, rutas e exposición de vehículos. Con motivo do evento, haberá cambios temporais de tráfico no casco urbano, con prohibicións de circulación e estacionamento en varias rúas e modificacións de sentido. O Concello pide á veciñanza que respecte a sinalización para garantir o correcto desenvolvemento das actividades.
A piscina abrirá de luns a venres de 8:30 a 13:00 e de 15:30 a 22:00, e os sábados de 8:30 a 14:30. O ximnasio manterá horario continuo de luns a venres, de 8:30 a 22:00, e os sábados de 8:30 a 14:30. A tempada arrinca tras diversas melloras nas instalacións, entre elas a renovación da cuberta do polideportivo, cun investimento de 195.000 euros, así como a substitución de portas de emerxencia, a intervención en pontóns das piscinas e o cambio das huellas de volteo. O Concello continúa así reforzando o mantemento e a seguridade dun complexo utilizado diariamente por numerosos veciños e deportistas.
Este luns, 14 de setembro, visitaron Mondoñedo, a Praia das Catedrais e Santa Cruz. A viaxe evocou as lecturas de Cunqueiro e as súas Crónicas do sochantre, nun percorrido que incluíu a catedral mindoniense e o barrio dos Muíños, ademais da emblemática praia de Augas Santas. Pola tarde participaron nunha exhibición de billarda grazas á estimable colaboración dos billardeiros da comarca. O martes partiron de regreso a Loktudi.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A programación arrancará de 13:00 a 15:00 horas cos pinchos de benvida e unha sesión vermú a cargo do DJ Peabody. A continuación, de 15:00 a 17:00 horas, terá lugar a comida na Finca San Antonio, cun menú composto por salpicón de rape e langostinos, codillo con patacas, pan, postre, café, chupito e bebida incluída. Os tickets teñen un prezo de 40 euros e poden adquirirse en O Rincón, Confitería Alianza, Comercial Anjor e Perruquería Oriola; os menores de 5 anos asistirán de balde e os de 6 a 10 anos contan cun desconto do 50 %. Xa a partires das 18.30 horas haberá sesión de música con Toxo Guayaba.
Este luns, 14 de setembro, deu comezo un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.



