En Viveiro, a líder do BNG defende declarar Galiza zona altamente dependente da pesca e que teña “voz e voto” no Consello de Pesca

Santiago de Compostela, 26 Maio 2024. A portavoz nacional, Ana Pontón, pediu no mitin de Viveiro unha gran mobilización de toda a cidadanía que quere que Galiza teña voz propia en Bruxelas, reclamando un apoio masivo nas urnas á papeleta do BNG que lidera Ana Miranda para garantir un escano galego en Europa. “Somos a candidatura de toda esa cidadanía que quere que Galiza teña unha voz forte e libre que a defenda na Eurocámara e, ao mesmo tempo, que esa voz se alce a favor dunha Europa social, antimilitarista e pola paz”.
“O escano do BNG é o que marca a diferencia en defensa de Galiza e doutro modelo de Europa que inclúe todas as causas xustas, unha Europa social, pacifista, dos pobos”, salientou a líder nacionalista, quen puxo o traballo feito como o “mellor aval” para solicitar o apoio da cidadanía o 9 de xuño, fronte a unhas forzas estatais que só ven Galiza como un graneiro de votos. Foi o BNG quen defendeu o dereito dos sectores produtivos, as infraestruturas estratéxicas, a rexeneración das rías ou un reparto equitativo de cotas de pesca.
Neste sentido, en Viveiro a líder nacionalista subliñou que unha das prioridades do traballo político do Bloque ante as instituciós comunitarias será reclamar que Galiza sexa declarada zona altamente dependente da pesca, así como unha reforma da Política Pesqueira Común para que deixe de dar un trato discriminatorio á frota galega na adxudicación de TACs e cotas. Ademais, alegou Pontón, o sector da pesca é un exemplo de que Galiza ten que ter dereito a decidir, “voz e voto” nas mesas de negociación nas que se toman decisións sobre asuntos estratéxicos para o País, “a pesca e o marisqueo é un deles”, subliñou.
Galiza ten 1.500 quilómetros de costa e unha das frotas de pesca máis importantes da UE, Bélxica ten 70 quilómetros de litoral e unha mini frota, pero está no Consello de Pesca e Galiza non, explicou Pontón, “hai que mudar este tipo de situacións que non teñen sentido”.
Na Mariña, Pontón tamén fixo referencia á multitudinaria manifestación celebrada hoxe en Palas de Rei, lembrando que foi o BNG quen en 2013,pelexou en Europa para frear a macromina de Corcoesto, “e no 2024 estamos loitando para frear a bomba ambiental da macrocelulosa de ALTRI que o PP quere colocar no corazón deste país, paramos a desfeita de Corcoesto e, man a man coa xente, imos parar a desfeita de ALTRI”, destacou.
Pontón destacou que por moi lonxe que pareza Bruxelas da Mariña, a Unión Europa adopta cada día decisións que afectan na vida dos e das galegas. Galiza “xógase moito” nas eleccións europeas e por iso é tan importante estar alí con voz propia, libre, sen ataduras, para defender os intereses deste País como fixo o BNG da man de Ana Miranda “e como imos seguir facendo a partir do 9 de xuño con máis forza que nunca”, recalcou.
A portavoz nacional destacou que sen o BNG, Galiza estaría completamente desaparecida da axenda europea, “e isto é algo que coñece ben a cidadanía”, por iso é fundamental ter un escano galego que teña como “única lealdade” servir a este País e a súa xente. “Somos o equipo da casa, o único que vai defender as cores de Galiza, desde a razón e desde o corazón, con toda a nosa a forza fronte a un Partido Popular que mira cara Madrid, cada vez máis centralista e ultra, e aí esta Rueda manifestándose ao lado dos sectores máis reaccionarios do Estado”.
“A lealdade de Rueda está na rúa Génova, está co lobby eléctrico, está coas súas empresas amigas, está coas multinacionais enerxéticas. Por contra, no BNG só temos unha lealdade: cos galegos e coas galegas e por iso podemos presentarnos o 9 de xuño ante a cidadanía e pedirlle o seu apoio co aval do traballo feito, co orgullo de ter defendido os intereses deste País, antes, agora e sempre”, subliñou.
Pontón rematou facendo unha apelación a participar na cita coas urnas, non deixarse levar pola estratexia de baixo perfil e de indiferencia cara as eleccións europeas que están promovendo “os mesmos poderes que queren que nada cambie, tampouco na UE, que queren manter o seu status quo, son os mesmos poderes que, sen pasar polas urnas, impoñen a través das forzas políticas que os apoian a precariedade, os recortes nos servizos públicos, -mentres aumentan o gasto militar-, e os recortes en dereitos laborais, dando prioridade ós beneficios obscenos do gran capital mentres as maiores sociais se empobrecen”.
“Coller masivamente a papeleta do BNG o 9X é unha maneira de derrotar a eses poderes que impoñen unha Europa dos mercaderes para axudar a construír unha Europa das persoas”, concluíu.






















O prólogo é da profesora de Debuxo Camino Casabella Pumares, artista con raíces no Alfoz do Castrodouro, que participará na presentación xunto ao presidente do colectivo. Cinco dos pintores estarán presentes no acto, xa que Alaxe faleceu hai tres anos. A portada do caderno é obra do ilustrador Xosé Blanco. O evento celebrarase o sábado 8 de agosto ás 20:00 horas no castelo do Castrodouro, en Alfoz do Castrodouro.
En total foron ofertadas preto de 80 prazas de surf, piragüismo e vela, destinadas a nenas e nenos con idades comprendidas entre os 9 e os 15 anos. As escolas desenvolvéronse en diferentes quendas nos meses de xuño e xullo. O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, subliñou “a importante participación da rapazada ribadense nas escolas deportivas de verán, que organizamos desde o Concello de Ribadeo coa axuda dos clubs que as impartiron. Queremos agradecer ás familias a confianza depositada nas nosas actividades, que lles serviron aos asistentes para practicar deporte na auga e para pasar uns días aprendendo e perfeccionando técnicas”.
No encontro mantido na sede da delegación territorial da Xunta en Lugo, no que tamén estivo o director territorial da Consellería, Marco Antonio Fernández Piñeiro. abordáronse liñas de cooperación para a mellora de Infraestruturas e de seguridade viaria, de interese para este municipio. O departamento que dirixe M. Allegue segue prestando apoio aos municipios para executar actuacións que contribúan a mellorar a calidade de vida da veciñanza e a reforzar a competitividade económica.
Xa se poden ver auténticas "artistadas", todas coas serea como protagonista, enchendo o ambiente desa creatividade tan propia da celebración.
O corte estará vixente entre as 00:00 e as 05:00 horas da madrugada do venres 7 ao sábado 8 de agosto, co obxectivo de garantir a seguridade das persoas asistentes e o correcto desenvolvemento do evento, que terá lugar nos Xardíns Noriega Varela. Desde o Concello de Viveiro solicítase a colaboración da veciñanza e das persoas condutoras, recomendando planificar os desprazamentos con antelación e utilizar itinerarios alternativos durante o tempo que permaneza vixente esta restrición.
A mostra sobre Mimina, que repasa a súa traxectoria vital e artística e o seu papel esencial na creación de Sargadelos como empresa cultural, amplía o seu período de apertura até o 12 de agosto grazas á cesión das instalacións por parte do Concello de Cervo. A exposición poderá visitarse todos os días de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00, e tamén se poden concertar visitas noutros horarios ou para grupos chamando ao 636020514 (Lucía).
No Campo de Fútbol de As Valgas poderanse ver desde as 21.30 horas as actuacións de Netos de Bandim, chegados desde Guinea Bissau; da Philippine Performing Arts Company, das Filipinas; e do grupo anfitrión O Arco da Vella. Un encontro único de culturas, ritmos e emocións que promete unha noite inesquecible.



