A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático visitou ao alumnado do CEIP Terra Chá de Vilalba, que participa neste programa formativo
Vilalba, 20 de xuño de 2024. A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, salientou hoxe o importante labor que está a realizar a Xunta, a través do proxecto Mestres Gandeiros, na concienciación dos escolares galegos sobre as boas prácticas agrarias e medioambientais dos profesionais do medio rural, que contribúen ao coidado da paisaxe e da biodiversidade de Galicia.
A responsable autonómica visitou o CEIP Terra Chá de Vilalba, un dos 15 centros que participaron neste programa durante o curso 2023-2024, onde puxo en valor unha iniciativa educativa que involucrou a máis de 780 alumnos -de infantil, primaria, secundaria, bacharelato e Formación Profesional- e 120 docentes de Galicia.
Esta acción -impulsada pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático en colaboración coa Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e enmarcada no Plan Proxecta- trata de transmitir aos escolares a cultura do coidado da terra e da natureza mostrando o xeito en que os agricultores e gandeiros da comunidade se converten en importantes activos na protección do medio ambiente polas boas prácticas que caracterizan o seu labor diario.
Ángeles Vázquez, que estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, lembrou que esta iniciativa xurdiu como resultado do proxecto Interreg Europe Biogov, desenvolvido no período 2018-2021 e no que Galicia foi pioneira a nivel nacional ao ser, a través do Instituto de Estudos do Territorio (IET), un dos nove socios europeos que participaron na súa execución.
A representante do Executivo galego puxo en valor a singularidade do proxecto Mestres Gandeiros e destacou que esta iniciativa foi elixida pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional para representar a Galicia na serie de publicacións de boas prácticas que a Subdirección Xeral de Cooperación Territorial e Innovación Educativa do Goberno central difunde sobre educación para o desenvolvemento sostible.
A súa elección debeuse a que se trata dunha acción cun traballo profundo, coa preparación de material didáctico de moita calidade e que defende o desenvolvemento sostible desde as perspectivas natural, demográfica e económica. Ademais, foi distinguida co Premio empregados públicos innovadores na edición de 2022.
CEIP Terra Chá
Este centro educativo participa no programa Mestres Gandeiros con 73 alumnos -do segundo ciclo de infantil e todos os ciclos de primaria- e 10 docentes cunha actividade didáctica centrada no coidado e características da ovella galega na súa contorna e na difusión dos valores naturais e paisaxísticos da provincia.
De feito, o CEIP Terra Chá conta cun invernadoiro cunha horta ecolóxica, un galiñeiro con animais de raza autóctona como a galiña de Mos e dous exemplares de ovella galega, o que o converte no primeiro centro educativo de Galicia que cría esta última especie nas súas instalacións. Ademais, este colexio converteuse nunha explotación gandeira a todos os efectos pois está inscrito como instalación criadora da raza ovella galega e ten o seu galiñeiro convenientemente rexistrado.
Ao longo do curso académico o alumnado colabora nos traballos de coidado do galiñeiro, da horta e das ovellas, o que lle permite adquirir coñecementos no eido das ciencias naturais e sociais ao tempo que aumentan a súa sensibilización no coidado da flora, da fauna e do medio ambiente no seu conxunto. Deste xeito as nenas e nenos adquiren unha maior conciencia ambiental ao participar nunha experiencia enriquecedora na que se involucran eles, as súas familias e o profesorado do centro.




















Unha iniciativa destinada "a expresar apoio, afecto e solidariedade con Ceuta". A concentración terá lugar diante da Casa do Concello.
O Concello destacou que esta primeira edición nace para impulsar a creación literaria e manter vivo o legado de Manuel García-Galano. A obra gañadora, definida pola autora como unha historia de suspense psicolóxico sobre amizade, lealdade e segredos, engádese á programación cultural da XXXIII Feira Campomar. Con este premio, o concello inicia unha traxectoria destinada a honrar a figura do escritor a través da literatura.
Villares felicitou á entidade lucense polos éxitos acadados na última tempada e puxo en valor “o traballo e dedicación dos nadadores e nadadoras e o esforzo do equipo técnico” do club. Recalcou en especial o impulso ao deporte base dende idades moi temperás, en liña coa aposta da Xunta por fomentar a actividade física entre os nenos e nenas con accións como o programa de deporte escolar Xogade, que no curso pasado chegou case ao 60% do alumnado galego.
A convocatoria enmárcase na iniciativa promovida pola FEMP para trasladar desde as entidades locais o seu apoio e solidariedade coa Cidade Autónoma de Ceuta. Deste xeito, Viveiro únese á convocatoria xunto con concellos de todo o territorio, amosando o seu respaldo institucional á Cidade Autónoma.
A obra premiada aborda a emigración galega desde unha voz feminina, e o pregón destacou o traballo colectivo e a transmisión entre xeracións dentro da Banda. Con este acto, o Concello dá inicio a unha programación festiva que nos próximos días combinará tradición, cultura, deporte e música para todos os públicos.
Durante esas xornadas realizaranse estudos xeotécnicos imprescindibles para planificar correctamente as actuacións previstas, o que require que a maquinaria e o persoal traballen directamente sobre a infraestrutura, impedindo o paso de vehículos. Recoméndase ás persoas usuarias empregar rutas alternativas durante o corte, que só permitirá o acceso ás dúas vivendas situadas na Barxa. O Concello pide desculpas polas molestias e agradece a colaboración da veciñanza.
Afirman que os accesos ao Campo da Festa resultan moi dificultosos, especialmente para persoas con carriños de nenos ou cadeiras de rodas. Critican que a obra se trasladase a esta zona xusto antes das festas, deixando outros tramos a medio facer e sen ter en conta as necesidades dun barrio que consideran “marxinado”. Sinalan tamén á alcaldesa como responsable de evitar esta situación. A veciñanza esixe un arranxo inmediato do acceso, aínda que sexa provisional, e a instalación dunha sinal luminosa na alambrada situada ao final da obra.



